O pasado verán a Xunta licitou o contrato para xestionar durante a próxima década o macroalbergue de peregrinos do Monte do Gozo, construído nos 90 e que nos últimos anos caera no abandono. A empresa que levase a concesión podería obter uns beneficios de entre 350.000 e 800.000 euros ao ano, segundo as estimacións do propio Goberno galego, sen ter que pagar á Xunta máis que un canon mínimo de 85.000 euros anuais. Malia esas condicións, o concurso quedou deserto e agora o Goberno galego prevé volver a convocalo de novo facéndoo “máis atractivo para o conxunto do sector”.
O concurso para a xestión do recinto, que obrigaba á concesionaria a investir 1,2 millóns na súa reforma, quedou deserto e agora o Goberno galego acometerá el mesmo as obras antes de realizar unha nova licitación
Nunha resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo PSdeG, a Xunta explica os seus próximos pasos para revitalizar o Monte do Gozo. No concurso que quedou deserto o Goberno galego prevía que a empresa que resultase adxudicataria acometese un investimento inicial duns 1,2 millóns de euros en diversas remodelacións e reparacións do complexo, gasto que recuperaría cos beneficios que obtería ao longo dos dez anos posteriores de concesións. Ao non atopar ningunha empresa interesada, agora Turismo de Galicia será “a encargada de executar as reformas necesarias para acondicionar a zona de aloxamento” e “unha vez realizada a intervención, sacará a concurso a concesión escoitando de novo a toda empresa que desexe manifestar o seu parecer sobre as condicións, para facelo máis atractivo para o conxunto do sector en beneficio de todos”.
Resposta da Xunta ao PSdeG sobre o concurso deserto para xestionar o Monte do Gozo
A Xunta tamén consultou co sector como facer máis interesante o concurso tamén deserto para os seus helicópteros de salvamento, e o resultado foi un encarecemento para as arcas públicas de 6,5 a 8,5 millóns ao ano
As condicións iniciais que agora o Goberno galego quere facer máis atractivas contemplaban que a empresa adxudicataria pagase un canon anual á Xunta dun mínimo de 85.000 euros, canon que non tería que aboar nos tres primeiros anos para facilitar que recuperase o investimento inicial de 1,2 millóns de euros que tería que realizar no complexo. A cambio, a estimación da Xunta era que a empresa obtería uns beneficios anuais que oscilarían entre os 350.000 euros previstos para 2019 e os 800.000 euros para 2027, período que inclúe os anos xacobeos de 2021 e 2027.
Malia eses beneficios estimados e o reducido do canon sobre eles, ningunha empresa optou ao concurso, que agora a Xunta reformulará tras consultar co sector para facelo “máis atractivo”. Algo similar fixo o Goberno galego hai uns meses co concurso para adxudicar os seus helicópteros de salvamento marítimo. Tras quedar deserto un primeiro procedemento, a Xunta consultou co sector como podía mellorar o concurso. O resultado foi que os 6,5 millóns ao ano que a Xunta estaba disposta a pagarlle á empresa no primeiro concurso acabaron converténdose en 8,5 millóns ao ano no segundo tras consultar co sector.