A Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas con só 23 traballadores

A Xunta suma sentenzas que reflicten a súa incapacidade para atender ben a todos os seus tutelados CC-BY-SA Praza Pública

A fundación galega para a tutela de adultos (Funga) acumula sentenzas que evidencian a súa incapacidade para atender a todos os seus protexidos

A Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) foi creada hai 20 anos para atender as persoas maiores de idade ás que a xustiza modificase a súa capacidade de obrar e encomendase ao coidado da Xunta. Hoxe ten baixo a súa supervisión a máis de 3.000 persoas con tan só 23 traballadores, o que segundo diversas fontes internas e externas consultadas impide prestar unha atención adecuada a todos eles. Así o reflicten numerosas sentenzas: tutelados que exercen a mendicidade e mesmo un que cometeu un asasinato, desvío de responsabilidades propias a outras administracións ou entidades sociais ou relacións laborais conflitivas no seu seo son algunhas das eivas do funcionamento da Funga que veñen poñendo en evidencia os tribunais nos últimos anos.

Os propios Orzamentos da Xunta para 2018 non reflicten a cifra actual de persoas atendidas pola Funga senón que recollen a de 2016, cun total de 3.249. Porén, fontes internas sinalan que a cifra real aproxímase máis aos 4.000. O que si admite a Xunta é que a cifra vai seguir crecendo. Para atendelos, a Funga conta cun cadro de persoal de 23 persoas (ata o ano pasado non pasaron de 19) cun orzamento de arredor dun millón de euros achegado fundamentalmente pola Consellería de Política Social, da que depende. Ademais, a fundación carece desde hai dous anos de director-xerente e o procedemento aberto pola Xunta para seleccionar unha nova persoa para o cargo foi declarado deserto a comezos deste ano. A última memoria de actividades colgada na súa web é de 2012.

A Consellería de Política Social non responde á pregunta directa de se a Funga pode atender correctamente aos seus tutelados con 23 traballadores e salienta que vén de aumentar o seu cadro "nun 21%"

Este diario contactou coa Consellería de Política Social para solicitar unha reunión con algún responsable da fundación ou da propia consellería que explicase polo miúdo a situación actual da Funga e o seu efecto sobre as persoas atendidas. A consellería respondeu cun correo electrónico no que non contesta á pregunta directa de se a Funga pode atender correctamente aos seus tutelados con tan poucos traballadores. Pola contra, opta por salientar que ao pasar de 19 a 23 empregados “se aumentou o seu cadro de persoal nun 21%”. Sobre a ausencia de director-xerente, a Xunta di que “neste momento está próxima a cobertura desta praza, non obstante en todo momento se cubriron as funcións e responsabilidades inherentes a ese cargo”.

A Funga carece de director-xerente desde hai tres anos e a selección dun novo quedou deserta Dominio Público Xunta de Galicia

Neste contexto, a Funga acumula sentenzas que evidencian a súa dificultade para atender aos seus protexidos, que poden selo por tutela (cando a incapacidade decretada é máxima, e que supoñen a metade do total de persoas atendidas), curadoría (cando a incapacidade é parcial e o protexido pode seguir administrando algunha faceta da súa vida con algún tipo de supervisión) ou por defensa xudicial (supervisa o posible conflito entre un incapacitado e un terceiro titor ou actúa nunha fase previa á determinación dunha tutela ou curadoría).

Tutelados pola Funga que cometen delitos ou son vítimas deles

Son varias as sentenzas emitidas nos últimos anos por diversos xulgados nas que se reflicte a incapacidade da Funga para evitar que tutelados seus cometan delitos ou sexan vítimas deles. A resposta da Xunta a cada caso é que cumpriu coa lei e non é responsable do que lles sucedeu aos seus tutelados.

En febreiro de 2011 a Audiencia da Coruña condenou por asasinato a unha persoa tutelada pola Funga e a Xunta salienta que a sentenza a exime de responsabilidades

En febreiro de 2011 a Audiencia Provincial da Coruña condenou por un delito de asasinato, coa “eximente incompleta de anomalía psíquica”, a un home tutelado pola Funga que padecía un “trastorno do comportamento, cun coeficiente intelectual baixo, sendo de personalidade influenciable, aínda que a súa capacidade de fabulación é moi limitada; este acusado foi declarado incapaz, atopándose baixo a tutela da Funga”. O tutelado, con outro home, atropelou cunha furgoneta un terceiro home para roubarlle a carteira.

A este caso a Xunta responde que “a modificación da capacidade dunha persoa non implica que esta deba de residir nun centro; é máis, o ingreso involuntario dunha persoa nun centro require que o titor solicite autorización xudicial”, e engade que neste caso “esta persoa foi dada de alta dun centro especializado coa única prescrición de facer un seguimento ambulatorio da enfermidade que tiña diagnosticada, non existindo pois causa para que esta persoa estivese involuntariamente nun centro”. Política Social engade que “na propia sentenza se exime de responsabilidades á Funga”.

En 2016 catro persoas foron condenadas por escravizar a un tutelado pola Funga ao que lle quitaban a pensión e a Xunta salienta que a sentenza non estableceu mala praxe da fundación

Noutro caso, en 2016 a Audiencia Provincial da Coruña condenou a dous matrimonios por delitos de trata de seres humanos, tratos degradantes, lesións e furto cometidos sobre varias persoas, ás que escravizaban e golpeaban obrigándoas a mendigar para eles. Unha das vítimas, segundo a sentenza emitida en xullo pola sección segunda da Audiencia Provincial, era unha persoa con esquizofrenia paranoide incapacitada por resolución xudicial en 2013 “cuxa tutela ten asumida a Funga”. Malia iso, a sentenza relata como en 2014 os acusados “se quedaron no seu beneficio propio co diñeiro da pensión que cobraba” a vítima, que era tutelada pola Funga.

Política Social obvia a pregunta que se lle formula sobre como é posible que se quedasen coa pensión do seu tutelado e responde que “o feito de que unha persoa estea tutelada pola Funga non significa que exista convivencia nin unha restrición de dereitos. Ao respecto do dereito á liberdade que esta persoa ten, implica a asunción de certos riscos como ocorre con calquera persoa”. E engade que “neste caso, en canto se tivo coñecemento dos feitos, en coordinación coa Fiscalía se participou no procedemento xudicial, protexendo os dereitos e intereses da persoa”. A Xunta tamén salienta deste caso, como do anterior, que “todo isto foi xulgado nese procedemento xudicial sen que se determinase mala praxe por parte da Funga”.

Pero estes non foron os únicos casos dos últimos anos nos que un tutelado acabou exercendo a mendicidade ou cometendo un delito. O ano pasado outra sentenza, emitida en febreiro polo xulgado do Penal número 2 de Ourense e ratificada en maio pola sección segunda da Audiencia Provincial reflicte como un condenado por agredir a dous axentes da Guardia Civil estaba “incapacitado desde hai anos e o seu titor é a Funga”. O forense reflicte que esa persoa “subsiste da caridade da familia ou veciños” e “vive da mendicidade que practica habitualmente”.

Fronte a casos de tutelados con poucos recursos que fan a súa vida, a Funga pide o internamento nunha residencia dunha muller á que o Tribunal Supremo recoñeceu que pode seguir vivindo na súa casa porque ten cartos para estar atendida alí

Fronte a estes casos de tutelados con poucos recursos económicos que fan a súa vida, en novembro do ano pasado a Funga recorreu ao xulgado de primeira instancia número 3 da Coruña para que decretase o ingreso nunha residencia dunha muller que está baixo a súa tutela pero que tiña recoñecido o dereito a seguir vivindo na súa casa, como ela quería, xa que conta con recursos suficientes para estar ben atendida alí. A súa incapacidade fora decretada por outro xulgado distinto, o número 10, e fora recorrida posteriormente por unha filla. Tanto a Audiencia Provincial da Coruña como o Tribunal Supremo ratificaron esa tutela, pero non total como pretendía a Funga senón recoñecendo ambos que a anciá tiña capacidade “para decidir onde quere vivir, por exemplo na súa casa” e “desaconsellando as expertas o cambio de casa e de hábitos”, segundo a sentenza da Audiencia. O Tribunal Supremo ratificou que “no persoal non vai sufrir cambios substanciais posto que vive, e quere seguir vivindo, na súa casa debidamente atendida”. Malia eses dous pronunciamentos explícitos previos da Audiencia e do Supremo, a Funga pediu e obtivo o seu ingreso nunha residencia a un xulgado que non coñecera do caso previamente.

A Xunta responde que, tras a incapacidade establecida en 2014, en 2016 “detectouse un empeoramento substancial desta persoa a raíz do cal o equipo técnico considerou que a permanencia no seu domicilio non era o máis axeitado” e iniciou o proceso para o seu internamento xudicial. “Como este é un procedemento independente do de modificación da capacidade, presentouse no decanato quen o turnou ao xulgado número 3”, argumenta a Xunta, que engade que este novo xulgado “tiña coñecemento do informe médico forense obrante no expediente de incapacidade”, pero nada di Política Social de que puxese no seu coñecemento tamén as sentenzas da Audiencia e do Supremo que avalaron a permanencia da persoa na súa casa.

Sede da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) en Santiago Dominio Público Google Street View

Conflitos laborais

A Funga acumula diversas condenas por contratar ou despedir de xeito irregular os seus traballadores

Segundo diversas fontes internas e externas, estas e outras moitas situacións persoais reflectidas en sentenzas ás que tivo acceso este diario son froito da falta de recursos humanos da Funga. A fundación tamén acumula diversas condenas por contratar ou despedir de xeito irregular os seus traballadores.

O ano pasado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou polo menos dous recursos da Xunta e a Fundación contra sentenzas previas que obrigaron a converter en indefinidos a traballadores contratados hai anos como interinos. En febreiro deste ano o TSXG ratificou a nulidade do despedimento dunha traballadora da Funga despois de ser elixida delegada sindical. En 2014 o TSXG ratificou a declaración previa doutro xulgado dun contrato como “fraudulento, ao empregar o traballador en funcións totalmente distintas das contratadas”. E o mesmo ano un xulgado de Santiago constatou diversas irregularidades nunha proba da Funga para seleccionar persoal. A resposta da Xunta é que “a Funga en todo momento contratou seguindo a normativa vixente”. “Unha distinta interpretación desta normativa levou a existencia de procedementos xudiciais, os cales, nuns casos se resolveron a favor da Funga e noutros a favor dos traballadores”, engade. Polo menos nos casos anteditos, a xustiza contradí á Xunta.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.