“Fronte ao poder dos lobbies neoliberais, é importante que os colectivos galegos traian a súa voz á Eurocámara”

Lidia Senra, durante a entrevista no hemiciclo do Parlamento Europeo en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Bruxelas

No hemiciclo de Bruxelas no que leva tres anos e medio traballando, Lidia Senra fai repaso ao feito desde a súa elección por AGE en 2014 e do que aspira a facer cara as europeas de 2019. “Preocupa que non sexamos capaces de introducir na axenda política as cuestións europeas”, di.

Van alá tres anos e medio de lexislatura e queda ano e medio. Que é o máis importante do que conseguiu co seu traballo e que retos lle quedan por diante?

O máis importante está fóra do que se aproba aquí. Porque aquí a maioría é neoliberal e a inmensa maioría dos informes que logo se aproban, tanto como resolucións do Parlamento como regulamentos que se modifican, normalmente van ter consecuencias bastante complicadas para as clases traballadoras. Para min o máis importante é conseguir que neste Parlamento poidan ter eco as demandas sociais e as demandas dos colectivos, sindicatos, das distintas asociacións que están traballando no país e que están embarcadas en loitas globais.

"O monocultivo debera preocuparlles aos propios propietarios, porque na medida en que hai un monocultivo, perde valor o produto"

Nesa liña, a próxima semana virán colectivos que se senten prexudicados pola proliferación dos eucaliptos. Enténdese en Europa a estrutura forestal galega?

Aquí houbo un debate sobre unha nova estratexia forestal para a UE. Unha das nosas preocupacións era que se entendera que unha cousa é o bosque, outra cousa son as terras agrícolas forestadas e outra cousa son os monocultivos forestais, como pode ser o caso do eucalipto. E que se entendera que no monte tampouco se pode intensificar a produción e meter eucaliptos ou piñeiros no monte, como é o noso caso, e logo tratalos con pesticidas, herbicidas ou adubos químicos. Porque o monte encerra algo fundamental para a sociedade que é a auga. Se contaminamos tamén a auga no monte temos un problema gravísimo. O monocultivo debera preocuparlles aos propios propietarios, porque na medida en que hai un monocultivo, perde valor o produto. E logo está a entrada de maquinaria pesada cando se vai cortar, que pon en perigo o patrimonio arqueolóxico que hai nos montes. A través das emendas intentamos incidir neste tipo de cuestións. Teño que dicir que a inmensa maioría delas non entraron, pero é un tema preocupante. E logo para o noso país está a connotación da expansión dos incendios forestais, que ten que ver co abandono do medio rural e coa forestación das terras agrarias con especies que favorecen a expansión do lume. Perspectivas de que sexan tidas en consideración as nosas propostas a nivel de aprobación? Pois igual  non hai moitas, pero temos que seguir traballando. A próxima semana van vir colectivos que están preocupados e están loitando contra a destrución do patrimonio como consecuencia do eucalipto e teremos encontros con persoas da Comisión Europea para darlle voz a estas cousas.

Se a próxima semana veñen eses colectivos, a pasada estivo no Parlamento Europeo o portavoz de En Marea, Luís Villares, para reclamar que Galicia sexa tida en conta na programación das infraestruturas de transporte que poden recibir financiamento comunitario. Pero que capacidade de manobra pode ter a Eurocámara a metade de marco orzamentario comunitario e con decisións que dependen da Comisión ou do Goberno de España, e non do lexislativo?

Un traballo que facemos moito os deputados e as deputadas é o da pregunta parlamentaria. Que non é unha pregunta dirixida ao Parlamento, é unha pregunta dirixida á Comisión Europea. Nese sentido temos en perspectiva empezar a traballar con preguntas parlamentarias nese campo. A nivel do debate no Parlamento, pois claro, é un debate que agora mesmo non está aberto e depende de nós que se abra.

"No noso grupo somos 52 deputados e deputadas dun total de 750, co cal gañar unha votación é bastante difícil, pero tempos que continuar abrindo brechas, porque non somos os primeiros nin seremos os últimos"

Fálase moito da influencia dos lobbies ou grupos de presión no Parlamento Europeo. Nese sentido, coa súa estratexia de traer a Bruxelas a diversos colectivos sociais galegos para que expoñan os seus problemas, é vostede en si mesma un lobby?

(Ri.) Non sei, a min a palabra lobby non me gusta moito. Claro que aquí teñen moita presenza os lobbies das grandes empresas. Por iso é importante a presenza dos colectivos sociais que se organizan para facerlle fronte precisamente ás políticas que ditan eses grandes lobbies, que responden aos intereses das maiorías neoliberais. Hai que ser moi sinceros e realistas. Eu cada vez que me reúno cun colectivo explícolle que son galega, son nacionalista, son de esquerda, e estou nun grupo [parlamentario] que é a Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica, que somos 52 deputados e deputadas dun total de 750, co cal gañar unha votación é bastante difícil. Pero temos a posibilidade e a capacidade de traballar para que as nosas reivindicacións, as das clases populares, dos traballadores e traballadoras, dos labregos e labregas, teñan eco neste Parlamento e se escoiten e poidamos ir abrindo brechas. Continuar abrindo brechas, porque non somos os primeiros nin seremos os últimos.

"En 2019 a perspectiva que teño é a de volver á miña finca de agricultura ecolóxica"

Queda ano e medio de lexislatura europea. As próximas eleccións europeas van coincidir coas locais e en Galicia todos os partidos están xa traballando en clave municipal. Que aspira vai facer en 2019?

Pois posiblemente volverei á miña finca de agricultura ecolóxica no concello de Vedra. E seguir traballando. Eu non teño nunca metas nin aspiracións. Non as tiven cando estaba na dirección do sindicato [Sindicato Labrego Galego] nin as teño agora que estou nunha representación institucional. Son das persoas que en cada momento valoro na clave de se humildemente podo contribuír en algo. E con momitísima humildade, porque somos un grao de area nun mundo inmenso cada vez máis globalizado. Nunca me custou nada estar na miña finca ou estar facendo algunha labor de representación. Cando acabe, a perspectiva que teño é a de volver á miña finca. Polo menos agora mesmo.

"Preocupa que non sexamos capaces de introducir na axenda política de Galicia as cuestións europeas"

A pregunta ten dúas vertentes. A persoal e a do debate europeo na política galega.

É unha preocupación importante que non sexamos capaces de introducir na axenda política as cuestións europeas. Se non está na axenda política do país, tampouco está na axenda mediática, que ao final vén determinada polo que os partidos políticos ou as institucións debaten. Os colectivos sociais deberían ter tamén moita máis presenza na axenda mediática. Moitas veces parece que o único que é política é o que fan as institucións, e política é todo, o que fai un sindicato, unha asociación de veciños. En 2019 van primar as eleccións municipais sobre as europeas aínda que se celebren conxuntamente, claro, pero é que cando só hai europeas úsanse para botarse en cara o que se debate no Parlamento de Galicia ou no Congreso, e non o que se debate aquí. Aos grandes partidos non interesa que se fale disto. Agora vai empezar o debate da Política Agraria Común (PAC), pero cando cheguen as medidas negativas, dentro de varios anos, dirase que é cousa de Europa, que non se pode facer nada, obviando que agora estamos aquí deputados e deputadas que imos votar unha cousa ou outra. Se houbera medidas moi positivas, o éxito ía ser dos gobernos locais aínda que non teñan nada que ver aquí. O malo vén de Europa e o bo de alí.

Lidia Senra, nun momento da entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.