0 Gardados para despois

Sanidade recupera o orzamento de 2009 mentres o ensino segue por baixo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Goberno de Alberto Núñez Feijóo vén de presentar os seus novenos Orzamentos Xerais cunha previsión de gasto de 9.487 millóns de euros, o máximo legalmente permitido, que traen consigo algunhas novidades relevantes nas súas principais magnitudes mentres seguen a deixar pendentes algunhas das materias máis sensibles. Unha primeira ollada a estas contas revela que, nove anos despois, en 2018 a sanidade pública galega vai recuperar a dotación orzamentaria que tiña cando o PP retornou ao poder. Mentres, o financiamento da educación segue lixeiramente por baixo.

Cun montante total -gastos financeiros incluídos- de algo máis de 10.400 millóns de euros, o proxecto orzamentario que este venres entregou ao Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, incrementa a práctica totalidade das partidas con relación ao ano 2017, pero non sucede o mesmo se a comparación se realiza co 2009. Así, en termos interanuais a partida que máis medra é a de turismo, con 55 millóns de euros que supoñen un incremento próximo ao 30%, seguido da promoción empresarial, cun 22% máis que en 2017, e as infraestruturas, cunha suba do 20%.

Con relación ás contas aprobadas para este ano só retroceden seis partidas. Con descensos que comezan nun reducido 0,17% na área de accións de medio rural e continúan cun 2% menos para protección civil, un 3% menos para actividades económicas e un recorte de case o 8% en dinamización rural. O orzamento da área de industria retrocede, pola súa banda, case un 20%.

A partida da débeda cae un 30% interanual tras medrar máis do 200% nos últimos nove anos

A partida orzamentaria que máis se reduce entre 2017 e 2018 é, paradoxalmente, a segunda que máis medrou con relación ao ano 2009, a débeda pública. As previsións orzamentarias do Goberno prevén atender o endebedamento en 2018 con algo máis de 1.200 millóns de euros, o que supón un 32% menos que en 2017, pero un 210% máis que cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia.

As áreas sociais

No que atinxe ás áreas do orzamento comunmente coñecidas como gasto social a Sanidade está por primeira vez dende 2010 un chisco por riba dos fondos destinados por PSdeG e BNG nas súas últimas contas públicas. Serán en 2018 algo máis de 3.660 millóns de euros, un 3,3% máis que hai nove anos e un 7,4% máis do previsto para este 2017. O resto de áreas sociais tamén medran a respecto do ano anterior e, con relación ao ano 2009, a que maior avance experimenta é a de acción e promoción social, da que saen prestacións como as da dependencia ou a Renda de Inclusión Social, cuxa demanda e persoas perceptoras experimentaron un forte incremento nos últimos anos. Así, esta función do orzamento estará dotada en 2018 con 725 millóns de euros, case un 30% máis que en 2009 e un 9% por riba de 2017.

O orzamento educativo medra un 3,22% a respecto de 2017, pero segue un 5% por baixo das últimas contas do bipartito

Educación, pola súa banda, tamén ter máis orzamentos que en 2017, concretamente un 3,22% máis que sitúa a partida nos 2.280 millóns de euros. Isto implica, daquela, que a achega da Xunta ao ensino segue a ser un 5% menor que en 2009.

A diferenza do orzamento educativo con relación a 2009 é, así e todo, moito menor ás partidas que máis se resentiron nestes anos. Así, das directamente dependentes da Xunta a normalización lingüística segue a ser a peor parada, con case un 65% menos de orzamento que en 2009 malia a gañar en 2018 case un 12%, ata os 7,6 millóns. Entre o 50% e o 60% móvense tamén os recortes acumulados en ordenación do territorio, cooperación ao desenvolvemento, actuacións ambientais, cultura ou comercio. 

Normalización lingüística segue a ser a área de xestión directa da Xunta con maior caída porcentual do seu orzamento dende 2009

No que atinxe á distribución do orzamento por consellerías o incremento do orzamento dáse en todas, aínda que con diferente intensidade. Neste contexto, a que máis incrementa a súa dotación é a Consellería de Infraestruturas, por riba do 11%, e a que menos, Facenda, co 1,5%. No caso de Educación, a segunda que menos sobe -2%- o importe da súa dotación orzamentaria non é comparable, mecanicamente, coa de anos anteriores, xa que parte do orzamento dos autobuses escolares, uns 15 millóns de euros, pasa a estar incluído na devandita Consellería de Infraestruturas como consecuencia do novo plan de transporte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os soldos do Goberno e os seus gabinetes soben un 1%, na liña do reposto ao persoal público

Os Orzamentos Xerais de 2018 consolidan para o presidente da Xunta, os demais membros do Goberno e mais o seu persoal de gabinete o incremento do 1% nos salarios, na liña do reposto ás remuneracións do persoal público tras os sucesivos recortes. Os salarios dos membros do Executivo suman algo máis de 714.000 euros, con 73.406,76 euros anuais para Alberto Núñez Feijóo e 64.067,04 para o resto do Consello.

No que atinxe ao persoal eventual de gabinete, esta partida ascende a 3,9 millóns de euros para o persoal directamente vinculado aos membros do Executivo, aínda que existe máis que exerce estas funcións noutros departamentos da Administración. Como en anteriores orzamentos, as contas públicas de 2018 seguen sen especificar cantas persoas exactamente compoñen os gabinetes das consellerías, información que só se ofrece parcialmente no Portal de Transparencia da Xunta.