Na primavera de 2006 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a nova lei de dereito civil, un amplo texto legal que recollía os que anteriormente xa trasladaran ao corpo legal da autonomía as normas emanadas da historia e dos costumes do pobo galego. A lei, de máis de 300 artigos, regula ámbitos moi diversos -do agro aos camiños, pasando polas capitulacións matrimoniais ou as herdanzas- e, co acordo dos grupos que daquela sustentaban o Goberno -PSdeG e BNG- e o partido na altura situado na oposición -o PP- incorporou tamén preceptos sobre a adopción de fillos e fillas e mais a respecto da autotutela, isto é, da capacidade da poboación adulta para determinar que persoa sería a súa titora no caso dunha eventual incapacidade. Esta regulamentación, desenvolvida en case unha vintena de artigos, vén de ser tombada polo Tribunal Constitucional tras máis dunha década en vigor.
O TC vén de publicar no Boletín Oficial do Estado unha sentenza ditada o pasado 16 de novembro cuxa orixe está no que fora un dos primeiros conflitos entre o Executivo galego de coalición e o Goberno de España que presidía o socialista José Luis Rodríguez Zapatero. Menos dun ano despois da aprobación da nova lei de dereito civil, en marzo de 2007, o Consello de Ministros elevou ao Constitucional o recurso contra os artigos relativos a adopción e autotutela por considerar que, ao "regular de xeito exhaustivo" estas materias, estaba a "exceder as competencias da comunidade autónoma", toda vez que non existían "antecedentes na lexilación civil galega" sobre estes ámbitos. O recurso chegaba tras meses de negociacións entre ambos gobernos, nas que a Xunta contara co aval da oposición e tamén da Asesoría Xurídica e dos letrados do Parlamento.
A regulamentación das adopcións e da autotutela incluíuse na lei de dereito civil de 2006, aprobada en Galicia por unanimidade e recorrida en 2007 polo Goberno de España
O procedemento contra a lei recorrida seguiu un lento curso ata este mes de novembro, cando chegou a sentenza na que o Constitucional dá a razón aos argumentos esgrimidos en 2007 pola Avogacía do Estado e rexeita as alegacións formuladas dende o Parlamento de Galicia, cuxos letrados alegaban que si existen "antecedentes normativos e doutrinais" no dereito civil galego que permitían establecer lexislación autonómica en materia de adopción e autotutela. Así, esgrimiron "figuras propias" a historia civil de Galicia como "a beneficencia pública en favor expósitos, como as casas-berce e as inclusas", así como a "tradición xurídica galega" de establecer ante notario a "declaración de vontade" sobre a tutela, todo isto de data anterior á lexislación estatal para o mesmo ámbito.
O Constitucional considera que a autonomía galega "non posúe competencia" para regular as adopcións máis alá do procedemento administrativo
Pero os argumentos legais e históricos da Xunta e do Parlamento non son dabondo para o relator da sentenza, o maxistrado do TC Alfredo Montoya. "Non podemos máis que constatar que non se acreditou de xeito fehaciente" a "existencia de costumes relativos a unha forma específica de adopción ou outra institución similar no territorio galego ao tempo da entrada en vigor da Constitución", polo que a lei de dereito civil de 2006 non recolle "unha antiga realidade existente", senón que "innova o seu Dereito", eido para o que a autonomía "non posúe competencia". O Parlamento galego e a Xunta, vén dicir, poden regular aspectos administrativos das adopcións, pero non entrar na súa vertente de dereito.
Evolución das solicitudes de adopción en Galicia / CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
A sentenza non afecta a adopcións que xa sexan firmes, pero si ás que se estean a tramitar
Por todo isto o TC deixa sen efecto os artigos que van do 27 ao 41 da lei -para as adopcións- e do 42 ao 45 -para a autotutela-. Non obstante, dado que a normativa leva máis de dez anos en vigor, a sentenza indica que este "pronunciamento de inconstitucionalidade non afectará ás adopcións que sexan firmes" en aras da "seguridade xurídica", pero si atinxe ás adopcións que estan a tramitarse na actualidade. O mesmo sucede coas escrituras de autotutela que se ditasen ata agora ao abeiro da lei galega que o tribunal anula.
Dous maxistrados do TC discrepan formalmente da sentenza
Este ditame do Tribunal Constitucional trae consigo, no entanto, dous votos particulares nos que os maxistrados Juan Antonio Xiol e Cándido Conde-Pumpido expresan a súa disconformidade. A xuízo de Xiol, "a adopción, tal e como está regulada nas normas impugnadas, cumpre sobradamente o canon da súa necesaria conexión orgánica" co dereito civil galego. Dende o punto de vista de Conde-Pumpido -quen foi Fiscal Xeral do Estado na etapa de Zapatero no Goberno-, a sentenza "pode xerar a impresión de que este Tribunal aplica distintas varas de medir cando examina as conexións das lexislacións autonómicas en materia civil" coa tradición de cada un dos territorios.