0 Gardados para despois

A Audiencia Nacional cita a declarar a Puigdemont por rebelión

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


En tres idiomas, Carles Puigdemont compareceu ante os medios desde Bruxelas, xunto a varios consellers do destituído Govern de Catalunya. Quería colocar o conflito na axenda internacional e así o fixo, aclarando que non estaba en Bélxica "para pedir asilo político", senón para denunciar alí a "politización da xustiza española" e a "represión" pola que, dixo, optou o Executivo de Rajoy coa aplicación do artigo 155 da Constitución e coa actuación da Fiscalía e a súa petición de duras penas de prisión para a Mesa do Parlament e os membros do Govern.

A Audiencia Nacional admitiu a trámite a querela por rebelión, sedición e malversación de fondos contra Puigdemont e o resto do Govern

A declaración chegou tan só unhas horas antes de que a xuíza da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, admitise a trámite a querela por rebelión, sedición e malversación de fondos contra Puigdemont, Oriol Junqueras e o resto de membros do Govern. O ex-president está citado, xunto con 13 ex-consellers, para comparecer entre o xoves e o venres. A maxistrada acordou tamén fixarlles unha fianza de máis de 6,2 millóns de euros que deberán depositar no prazo de tres días, co apercibimento de que se embargarán os seus bens até acadar esa cifra se non depositan a cantidade. 

Puigdemont aseguraba só hun pouco antes desde Bruxelas que o seu goberno segue en exercicio e pedía aos seus cargos "que fagan o posible para evitar a demolición do sistema catalán". Ademais, asegurou que non volverá a España "ata ter garantías", ademais de advertir: "Podemos cumprir coas nosas obrigas desde aquí tamén". Segundo dixo, a decisión de que a metade dos membros cesados do Govern marchasen á capital comunitaria tomouse o venres por unanimidade do Executivo. Fano para actuar "en liberdade e seguridade". "A outra parte do goberno, co vicepresidente á fronte, continúa en Catalunya, realizando actividades políticas como membros lexítimos. Non abandonamos as nosas funcións de goberno", dixo. 

Puigdemont denuncia a "politización" da xustiza española e a "represión" levada a cabo polo Estado contra o independentismo

"É un tema europeo", dixo Puigdemont para explicar a súa marcha a Bruxelas, ademais de insistir en que o seu partido acudirá ás eleccións do 21 de decembro porque "son un reto democrático" que toman, din, con "todas" as súas "forzas". O presidente destituído da Generalitat insistiu en que seguirá actuando, xunto aos consellers, como "lexítimo" xefe do Govern e aclarou que chegaron a Bélxica para "facer evidente o problema que hai no corazón de Europa e denunciar a politización da xustiza española e a súa vontade de perseguir as ideas, non os delitos, e facer evidente diante do mundo o grave déficit democrático que hai hoxe no Estado". E seguirá exercendo as súas funcións, dixo, desde alí, desde a capital belga, onde seguirán "traballando". 

Ademais, insistiu no seu "compromiso coa autodeterminación, o diálogo e unha decisión acordada", pero insistiu en que "nunca" abandonarán o Govern ante o que consideran "extrema agresividade" que formula o Goberno de España. Así, enumerou os casos que, ao seu ver, supoñen represión e persecución contra o independentismo, como o encarceramento de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, as peticións de penas para membros da Generalitat e do Parlament ou as imputacións de centos de alcaldes.

Con todo, asegurou que o Govern "podería ter optado por forzas os funcionarios fieis a iniciar unha disputa pola hexemonía" tras a aplicación do artigo 155, pero aclara que se optou por "garantir que non haberá enfronamentos nin violencia". "Non se pode construír a República desde a violencia; se o Estado quere que o seu proxecto se basee na violencia, é a súa decisión, pero non nos pode arrastrar ao seu escenario", dixo.

 "Alá onde haxa urnas, sempre nos atoparemos", advirte Puigdemont, que pregunta ao Goberno central se aceptará os resultados

O president non aclarou canto tempo permanecerá en Bruxelas, pero si que o Govern seguirá traballando desde aló, en colaboración tamén cos consellers que se manteñen en Catalunya. Ademais, manifestou que "non" se oporá a poñerse a disposición da xustiza pero si insistiu na motivación "política" que á súa vez ten a querela contra el e os membros do Executivo catalán porque "o delito de rebelión está equiparado ao de terrorismo". 

Respecto das eleccións convocadas por Mariano Rajoy para o 21 de decembro, Puigdemont asegura que as toman "como un reto" e "con todas as forzas", aínda que non aclarou se se presentaría. En todo caso, asegurou que "alá onde haxa urnas, sempre nos atoparemos". Ademais, preguntou con claridade ao Executivo central se aceptará o resultado dos comicios, outorgándolle de novo un carácter plebiscitario. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O independentismo volvería gañar as eleccións e o 'si' triunfaría nun referendo

Arturo Puente / M. P. 

As formacións independentistas volverían obter a maioría absoluta nunhas eleccións autonómicas catalás, segundo os resultados do barómetro publicado polo Centre d'Estudis d'Opinió (CEO), o chamado CIS catalán, este martes. Segundo a súa sondaxe, JxSí e a CUP sumarían entre 68 e 72 escanos, os mesmos ou catro menos respecto dos resultados do 27-S pero que lles garantirían a gobernabilidade do Parlament.

As formacións independentistas volverían obter a maioría absoluta nunhas autonómicas

Segundo mostra o barómetro do CEO, os bloques conformados entre independentistas e non independentistas parecen consolidados en escanos, aínda que sofren variacións en voto. Así, en outubro de 2017, entre as formacións partidarias da secesión alcanzaríase un 45,9% do sufraxio, mentres que o resto de forzas obterían o 50,9% de voto.

PSC e CSQP serían os partidos máis beneficiados nuns comicios

Por partidos, PSC sería un dos máis beneficiados, cunha suba de entre un e tres escanos respecto dos 16 que obtivo en 2015, os mesmos que subiría Catalunya Sí que é Pot, a quen se proxecta un resultado entre os 12 e os 14. Pola contra, o único partido que baixaría é a CUP, que perdería un ou dous asentos no Parlament. Para JxSí proxéctase un resultado no que podería subir un escano ou perder dous. Tamén o PP podería quedar igual ou perder un.

Ciudadanos, a principal formación da oposición, podería quedar igual ou aumentar un escano, pero mantería a súa posición de hexemonía entre o grupo contrario á secesión. De feito, os lixeiros cambios entre deputados non producirían cambios respecto á orde actual dos partidos.

Máis do 60% de cataláns optaría por un Estado propio, ben sexa federal (21,9%) ou independente (40,2%)

Respecto das preferencias nacionais, o CEO revela que os partidarios dun Estado independente aumentaron en 5,5 puntos desde xuño pasado, sendo a opción preferida para o 40,2% dos enquisados. A preferencia por unha autonomía como a que Catalunya gozaba antes do 155 baixa tres puntos, ata o 27,4%, mentres que o federalismo queda practicamente igual, no 21,9%. En resumo, a opción por que Catalunya sexa un Estado (federal, 21,9%, ou independente, 40,2%) sitúase no 62,1% fronte ao 27,4% que opta pola comunidade autónoma e o 4,6% que prefire unha rexión. 

Tendo en conta a intención de voto dos enquisados, destaca que máis do 80% dos votantes de JxSí e da CUP optan polo Estado independente, mentres que o 57,1% dos de CSQP opta por un Estado dentro dunha federación e o 16,7% destes optaría pola independencia. Entre os do PSC, o 54,1% optaría pola comunidade autónoma, pero o 35% optaba por un Estado dentro dunha España federal. 

O 'si' gañaría nun referendo co 48,7% dos votos fronte ao 42,6% do 'non'

Con todo, á pregunta directa sobre o voto nun referendo sobre a independencia, o 48,7% dos enquisados decántanse polo si, 7,6 puntos máis respecto de xullo pasado, mentres que o non queda no 42,6%, o que representa unha baixada de 5,8 puntos. O si non gañaba ao non desde xuño de 2016 nos barómetros do CEO. 

Pola intención de voto, destaca que máis do 30% dos votantes de CSQP optaría polo si nun hipotético referendo, mentres que esa opción sería de máis do 90% entre os votantes de JxSí e da CUP. 

A enquisa do CEO, formulada entre o 16 e o 29 de outubro a 1.338 persoas, continúa preguntado polas candidaturas que se presentaron nas últimas eleccións catalás, a pesar de que algunhas fórmulas electorais probablemente cambien ante os comicios do 21-D convocados por Rajoy en virtude do 155.

Cómpre lembrar que a enquisa do CEO sitúa como candidatura a JxSí por ser o vixente grupo parlamentario e non ten en conta que os partidos que a integran -PDeCAT e ERC- poderían concorrer por separado. Do mesmo xeito, o CEO inclúe a Barcelona en Comú no resultado de CSQP, aínda que no actual grupo parlamentario non figuran dirixentes dos comuns barceloneses.