En Marea, BNG e Anova cualifican a decisión de "ataque á democracia" e piden "diálogo"

Villares, Leiceaga e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Os líderes de varias das formacións políticas galegas valoraron a decisión adoptada polo Goberno de Mariano Rajoy pouco despois do anuncio das medidas aprobadas polo Consello de Ministros. A intervención da Generalitat a través do artigo 155 foi rexeitada por completa por En Marea, BNG e Anova, mentres que o PSdeG-PSOE defendeu a través de Xoaquín Fernández Leiceaga unha aplicación do 155 "moderada" para "restaurar o autogoberno" de Cataluña na súa "plenitude".

 

En Marea pide "diálogo"

Para En Marea o anuncio da destitución de Puigdemont e o Govern catalán é un “grave erro democrático pois fulmina aos representantes que lexitimamente representan o pobo de Cataluña”. “O PP, que se mantivo sempre no inmobilismo, elimina agora o seu interlocutor, elimina a política de diálogo e pretende eliminar aos que poderían resolver un conflito que é político”, sinalou Luís Villares. Dende En Marea “reclamamos a paralización inmediata das medidas anunciadas e pedimos a todas as partes que se senten a dialogar” porque “acaban de deixar sen voz ó pobo de Cataluña e isto non é admisible en termos democráticos”, dixo.

Pola súa banda, a voceira de En Marea no Congreso Yolanda Diáz, manifestou “tristeza” tras coñecer as decisión adoptadas polas forzas do Réxime “que operan máis violentamente que nunca”. “ Había unha solución pola vía do diálogo, pero o PP e o PSOE deciden operar con toda a súa forza contra Cataluña. Non lles serve con convocar novas eleccións se non que deciden atacar a representación lexítima e elexida democráticamente polo pobo catalán”, sinalou. Para Díaz “isto favorecerá a confrontación civil con consecuencias irreversíbeis. Avanzará o recorte en liberdades públicas, en dereitos fundamentais e nun proceso de recentralización do Estado que nunca vivimos. Iso afecta a todo o Estado, a toda a cidadanía. Non podemos toleralo".

 

BNG: "golpe de estado e golpe á democracia"

O BNG cualificou o anuncio de "golpe de estado e golpe á democracia en Cataluña", sinalando que Rajoy "toma pola forza o que a sociedade catalá lle negou sistematicamente nas urnas". A súa portavoz nacional, Ana Pontón, sinalou que se trata "dunha barbaridade" e, ademáis, "un acto inútil porque non se pode cesar, nin ilegalizar a vontade dun pobo que quere decidir libremente o seu futuro". O BNG tamén critica o papel "cómplice que está xogando o PSOE ante unha involución democrática".

Pontón fai un chamamento para que nesta semana "haxa tempo para a reflexión e se poida "rectificar este atentado democrático". “O goberno español tiña en riba da mesa dúas saídas a este conflito. Por unha banda, aceptar a oferta de diálogo formulada polo Goberno catalán con posibilidade de intermediación internacional en aras a buscar e consensuar unha solución pactada, democrática e pacífica” e, por outra banda, “negar esa posibilidade e dar unha resposta en clave exclusivamente represiva en todos os ámbitos”, afirma a formación nacionalista. “O Goberno español optou pola segunda opción e hoxe dálle carta de natureza e comezo formal a un proceso que terá importantes consecuencias políticas,  e que amosa a situación de involución democrática que non só afecta á negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de recentralización,  retroceso e perda de dereitos e de liberdades básicas nunha democracia”, sinala a Executiva nacional do Bloque.

 

ANOVA: "Están en xogo os dereitos e liberdades de todos os cidadáns do Estado"

Pola súa banda, Lara Rodríguez, Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez realizaron unha comparecencia ante os medios tralo remate da xuntanza da Coordinadora Nacional de ANOVA. Beiras cualificou a intervención da Generalitat por parte do Goberno central como un "golpe de estado" e afirmou que "non se dan as condicións para a aplicación do artigo 155. E subliñou que no conflito aberto "non só están en xogo o dereito democrático da cidadanía catalá a decidir o seu destino como pobo", senón que "os dereitos e liberdades de todos os cidadáns do Estado". "Asistimos a un golpe de estado televisado en horario de máxima audiencia, liquidan a democracia en Cataluña", engadiu. Mentres, Antón Sánchez -portavoz nacional da formación- sinalou que o que está acontecendo é “unha batalla pola democracia real fronte a represión e a defensa dos dereitos sociais e nacionais”.

 

Villares, Leiceaga e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.