O pleno da Coruña acusa a Feijoo de "deslealdade" coa cidade no futuro dos peiraos

Un momento no pleno municipal celebrado este luns © Concello da Coruña

O pleno municipal da Coruña aprobou por maioría absoluta "poñer de manifesto a falta de lealdade institucional do presidente da Xunta de Galicia coa cidadanía da Coruña e cos seus representantes institucionais no Concello". Os votos de Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG apoiaron unha moción presentada pola Marea que critica a posición de Núñez Feijoo sobre o futuro dos terreos portuarios da cidade, en referencia á xuntanza que mantivo o pasado 10 de outubro con José Llorca -presidente de Puertos del Estado-, na que anunciaron un acordo sobre os peiraos sen contar co Concello da Coruña. O PP votou en contra.

A moción aprobada este luns reclamou "o dereito da Coruña a decidir sobre a planificación e ordenación" da marxe litoral e portuaria

Aquela xuntanza, na que Xunta e Puertos rectificaron parcialmente a posición mantida ata ese momento, "evidenciouse a intención de apartar ao Concello da Coruña e a súa veciñanza das decisións a tomar no seu bordo litoral”, denunciou Marea Atlántica. No debate, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reiterou as acusacións de "deslealdade" para Alberto Núñez Feijoo e contra José Llorca, un termo que foi repetido polos voceiros de PSdeG-PSOE e BNG, José Manuel García e Avia Veira. O BNG cualificou de “oprobio para A Coruña e para Galicia a actitude do presidente de Portos do Estado" e de “cómplice” a actitude de Feijóo a respecto dos peiraos.

O texto demándalles a todas as administracións implicadas "constituír un consorcio público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral"

A moción aprobada este luns reclamou "o dereito da Coruña a decidir sobre a planificación e ordenación" da marxe litoral e portuaria. “Hai decisións que non se poden tomar nos despachos de Compostela, Madrid ou nun consello de administración onde a cidade apenas ten representación”, sinalou o grupo municipal da Marea Atlántica. O texto insta así mesmo a Xunta e Goberno central "a negociar e asinar co Concello da Coruña un protocolo que teña por obxectivo a renovación dos convenios de 2004 e a do PXOM de 2013", baseándose na defensa da titularidade pública dos terreos e a creación de espazos libres públicos, equipamentos dotacionais e nas actividades produtivas. 

Demándalles ademais a todas as administracións implicadas "constituír un consorcio público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral". Tamén lle pide ao Ministerio de Fomento "impulsar e financiar" a conexión ferroviaria do Porto Exterior. O executivo municipal solicitará que a execución do proxecto, que xa dispón dunha Declaración de Impacto Ambiental aprobada, “conte coa suficiente dotación orzamentaria para que o comezo efectivo das obras da conexión sexa en 2018”.

A moción do BNG insta o Goberno municipal a que "a modificación do PXOM restableza a característica de público de todo o ámbito concesional dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre"

No pleno tamén foi aprobada unha moción impulsada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, que foi presentada polo BNG e que lle demanda ao Goberno local "que faga valer nos xulgados a titularidade municipal dos terreos do vello Cárcere da Audiencia, que hoxe forman parte do complexo Solana-Hotel Finisterre". A moción insta tamén ao Goberno municipal a que "a modificación do PXOM restableza a característica de público de todo o ámbito concesional dos terreos correspondentes ao Complexo Deportivo da Solana e do Hotel Finisterre, co obxectivo de impedir a súa privatización". Neste caso, a moción contou co apoio de Marea Atlántica e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE, de novo co único voto contrario do PP.

A moción que elaborou a Comisión Aberta tamén reitera a esixencia á Autoridade Portuaria da "devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027", tal e como xa aprobou o Pleno da Coruña o pasado 9 de xaneiro. “Levamos advertindo desde xa hai mais de cinco anos da situación dos peiraos interiores, do pretendido espolio da Coruña é da folla de ruta trazada pola Autoridade Portuaria e Portos do Estado. Cómpre actuar de vez e non perder a oportunidade histórica que nos dá unha maioría absoluta de forzas para protexer os intereses do pobo da Coruña", afirmou Avia Veira.

 

Unha imaxe do porto da Coruña © Santi Villamarín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.