De Meirás á liberdade de expresión: autopsia ao franquismo no Parlamento Europeo

Acción simbólica ante a sede da Eurocámara de participantes nas xornadas CC-BY-SA Praza Pública

Bruxelas - Enviado especial

É "normal" que no Pazo de Meirás non se debata sobre "a memoria da gran muller que o construíu para ter alí a súa biblioteca", senón que se enxalce a Franco? E que "discutamos sobre que se pode facer co Val dos Caídos" sen concluír que foi un campo de concentración? E que "as persoas de dereita só teñan unha oferta política na dereita española"? Son algunhas das preguntas que, lanzadas polo historiador e profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto, ben poderían servir como mostras da autopsia en clave política e social da ditadura e as súas repercusións que o Parlamento Europeo acolleu este 20 de novembro.

Organizada polo BNG, Esquerra Republicana, EH-Bildu e Compromís no marco dos grupos da Esquerda Europea e dos Verdes-Alianza Libre Europea, a xornada Franquismo despois de Franco serviu este luns para, dende a distancia xeográfica, salientar os elementos simbólicos e políticos do réxime franquista que sobreviviron ao ditador falecido hai agora corenta e dous anos, pero tamén para poñer o acento en aspectos que "todos sabemos" pero non semellan estar "tan claras" nalguns ámbitos, en verbas do curador da Casa Europea da Memoria, Martí Grau, tales como os "vínculos" do franquismo "cos nazis e fascistas italianos" ou que, no contexto internacional, España chegou a ser "considerada parte do mundo libre" xunto a Portugal "cando eran ditaduras".

A xornada impulsada polo BNG, ERC, EH-Bildu e Compromís analiza os elementos do franquismo que sobreviviron ao ditador

Cos acontecementos políticos e xudiciais que atinxen a Catalunya como pano de fondo -eurodeputados cataláns incorporaron á concentración coa que comezou a xornada a reivindicación de liberdade dos dirixentes presos-, a xornada amosou na sede da Eurocámara en Bruxelas elementos que nos debates políticos español e galego se daban ata hai ben pouco por feitos. Por exemplo, que a Fundación Francisco Franco reciba fondos públicos, xestione as visitas a Meirás ou, como lembrou o profesor Ramón Cotarelo, "custodie documentación secreta" con consentimento do Estado.

A expulsión dos Franco de Meirás e os acontecementos políticos en Catalunya pairan sobre os debates

Feitos coma estes, considerou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, abeiráronse nun "pacto baixo lousas" tras a morte de Franco cuxas bases apenas foron cuestionadas e polo cal aínda que "pareza mentira", cómpre "estar con estas reivindicacións tantos anos despois", caso da reivindicación dos políticos asasinados polos franquistas ou do cuestionamento da propiedade de Meirás por parte da familia de Franco. Nada disto, coida Cotarelo, sería posible sen unha "Administración pública corrupta herdada" do réxime ditatorial ou sen a certeza de que "non houbo depuración de ningún tipo" nos diferentes corpos do Estado durante a etapa da Transición.

"Martínez El Facha aínda vale"

Folleto sobre Meirás editado polo grupo da Esquerda Europea, este 20 de novembro na Eurocámara

A persecución xudicial da sántira "mide o nivel da democracia", sinalou o director de 'El Jueves' durante a xornada

A reivindicación de expulsar os Franco de Meirás, o "símbolo do macroespolio", foi un elemento transversal nunha xornada atravesada por elementos da actualidade como a investigación xudicial -antiga imputación- aos responsables da revista humorística El Jueves por publicaren unha sátira sobre os axentes policiais despregados en Catalunya. O director da revista, Guillermo Fernández-Vela, botou man da retranca cun aquel agre para lembrar que estes feitos chegan corenta anos despois de que, nos anos 70, fose "habitual que os debuxantes pasasen polos xulgado" polos seus cadriños, pero só dez anos despois de que a mesma publicación fose "censurada" por caricaturizar o actual rei Felipe VI, daquela príncipe.

A persecución xudicial da sátira, sinala Fernández-Vela, "mide o nivel da democracia" como noutrora nas minas un canario medía a presenza de gases nas galerías. E foi neste contexto no que na redacción de El Jueves xurdiu o debate sobre a vixencia ou non dun dos seus personaxes máis populares, Martínez El Facha. E igual que "ás veces vemos portadas de hai 40 anos que servirían agora mesmo", a revista "decidiu recuperar a Martínez El Facha" para retratar unha parte da política e da sociedade. "A triste resposta é que segue valendo", láiase.

Un intre das xornada na Eurocámara, con imaxes do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.