0 Gardados para despois

O goberno de Baltar consolídase como o máis caro das deputacións galegas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Xunto aos detalles das contas públicas para o ano vindeiro e as modificacións legais que serán aprobadas con elas, a tramitación dos Orzamentos Xerais da Xunta é tamén a ocasión anual para coñecer, dun xeito esquemático e, sobre todo, comparable entre si, os trazos fundamentais das finanzas das catro deputacións galegas. No marco do apenas desenvolvido mandato estatutario de coordinación entre os entes provinciais e o Goberno galego, o proxecto orzamentario inclúe un anexo coas grandes magnitudes dos orzamentos vixentes nas deputacións no ano en curso, o que permite observar as súas prioridades de gasto, o xeito en que estas evolucionan no tempo e tamén trazos como canto gasta cada deputación nos seus propios órganos de goberno, eido no que a de Ourense volveu destacar en 2017 por cuarto ano consecutivo.

A memoria das deputacións correspondente ao presente ano, incluída nos Orzamentos Xerais do Executivo galego para 2018, revela que o goberno provincial dirixido por José Manuel Baltar volveu incrementar neste ano a partida destinada a órganos de goberno. Fíxoo nuns 300.000 euros, ata os 4,7 millóns, máis do duplo do que reserva para estas funcións a deputación que menos gasta nelas, a da Coruña, con 2,3 millóns.

Mentres, dende 2014, esta partida se caracterizou nas outras tres deputacións provinciais pola estabilidade, a que dende 2015 é a única das catro deputacións con goberno do PP emprendeu dende o ano seguinte unha tendencia á alza que a achega, neste ámbito, á administración provincial que máis gastara en órganos de goberno nesta década, a Deputación de Pontevedra no ano 2011, aínda con Rafael Louzán á fronte, cuxo goberno emprendeu nos anos seguintes, no entanto, unha notable redución que se mantivo coa chegada do goberno de coalición de PSdeG e BNG.    

Nas contas da Deputación de Pontevedra destaca o peso das transferencias aos concellos e nas da Coruña e Lugo, a ausencia de débeda

Alén dos gastos de órganos de goberno e funcionamento xeral tamén existen outras diferenzas na administración económica das catro deputacións. Sempre segundo a memoria difundida dende a Consellería de Facenda xunto aos Orzamentos Xerais, segue sendo tamén a que máis gasta en persoal por habitante (96,1 euros fronte aos 72,1 de Lugo, os 46,1 de Pontevedra e os 35,1 da Coruña). Destaca tamén, non obstante, na porcentaxe do seu orzamentoa destinado á partida de benestar comunitario -un 23%-, con 18,01 millóns de euros derivados da asunción de competencias que noutras provincias prestan os concellos ou outras administracións. 

No reparto do orzamento por programas destaca o gran peso que acadan as actuacións de carácter xeral na Deputación de Pontevedra, cun 47% derivado do forte incremento nos últimos anos das transferencias aos concellos -chegan a un 29% do total do orzamento, con 43,4 millóns-. A Deputación de Lugo, pola súa banda, segue a ser a máis investidora das catro malia a unha lixeira redución interanual -os investimentos reais son case un 20% do orzamento- e, xunto á da Coruña, destaca nesta memoria correspondente a 2017 por non ter xa débedas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.