0 Gardados para despois

O Constitucional tomba a lei galega que regula as adopcións de fillos dende hai unha década

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Na primavera de 2006 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a nova lei de dereito civil, un amplo texto legal que recollía os que anteriormente xa trasladaran ao corpo legal da autonomía as normas emanadas da historia e dos costumes do pobo galego. A lei, de máis de 300 artigos, regula ámbitos moi diversos -do agro aos camiños, pasando polas capitulacións matrimoniais ou as herdanzas- e, co acordo dos grupos que daquela sustentaban o Goberno -PSdeG e BNG- e o partido na altura situado na oposición -o PP- incorporou tamén preceptos sobre a adopción de fillos e fillas e mais a respecto da autotutela, isto é, da capacidade da poboación adulta para determinar que persoa sería a súa titora no caso dunha eventual incapacidade. Esta regulamentación, desenvolvida en case unha vintena de artigos, vén de ser tombada polo Tribunal Constitucional tras máis dunha década en vigor.

O TC vén de publicar no Boletín Oficial do Estado unha sentenza ditada o pasado 16 de novembro cuxa orixe está no que fora un dos primeiros conflitos entre o Executivo galego de coalición e o Goberno de España que presidía o socialista José Luis Rodríguez Zapatero. Menos dun ano despois da aprobación da nova lei de dereito civil, en marzo de 2007, o Consello de Ministros elevou ao Constitucional o recurso contra os artigos relativos a adopción e autotutela por considerar que, ao "regular de xeito exhaustivo" estas materias, estaba a "exceder as competencias da comunidade autónoma", toda vez que non existían "antecedentes na lexilación civil galega" sobre estes ámbitos. O recurso chegaba tras meses de negociacións entre ambos gobernos, nas que a Xunta contara co aval da oposición e tamén da Asesoría Xurídica e dos letrados do Parlamento.

A regulamentación das adopcións e da autotutela incluíuse na lei de dereito civil de 2006, aprobada en Galicia por unanimidade e recorrida en 2007 polo Goberno de España

O procedemento contra a lei recorrida seguiu un lento curso ata este mes de novembro, cando chegou a sentenza na que o Constitucional dá a razón aos argumentos esgrimidos en 2007 pola Avogacía do Estado e rexeita as alegacións formuladas dende o Parlamento de Galicia, cuxos letrados alegaban que si existen "antecedentes normativos e doutrinais" no dereito civil galego que permitían establecer lexislación autonómica en materia de adopción e autotutela. Así, esgrimiron "figuras propias" a historia civil de Galicia como "a beneficencia pública en favor expósitos, como as casas-berce e as inclusas", así como a "tradición xurídica galega" de establecer  ante notario a "declaración de vontade" sobre a tutela, todo isto de data anterior á lexislación estatal para o mesmo ámbito.

O Constitucional considera que a autonomía galega "non posúe competencia" para regular as adopcións máis alá do procedemento administrativo

Pero os argumentos legais e históricos da Xunta e do Parlamento non son dabondo para o relator da sentenza, o maxistrado do TC Alfredo Montoya. "Non podemos máis que constatar que non se acreditou de xeito fehaciente" a "existencia de costumes relativos a unha forma específica de adopción ou outra institución similar no territorio galego ao tempo da entrada en vigor da Constitución", polo que a lei de dereito civil de 2006 non recolle "unha antiga realidade existente", senón que "innova o seu Dereito", eido para o que a autonomía "non posúe competencia". O Parlamento galego e a Xunta, vén dicir, poden regular aspectos administrativos das adopcións, pero non entrar na súa vertente de dereito.

Evolución das solicitudes de adopción en Galicia / CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

A sentenza non afecta a adopcións que xa sexan firmes, pero si ás que se estean a tramitar

Por todo isto o TC deixa sen efecto os artigos que van do 27 ao 41 da lei -para as adopcións- e do 42 ao 45 -para a autotutela-. Non obstante, dado que a normativa leva máis de dez anos en vigor, a sentenza indica que este "pronunciamento de inconstitucionalidade non afectará ás adopcións que sexan firmes" en aras da "seguridade xurídica", pero si atinxe ás adopcións que estan a tramitarse na actualidade. O mesmo sucede coas escrituras de autotutela que se ditasen ata agora ao abeiro da lei galega que o tribunal anula.

Dous maxistrados do TC discrepan formalmente da sentenza

Este ditame do Tribunal Constitucional trae consigo, no entanto, dous votos particulares nos que os maxistrados Juan Antonio Xiol e Cándido Conde-Pumpido expresan a súa disconformidade. A xuízo de Xiol, "a adopción, tal e como está regulada nas normas impugnadas, cumpre sobradamente o canon da súa necesaria conexión orgánica" co dereito civil galego. Dende o punto de vista de Conde-Pumpido -quen foi Fiscal Xeral do Estado na etapa de Zapatero no Goberno-, a sentenza "pode xerar a impresión de que este Tribunal aplica distintas varas de medir cando examina as conexións das lexislacións autonómicas en materia civil" coa tradición de cada un dos territorios.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.