Gañaron os candidatos das deputacións, aqueles apoiados por presidentes provinciais e líderes do partido en cada un dos territorios. Nas primarias socialistas celebradas en Pontevedra e Lugo venceron David Regades e Álvaro Santos. O primeiro, concelleiro en Vigo, deputado no organismo provincial e afín tanto á presidenta deste, Carmela Silva, como ao alcalde olívico Abel Caballero; o segundo, voceiro do grupo de goberno no organismo provincial lugués, apoiado polo presidente Darío Campos.
Os dous candidatos apoiados polos presidentes provinciais e non afíns a Gonzalo Caballero impuxéronse nas primarias de Lugo e Pontevedra
Impuxéronse, xa que logo, candidatos non afíns ao novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que chamaba a acabar coas baronías e os liderados internos. En Pontevedra, Regades impúxose a Eduardo Reguera, portavoz socialista en Redondela, ao acadar 1.059 votos fronte aos 806 do seu rival e cunha participación de máis do 65% da militancia na provincia. O concelleiro vigués substituirá así a Santos Héctor, sendo clave na súa vitoria os resultados obtidos na súa cidade e malia perder noutras localidades importantes como Vilagarcía ou a capital provincial.
Regades púxose como obxectivo aumentar o número de alcaldías na provincia e manter a Deputación e insistiu na unidade. Xa neste luns, en declaracións á Radio Galega, asegurou que é necesario "manter o ambiente de concorcia" nun PSdeG que se debe "manter unido" e que, cre, "está máis unido ca nunca". O novo líder socialista na provincia de Pontevedra grabou a Abel Caballero, ao que definiu como "un referente en todo España" e amosouse moi optimista de cara ás vindeiras eleccións municipais.
"Os gobernos das mareas nin facilitan o traballo municipal nin lle facilitan a vida á cidadanía", advirte Regades, novo líder do PSdeG en Pontevedra
Ademais, Regades non aforrou críticas ás mareas, principal rival do PSdeG no ámbito do progresismo nos vindeiros muunicipios. "Os seus gobernos son malos gobernos formados por partidos emerxentes que están desinflándose: nin facilitan o traballo municipal nin lle facilitan a vida á cidadanía", dixo.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, amosouse satisfeita coas primarias e asegurou queu o obxectivo dos socialistas é "ter un proxecto alternativo á dereita cavernícola que nos leva tempo gobernando en Galicia". Ademais, de cara ao 2019, asegurou que o PSdeG ía "obter moitísmos mellores resultados" e que sería " a primeira forza en Pontevedra" para que "o modelo dos alcaldes socialistas e da Deputación chegue a todas as persoas".
Pola súa banda, en Lugo, foi Álvaro Santos o vencedor das primarias logo de acadar máis votos que os que conseguiron os dous outros candidatos xuntos: o alcalde de Castroverde, José María Arias, e a concelleira en Burela, Patricia Otero, a preferida para o secretario xeral do PSdeG. Foron 747 votos fronte aos 373 e aos 295 respectivamente tras unha participación de máis do 70% da militancia.
Logo da súa vitoria, o deputado provincial asegurou que traballaría "man a man" coa nova dirección galega do PSdeG, mentres que Arias aclara que non cre no proxecto de Santos pero tamén que non porá "cambadelas".
Álvaro Santos, vencedor en Lugo, obtivo máis votos que os seus dous rivais xuntos
Ademais, o presidente da Deputación, Darío Campos, gabou o proceso de primarias e asegurou que o necesario agora é "poñer orde" no partido. "Levamos dous anos sen secretario provicnial e é preciso ter unha dirección clara", engadiu, tras manifestar que confía en que haxa "integración" na executivoa provincial de Santos, que xa deixou claro que tratará de "sumar" na executiva.