O pasado 12 de agosto o maquinista dun Alvia Madrid-Galicia tivo que realizar unha freada de emerxencia na estación de Puebla de Sanabria. Os seus reflexos ao decatarse de que un desvío das vías estaba mal configurado malia que os sinais non o advertían evitou que o tren descarrilase. Agora a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarioas (CIAF) do ministerio de Fomento vén de abrir unha investigación oficial ao respecto na que de xeito inicial atribúe o incidente a un fallo de enerxía previo.
A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) atribúe inicialmente a un fallo de enerxía previo o incidente ocorrido na estación de Puebla de Sanabria
O tren Alvia que une Madrid con Ferrol que o 12 de agosto saíu de Chamartín ás 9.15 horas da mañá non tiña parada prevista na estación de Puebla de Sanabria, a onde chegou ás 11.55 horas. A súa velocidade roldaba os 90 quilómetros por hora e a sinalización previa indicaba ao maquinista que podía seguir a esa velocidade xa que o tren pasaría a estación pola vía principal, sen ser desviado a ningunha secundaria para parar ou para outro tipo de manobra. Porén, malia que a sinalización non o indicaba, unha das agullas da estación si estaba configurada para desviar o tren a unha vía secundaria, operación na que a velocidade máxima permitida é de tan só 30 quilómetros por hora. O maquinista do Alvia decatouse visualmente de que as vías estaban configuradas para un desvío e activou o freo de emerxencia evitando un descarrilamento.
Segundo o relato inicial dos feitos que fai a CIAF, “entre as 4 e as 7.30 da madrugada do mesmo día se produce un fallo de enerxía con perda de mando e comprobación”. “Durante o período de avaría, o persoal de tráfico acciona manualmente dúas agullas (17 e 19) para expedir un tren”, di a CIAF, que engade que “tras restablecerse a enerxía” se fixa para o tren Alvia un paso pola estación “por vía directa, cos desvíos en posición normais e os sinais en vía libre, sen embargo, cando o tren chega ao desvío 17, este atópase realmente en posición invertida, desviando o tren” a outra vía. O propio relato inicial dos investigadores recoñece a capacidade de reacción do maquinista que “ve a posición da agulla e acciona o freo de emerxencia”. “O tren pasa os desvíos a velocidade excesiva pero realizando a freada de emerxencia, co que termina deténdose en vía 5 sen chegar a descarrilar” e sen que se produzan danos persoais nin materiais.
O incidente tivo semellanzas co accidente de setembro de 2016 no Porriño, no que morreron catro persoas, entre elas o maquinista, ao descarrilar o tren nun desvío de vías
Agora os técnicos da CIAF, que colleu relevancia pública pola súa polémica actuación na investigación do accidente de tren de Angrois, desenvolverán unha investigación cuxos resultados finais poderían tardar un ano. Por outra banda, a situación vivida na estación de Puebla de Sanabria tivo semellanzas coa vivida no accidente do Porriño de setembro de 2016, cando o tren Vigo-Porto descarrilou e morreron catro persoas, entre elas o maquinista. Naquel sinistro, o tren, que circulaba a 118 quilómetros por hora como se fose atravesar a estación pola vía principal, como facía sempre, foi desviado a unha vía secundaria e descarrilou no cambio de agullas, sen que se saiba aínda por que o maquinista non reduciu a velocidade aos 30 quilómetros por hora. No caso de Porriño, non hai probas de que fallase a sinalización.