0 Gardados para despois

Hoxe, hai 40 anos, Galicia reclamou a súa autonomía

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 4 de decembro de 1977 foi unha das datas clave da Transición Política. Se iso non foi recoñecido polo pouco flexible e simplificador relato oficial é seguramente polo escasa atención que este lle prestou aos procesos xurdidos dende a periferia. Aquel día centos de milleiros de persoas manifestáronse en Andalucía en demanda de autogoberno para aquel territorio, nunhas marchas que remataron coa morte dun rapaz de 18 anos por un disparo. Só nos últimos tempos se comeza a coñecer no resto de España a importancia desa xornada para a autonomía andaluza. Pero ese día tamén medio millón de galegos e galegas se manifestaron nas principais cidades reclamando un Estatuto de Autonomía de primeiro nivel. Un proceso, o galego, aínda máis descoñecido no resto do Estado. Eran as reivindicacións galega e andaluza as demandas de dous territorios empobrecidos e emigrantes, que entendían a posibilidade de autogobernarse como unha maneira de superar o seu atraso económico do que, en parte, se culpaba a políticas centralistas.

O ano 1977 avanzaba sen novidades para a preautonomía galega, xerando un crecente malestar, que motivou a organización das manifestacións do 4 de decembro, apoiadas pola maior parte dos partidos, dende a UCD ao PCG, os concellos e as deputacións provinciais

As reivindicacións nacían tamén do exemplo catalán e vasco, que xa iniciaran os procesos de restitución das institucións de autogoberno capadas pola ditadura. En realidade, o motor de todo o proceso autonómico durante a Transición foron as reivindicacións catalás. Catro meses despois da celebración das primeiras eleccións, ao berro de “llibertat, amnistía i estatut de autonomía” faltáballe aínda o terceiro pé. O sentimento identitario catalán, demostrado en multitudinarias mobilizacións (na celebración da Diada, o 11 de setembro de 1977, máis dun millón e medio de persoas manifestáronse en Barcelona), obrigou o goberno de UCD a acelerar a reinstauración da Generalitat, algo que finalmente se produciu o 29 de setembro dese ano co famoso “ja soc aqui”. O punto partida das preautonomías foi a Operación Tarradellas, unha intelixente xogada de Suárez consistente no restablecemento da Generalitat na figura do seu presidente no exilio. A medida efectuouse a través dun Decreto-Lei baseado no Artigo 13 da lei de Cortes franquista, e ademais de constituír un efectivo acto simbólico, servía de contrapeso ao poder da esquerda (PSC-PSOE e PSUC) na Asemblea de Parlamentarios catalá. Para a instauración do poder galego preautonómico pensouse tamén nunha personalidade galeguista que aportase lexitimidade histórica ao nomeamento (como se fixera con Tarradellas en Catalunya e se intentou facer con Leizaola en Euskadi). Soaron moito García-Sabell, González López, Paz Andrade ou Iglesias Corral e chegou a haber contactos serios con Bibiano Fernández Osorio-Tafall, que fora presidente da Comisión encargada do Estatuto de Autonomía de 1936, pero a iniciativa non foi adiante.

“Pra que non sigan decidindo por nós. Pra que a nosa terra escomence a ser nosa. Por unha autonomía que poda solucionar realmente os nosos problemas” podíase ler nas faixas que encabezaban a marcha de Vigo

O ano 1977 avanzaba sen novidades para a preautonomía galega, xerando un crecente malestar, que motivou a organización das manifestacións do 4 de decembro, apoiadas pola maior parte dos partidos, dende a UCD ao PCG, os concellos e as deputacións provinciais. Había nestas convocatorias unha gran dose de simplismo: poucos sabían realmente o que implicaba o autogoberno, pero confiábase nel como unha forma de mellorar a situación do país; había, ademais, unha sensación de agravio comparativo con Cataluña e Euskadi (a aldraxe, que se impuxo como concepto central nese proceso). “Pra que non sigan decidindo por nós. Pra que a nosa terra escomence a ser nosa. Por unha autonomía que poda solucionar realmente os nosos problemas” podíase ler nas faixas que encabezaban a marcha de Vigo, a máis numerosa (300.000 persoas). Nalgunha das manifestacións interviron intelectuais como Eduardo Blanco Amor, que destacou que “Os líderes están de máis cando a moitedume se convirte en protagonista”. Con todo, os xornalistas Manuel Rivas e Xosé Antón Gaciño criticaron a “ambigüidade” da convocatoria, da que din que “non se soubo enmarcar nun proxecto máis ambicioso (...) Faltou perspectiva nuns, e vontade noutros, para artellar aquel potencial".

A prensa galega apoiou de forma rotunda as mobilizacións, titulado o Faro de Vigo a cinco columnas “Testimonio unánime de Galicia por la autonomía” ou La Voz de Galicia “Galicia clamó por la autonomía. Gigantesca movilización popular”. El Ideal Gallego dedicoulle un editorial ás manifestacións no que salientaba que “La idea de una nueva tierra, de un modo de regirla y de gobernarla, ha calado profundamente en el pueblo gallego, rompiendo claramente con los esquemas hasta ahora implantados (...) El domingo fue un día grande para todos los que de verdad nos sentimos gallegos”.

Para o xornalista Xavier Navaza, a manifestación “influíu sobre todo en UCD. A partir daquel momento, non lle quedou outro remedio que concederlles aos seus (á UCD galega) a apertura dun debate autonómico en Galicia".

Xa nese momento as manifestacións galegas tiveran un eco moi escaso en Madrid, e por exemplo practicamente non mereceran a atención do informativo de TVE ou da prensa escrita, que si recolleu as marchas igualmente numerosas de Andalucía. Con todo, si que supuxeron un toque de atención. En certa maneira non se esperaba unha reivindicación de autogoberno tan sólida en Galicia e o propio El País cualificou de “éxito sorprendente” o resultado das manifestacións. Un mes antes o xornal madrileño -intelectual orgánico do proceso de Transición- publicou un editorial que afirmaba que fóra de Cataluña e Euskadi “el régimen provisional de esas autonomías (...) sólo se justifica allí donde sea una exigencia popular mayoritaria y la solución de una situación potencialmente explosiva”. “Tal vez Canarias sea, fuera de Cataluña y Euskadi, la zona más conflictiva y más necesitada de una fórmula provisional de urgencia”, engadia. Pola contra, dous días despois das manifestacións do 4 de nadal, El País publicou un novo editorial no que recoñecía que “Galicia tenía su estatuto autonómico ultimado y al borde de las Cortes republicanas el mismo día del estallido de la guerra civil. Su autonomía, en suma, no es creación artificial, y, a más, viene amparada por un idioma y una Cultura de las que integran la Península. Que nadie pierda de vista el carácter popular del autonomismo galaico, que avanza pausada, pero severamente”. De feito, para o xornalista Xavier Navaza, a manifestación “influíu sobre todo en UCD. A partir daquel momento, non lle quedou outro remedio que concederlles aos seus (á UCD galega) a apertura dun debate autonómico en Galicia".

En certa maneira non se esperaba unha reivindicación de autogoberno tan sólida en Galicia e o propio El País cualificou de “éxito sorprendente” o resultado das manifestacións

Finalmente, o 10 de marzo de 1978 Galicia obtivo o seu réxime preautonómico, abrindo o camiño para outros territorios, pois un día despois era aprobado o de Aragón. Comunidade Valenciana e Canarias. O 11 de abril Antonio Rosón foi elixido presidente desta Xunta preautonómica.


O outro 4 de nadal

O 4 de decembro de 1979 máis de cen mil persoas (200 mil segundo os organizadores) manifestáronse de novo en todo o país contra a aldraxe nunhas marchas lideradas por PCG, Unidade Galega (POG, PSG e PG) e o PSOE

Porén, houbo outro 4 de nadal que ficou na historia de Galicia, exactamente dous anos despois, tamén ligado á demanda de autogoberno. O 4 de decembro de 1979 máis de cen mil persoas (200 mil segundo os organizadores) manifestáronse de novo en todo o país contra a aldraxe nunhas marchas lideradas por PCG, Unidade Galega (POG, PSG e PG) e o PSOE. Aínda que a participación foi sensiblemente inferior á que rexistraran as marchas celebradas en 1977, o contido político desta mobilización foi moito máis concreto e denunciaba a discriminación que a gobernante UCD pretendía aplicar a Galicia.

Ao longo de 1978 o ministro para as Rexións no primeiro goberno democrático, o andaluz Clavero Arévalo, embarcouse nunha operación de sementar o Estado de réximes provisionais de autonomía (o que o propio Clavero denominou café para todos), nun intento de evitar que a reinstauración das autonomías catalá e vasca parecese un privilexio outorgado ás zonas máis ricas do Estado. Galicia comezou a elaborar o seu Estatuto de Autonomía a través da Comisión dos 16. Porén, unha vez que foran aprobados en referendo os textos estatutarios vasco e catalán (no verán de 1979) o Goberno de Suárez (co apoio editorial da prensa da capital do Estado e dalgúns sectores do PSOE) decidiu que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico. E a Galicia, como terceira e derradeira nacionalidade histórica, tocáballe o papel de chibo expiatorio, de tapón, de exemplo limitador para os restantes territorios, comezando por Andalucía.

A Galicia, como terceira e derradeira nacionalidade histórica, tocáballe o papel de chibo expiatorio, de tapón, de exemplo limitador para os restantes territorios, comezando por Andalucía

A Comisión Constitucional do Congreso recortou notablemente o estatuto que fora redactado en Galicia, o que deu lugar ás protestas de Unidade Galega, PCG e do PSOE galego, a vixilias en 17 dos meirandes concellos do país e rotundos titulares na prensa galega, coma o do 22 de novembro de 1979 de La Voz de Galicia, que na súa portada chamaba a manifestarse: "Hoy, jornada en defensa de la dignidad nacional de Galicia". Nestas marchas participaron entre 40 e 80 mil persoas segundo as fontes. Na noite do 21 ao 22, a Comisión Constitucional aprobara o Estatuto, moi recortado (practicamente unha carta outorgada sen apenas competencias) co voto a favor da UCD e en contra de PSOE e PCE e a ausencia de AP, vascos e cataláns.

A Comisión Constitucional do Congreso recortou notablemente o estatuto que fora redactado en Galicia, o que deu lugar ás protestas de Unidade Galega, PCG e do PSOE galego, a vixilias en 17 dos meirandes concellos do país e rotundos titulares na prensa galega

Pola contra, a prensa madrileña, encabezada por El País, defendeu en varios editoriais que a autonomía debía quedar reservada para cataláns e vascos: “la pretensión de que los graves azotes del subdesarrollo, la emigración, el paro y la pobreza, comunes a Galicia y a Andalucía, van a resolverse magicamente con las superestructuras de las instituciones de autogobierno es evidentemente ilusoria”, dicía o xornal. Este editorial foi respondido por outro de El Ideal Gallego, titulado Galicia Humillada, que afirmaba que "O máis indignante que se está producindo é a terxiversación, ante a opinión pública do resto de España, do verdadeiro carácter da reivindicación autonómica galega. Chegar a identificala co mantemento do aparello caciquil para quen loitaron, e mesmo deron a vida, polo autogoberno de Galicia. Cando os insultos desa categoría se aplican a un país secularmente marxinado e oprimido por un poder central (que se servía precisamente dos caciques como intermediarios) e cando poden chegar a salpicar a lembranza de homes como Bóveda, fusilados por defender a autonomía de Galicia, o insulto convértese en provocación".

Un repaso por moitos dos artigos publicados eses días pola prensa madrileña amosa o nivel de desprezo que as reivindicacións de autogoberno galegas espertaban en certos sectores da capital

Tamén Blanco Amor, no seu derradeiro artigo publicado en La Voz de Galicia o 24 de novembro, falaba da “vergonzosa intriga de la UCD con el gobierno al frente y del escamoteo del Estatuto", o que provocou que José Quiroga, presidente da Xunta, non acudise ao enterro do escritor o 1 de decembro. Pola contra, un repaso por moitos dos artigos publicados eses días pola prensa madrileña amosa o nivel de desprezo que as reivindicacións de autogoberno galegas espertaban en certos sectores da capital. Dende o “Ya se sabe que los gallegos son desconfiados por definición” (Pedro Rodríguez) ata o “estoy desde hace unos días apartado del marisco, por miedo a tomar una ostra encolerizada, o un percebe hecho vinagre o un centollo al que le haya reventado la piel” de Jaime Campmany, ambos na Hoja del Lunes.

Nas manifestacións deste segundo 4 de nadal non participou a UCD, por suposto, nin os seus aparellos clientelares (controlaban as catro deputacións e a inmensa maioría dos concellos galegos), que si se moveran en maior ou menor medida para as marchas de 1977. De feito, os ucedeos difundiron unha nota de prensa contra as convocatorias na que denunciaban “la campaña de confusionismo promovida por partidos de signo marxista que excitaron los sentimientos del pueblo gallego y sorprendieron su buena fe con afirmaciones tendenciosas, ocultando y manipulando una información veraz sobre el contenido y alcance del Estatuto de Autonomía. Repudiamos la actitud oportunista de quienes anteponen los intereses de partido a los de Galicia”. Camilo Nogueira, daquela no Partido Obreiro Galego (POG), si destaca a importancia destas segundas mobilizacións, destacando que "hoxe sería imposible sacar á rúa centos de miles de persoas á rúa, como se fixo naquel momento, reivindicando un estatuto de nacionalidade. É moi gratuíto dicir que iso non tiña significado, porque si que o tiña".

"Hoxe sería imposible sacar á rúa centos de miles de persoas á rúa, como se fixo naquel momento, reivindicando un estatuto de nacionalidade. É moi gratuíto dicir que iso non tiña significado, porque si que o tiña"

Quedaba por diante un ano de tirapuxas entre unha UCD que buscaba arrefecer o ambiente e que procuraba un pacto con PSOE e PG para reformar o texto. No verán de 1980, co Goberno de Suárez xa moi debilitado, a UCD accedeu a modificar o texto no Pacto do Hostal, no que participaron AP, PSOE, UCD, PCG e PG. Non era o texto dos 16 pero si que se eliminaron boa parte dos motivos de crítica. Despois aínda veu un referendo cunha abstención do 70%. Veu tamén o café para todos e tamén a LOHAPA despois do 23F como intento de limitar o Estado Autonómico. Pero ese foi outro conto.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.