Entre novembro de 2016 e maio de 2017 o Servizo Galego de Saúde asinou ata cinco convenios coa filial española da multinacional estadounidense Medtronic, especializada en "tecnoloxía, servizos e solucións médicas". Un destes acordos tiña como ámbito de aplicación o conxunto da rede hospitalaria do Sergas e os outros catro cinguíanse a hospitais específicos; os de Vigo, Santiago, A Coruña e Lugo, nos catro casos co mesmo obxectivo xenérico de "incrementar a calidade asistencial e eficiencia operativa das unidades asistenciais". As cláusulas xerais destes acordos son públicas en virtude da lei de transparencia pero o seu contido concreto desenvólvese en anexos que o Goberno galego non publicou e que agora vén de ocultar especificamente ao seren reclamados por pacientes dun dos centros atinxidos, o compostelán.
O pasado outubro a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS empregou unha das canles previstas na devandita lei de transparencia para solicitar formalmente o acceso aos anexos dos acordos asinados para Santiago, A Coruña e Lugo co obxectivo de coñecer o seu contido específico. A resposta chegou a finais dese mesmo mes asinada polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, que concede á asociación o acceso aos documentos que xa eran públicos en internet, pero denégao "en relación coa obtención de copia dos anexos".
A razón que esgrime para a negativa é que a súa "divulgación" podería "supoñer un prexuízo para o segredo comercial e/ou propiedade industrial" de Medtronic. "O mero coñecemento da información por quen de forma individual ou particular exerce o seu dereito de acceso", neste caso a asociación de pacientes, di o alto cargo, "podería determinar que tales intereses" da compañía americana "se visen prexudicados".
A Xunta apela ao "segredo comercial" e á "propiedade industrial" de Medtronic para negarse a que a Asociación de Pacientes do CHUS acceda ao acordo
O veto vén de motivar que o colectivo de doentes decidise dar un paso máis e reclamar ante a Comisión de Transparencia, dependente do Valedor do Pobo. O colectivo censura que o Goberno galego "antepoña o dereito" comercial da empresa "ao dereito xeral de acceso á información pública" e o faga "a pesar de tratarse de información de carácter esencial" para a execución dos acordos que permiten a Medtronic actuar en hospitais públicos durante catro anos sen que, formalmente, haxa achega económica polo medio.
O colectivo de doentes esixe saber a implicación de que "medios materiais, técnicos e humanos" dos hospitais estean "á disposición" desta empresa
"Non resulta tolerable que se formalicen convenios de semellante magnitude" e se denegue o coñecemento do seu ceontido. Non en van, resaltan, a parte que si é pública apunta que "se poñen á disposición dunha multinacional especializada no deseño e fabricación de dispositivos cardiovasculares" os "medios materiais, técnicos e humanos dos hospitais". Neste sentido, o texto dispoñible para a consulta pública indica que a "oferta de servizos e solucións" de Medtronic vai ser "testada nun entorno real de uso", estes hospitais galegos, para que "poidan ser ofertados ao mercado nun próximo futuro". "Non é admisible -di a asociación- que se denegue o acceso á información para protexer unha estratexia empresarial".
A asociación vén de recorrer á Comisión de Transparencia e resalta que a parte pública do convenio apunta que Medtronic vai "testar" en instalacións públicas os seus produtos
Os pacientes resaltan que queren coñecer o contido completo do acordo porque cómpre saber se "garante que a empresa non vai ter acceso e tratamento dos nosos datos persoais sanitarios". Ademais, esixen coñecer "que grao de participación vai ter a empresa" no "seguimento e control dos procesos asistenciais" nestes hospitais, que "medios técnicos e humanos" do Sergas "se van poñer ao seu alcance" e "que beneficios vai comportar para os pacientes" o conxunto do pacto, caso de existiren.
Adicionalmente, a asociación ve imprescindible que o Sergas aclare "cal vai ser o réxime de propiedade de uso" que, no caso concreto de Santiago, vai ter a maquinaria "que a empresa vai entregar ao servizo de cardioloxía do CHUS" -un TAC, entre outros equipamentos- e se estará á disposición de todas as necesidades do hospital ou só das do acordo con Medtronic. Se todos estes detalles non son feitos públicos, agregan, "Sanidade non só está outorgando a Medtronic unha posición de vantaxe saltando a libre concorrencia", senón que "ademais, o fai con secretismo, ocultación e vulneración do dereito de acceso á información".