O xacemento paleolítico de Vilalba xa está fóra da poxa de Facenda

Vista do xacemento de Pena Grande Dominio Público Cultura do País

Pena Grande non se vende. O lema reivindicativo tornou de vez en realidade. A intención anunciada polo Ministerio de Facenda a finais de novembro como resposta á mobilización política e social para evitar que fose poxado o predio no que se atopa o considerado como xacemento paleolítico máis importante de Galicia xa ten tradución administrativa. A falta da súa publicación no Boletín Oficial do Estado o certo é que a Delegación de Economía e Facenda de Lugo xa non permite presentar ofertas por esta leira duns 35.000 metros cadrados que xa tentara vender noutras dúas ocasións e que tiña intención de poxar o vindeiro venres, 15 de decembro.

A orde de paralizar a poxa de Pena Grande chegou directamente do ministro Cristóbal Montoro, pero non por iniciativa propia. Como avanzou Praza.gal, produciuse despois de que o deputado lucense Miguel Anxo Fernán-Vello (En Marea) lle transmitise durante o último pleno do Congreso que o seu departamento estaba a vender "o xacemento máis importante do paleolítico superior en Galicia e, polo tanto, tamén do Estado". Sucedeu, ao tempo, na xornada en que a asociación lucense Cultura do País anunciaba a súa intención de concorrer á poxa para, no caso de que o proceso non fose paralizalo, tentar mercar o xacemento e poñelo á disposición de institucións e persoal experto que velase pola súa conservación.

Facenda pechou a recepción de ofertas polo predio, trámite que ía manter aberto ata este 11 de decembro 

Foi precisamente este colectivo o que este luns recibiu a confirmación "documental" do freo do proceso, que verbalmente xa fora ratificado polo Ministerio e pola Xunta tras a conversa de Fernán-Vello e Montoro. Obtívoa ao acudir ao que sería o primeiro trámite para optar á compra, a presentación dunha oferta coa correspondente garantía -apenas 300 euros, toda vez que o prezo de saída non chegaba aos 8.000-, cuxo prazo vencía este día 11. Xa non hai lugar a ofertas porque o Ministerio desistiu da venda.

A orde de frear a poxa partiu de Montoro tras advertilo En Marea de que estaba a vender un xacemento paleolítico e mentres Cultura do País anunciaba a intención de concorrer á venda

"Queremos manifestar a nosa satisfacción pola retirada da poxa do xacemento", sinala a asociación lucense, que se amosa convencida de que "de non ser pola mobilización e a resposta popular", non se podería "celebrar a paralización do procedemento". "Constatamos" que "fomos capces de mobilizar colectivos, medios e persoas implicadas" para frear a venda e "tamén -afirman- de mobilizar algúns intereses inmanentes non moi confesábeis que, aínda que xurdiron como unha resposta reaccionaria ao noso anuncio" de optar á compra "tamén serviron para evitar que a poxa seguise adiante", conclúen, xunto a unha chamada a "seguir loitando" para que "non se volva dar este tipo de situacións".

Reacción dende o Museo de Vilalba

"Consideramos a decisión un punto de inflexión para unha mellor protección e coñecemento da área arqueolóxica de Pena Grande"

Despois de que o propio Fernán-Vello dese tamén por completada a paralización e avanzase a "cesión gratuita" do predio ao Concello de Vilalba, a "decisión" tamén foi aplaudida dende o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e a súa Asociación de Amigos, algúns de cuxos membros acolleron inicialmente con receo a campaña de Cultura do País porque, afirmaron, ao presentárense impedían que a poxa volvese quedar deserta, segundo recolleu El Progreso. "Consideramos a decisión un punto de inflexión para unha mellor protección e coñecemento da área arqueolóxica de Pena Grande", din, nun contexto no que "agora centraremos os nosos esforzos en dotar a área dun maior grao de protección legal e efectiva".

O colectivo vilalbés "recoñece", ao tempo, as "contribucións dos grupos políticos, dos medios de comunicación e das asociacións da parroquia de Santaballa para acadar o resultado desexado", así como "os ofrecementos que nos fixeron chegar de recursos financeiros para participar na poxa, e as moi numerosas mostras de interese e de frustración coa situación creada". "Non debemos -conclúen nun comunicado difundido a través das redes sociais- esquecernos das asociacións culturais de vilalba, que de novo volveron demostrar o seu nivel de compromiso co noso patrimonio". O xacemento, din, debera ser declarado Ben de Interese Cultural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.