O PP vai pola súa conta e obvia a unanimidade creada a prol da recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás. A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobou este mércores unha proposta de En Marea, trasaccionada co PSOE, na que se insta a Xunta a iniciar os trámites para recuperar o BIC e na que se encomenda o Concello de Sada as xestión das visitas ao inmoble. Aprobouse coa única abstención dos populares a unha proposición que solicita tamén a ilegalización da Fundación Francisco Franco, logo da polémica pola cesión por parte da familia do ditador a esta entidade fascista da xestión das visitas e da intención desta de empregalas para gabar a figura do ditador e a súa "grandeza".
Todos os grupos, agás o PP, apoian unha proposta de En Marea que pide a recuperación do Pazo e que as visitas as xestione o Concello de Sada
“A Fundación Franco debe ser ilegalizada por facer apoloxía do franquismo, da violencia política e por pisotear os dereitos humanos”, asegurou na súa intervención Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea. Desde o PP, o seu parlamentario galego Miguel Lorenzo xustificou a abstención "por unha cuestión de competencias" e asegurou que o seu partido está a favor da recuperación do Pazo pero que cre que debe ser o Goberno galego quen dirixa o proceso. "É competencia da Xunta, que xa aprobou crear unha comisión de estudo con expertos para analizar as fórmulas", lembrou tras a votación a favor de todos os grupos menos o seu.
O PP xustificou a abstención "por unha cuestión de competencias" e cre que debe ser a Xunta quen dirixa o proceso
Foi na mesma xornada na que a Consellería de Cultura anunciou a creación desa comisión logo de que a Xunta se negase a integrarse na Xunta Pro Devolución do Pazo creada pola Deputación da Coruña, cuns 30 concellos, colectios de memoria histórica e expertos universitarios nela. O Goberno galego incluirá na súa comisión, segundo dixo, a representantes das tres universidades, a asesoría xurídica ou o Concello de Sada. O obxectivo é realizar un estudo que analice as vías para "a integración do Pazo de Meirás no patrimonio público respectando a legalidade vixente e sen que implique un novo custo para o pobo de Galicia".
O respecto á legalidade e a necesidade de que a recuperación non supoña custo para as arcas públicas son os argumentos repetidos polo PP e a Xunta desde hai meses, aínda que a súa postura ambigua está a dar paso a outra máis proclive á reversión ao público do Pazo, aínda que á súa maneira.
A Xunta crea unha comisión para analizar as vías para recuperar o Pazo tras rexeitar integrarse na Xunta pro Devolución da Deputación
Aínda que o PP "condenou" as declaracións da Fundación Francisco Franco, considera tamén que a súa ilegalización debe certificarse mediante unha "resolución xurídica" e non con "atallos". Desde o PSOE, o tamén deputado galego Guillermo Meijón cualificou de "botín de guerra" o Pazo e insistiu na necesidade de recuperalo, mentres que a lucense Marta Rivera de la Cruz, de Ciudadanos, censurou con rotunidade a actitude da familia do ditador na xestión das visitas. O impulsor da iniciativa, Fernán Vello, pediu rematar xa coa "obscenidade" que supón o "latrocinio" levado a cabo polo franquismo en Meirás.