ANÁLISE | Sete claves para ler os resultados das eleccións en Catalunya

Dominio Público Praza Pública

1- O independentismo mantén a súa forza

O bloque partidario da secesión perdeu dous escanos pero conseguiu manter con certa comodidade a maioría absoluta. A suma independentista non só mostrou capacidade de resistencia, nunha das peores circunstancias xudiciais nas que podía acudir ás eleccións, senón que puido aumentar preto de 100.000  votos, que non se traduciron en porcentaxe debido ao aumento da participación.

O independentismo gaña en todas as provincias agás en Barcelona

O independentismo tivo clara maioría absoluta en Lleida (64,2%) e Girona (63,8%), pero tamén gañou, de forma inesperada, en Tarragona, onde cun 49,5% o bloque obtivo máis votos que o resto de partidos con representación, que se quedou no 49,1%. É en Barcelona, cun 43,4%, onde o independentismo retrocedeu case un punto enteiro.

O bloque formado por Junts per Catalunya, ERC e a CUP puido manter a súa forza porque os dous principais partidos independentistas foron eficaces nos seus respectivos terreos. A lista de Puigdemont gañou con soltura na Catalunya central e norte, mentres que ERC foi segundo partido en boa parte das zonas metropolitanas e Tarragona, aínda que en moitas delas non quedou lonxe de JxCat. A gran prexudicada das listas separadas foi a CUP, que caeu aos 4 deputados desde os 10 que tiña, cunha perda de case 150.000 votos.

2- Ciudadanos consolídase como a alternativa en Catalunya

A vitoria de Inés Arrimadas é rotunda en números pero incompleta pola súa dificultade para gobernar. Ciudadanos lanzouse ata os 37 escanos por converterse na papeleta máis clara e con máis posibilidades contra a secesión. En só 11 anos de andaina, o partido foi capaz de penetrar nun electorado transversal de esquerda a dereita, localizado na Catalunya metropolitana e de perfil castelánfalante.

Ciudadanos foi capaz de penetrar nun electorado transversal de esquerda a dereita, na Catalunya metropolitana e de perfil castelanfalante

Ciudadanos foi ademais o partido que máis mellorou os seus resultados desde 2015, obtendo un de cada catro votos. Cidades importantes como L'Hospitalet, Terrassa,  Sabadell ou Badalona son agora territorio cidadán, pero tamén, e sobre todo, en Barcelona. Todo este éxito é posible porque Arrimadas converteu o seu partido na única alternativa á Catalunya independentista, unha situación que poderá seguir rendibilizando no futuro.

Malia todo isto, o triunfo non é completo porque nin quedando primeiros poderán gobernar. Ciudadanos, cuxa gasolina é o conflito en clave nacional, pasará unha lexislatura máis facendo oposición a un goberno independentista. Non é o mellor, pero probablemente é un dos segundos mellores escenarios que podían imaxinar.

3- A aposta de Puigdemont cose a crise do PDeCAT

Junts per Catalunya foi un proxecto persoal de Carles Puigdemont. A lista coa que o president cesado se converteu no gañador moral da noite non existía hai só tres meses. A fórmula de expor unha lista de aparencia transversal, sen nomes de partido e con personalidades ligadas á sociedade civil independentista foi tan sinxela como efectiva. O seu único programa: a restitución do que chaman "Govern lexítimo".

Coa vitoria da súa aposta sobre ERC, Puigdemont puxo a primeira pedra para recoser o espazo social da antiga Convergència. O partido áchase nunha profunda crise desde 2012, con refundación no PDeCAT incluída, pero soubo superar todos os malos momentos e manterse no Govern ata o pasado outubro. O  ex-alcalde de Girona que chegou de rebote á presidencia da Generalitat converteuse no home clave do futuro da formación, a pesar da súa complicada situación xudicial. 

4- ERC non é capaz de dar o 'sorpasso' aos converxentes

Os republicanos quedaron en terceiro lugar e a só 12.000 votos dos seus eternos rivais e aliados de JxCat. Con todo, esa diferenza traduciuse en dous escanos menos e, sobre todo, quedou moi por baixo das súas expectativas. ERC era considera a clara favorita ao comezar a campaña. Durante as últimas semanas comezou a asumir que podía quedar por baixo de Ciudadanos, pero ata a noite deste xoves non viu que podía quedar tamén por detrás da lista de Puigdemont.

ERC foi capaz de quedar segunda nas varias cidades metropolitanas, como Barcelona, Terrassa, Sabadell ou Badalona

ERC leva sendo a gran promesa independentista desde as eleccións europeas de 2014, cando superaron por primeira vez a Convergència en votos, pero a vitoria quedoulle lonxe agora. Con todo, ERC foi capaz de quedar segunda nas varias cidades metropolitanas, como Barcelona, Terrassa, Sabadell ou Badalona, o que debuxou unha Catalunya xa non de dúas cores, senón de tres. Para un independentismo ao que se lle escapou case un punto na provincia de Barcelona estes resultados metropolitanos son vitais.

5- A esquerda alternativa queda tocada en ambos bloques

Entre 2012 e 2014 comezou un ciclo electoral que impulsou varios partidos e candidaturas da esquerda alternativa, tanto independentistas como non independentistas. A CUP parlamentaria, Podemos, Barcelona en Comú ou a coalición que goberna en Badalona son froito desta vaga, que removeu en moitos momentos os alicerces da política catalá e española.

A CUP perdeu 6 deputados, esmagada polo voto útil ao que apelaban as dúas grandes listas independentistas

Pero as eleccións do 21D pecharon en boa medida aquel ciclo. A CUP perdeu 6 deputados, esmagada polo voto útil ao que apelaban as dúas grandes listas independentistas. Aínda que a baixada é máis suave, os comuns tamén retrocederon tres escanos respecto da candidatura de Catalunya Sí que és Pot. Ambas as dúas formacións perderon votos en cidades nas que gobernan. En Badalona, a CUP perdeu a metade dos votos conseguidos en 2015, case os mesmos que en Sabadell. Os comuns tamén baixaron nesas cidades e, pese ao pulo da alcaldesa Ada Colau, en Barcelona non conseguiron crecer nin un voto. 

6- O PSC queda esmagado baixo a forza de Arrimadas

Os socialistas de Miquel Iceta aseguraron en campaña que se lanzaban cara á presidencia. Pero os resultados deixárono moi lonxe de conseguilo, non só porque os independentistas sumaron maioría absoluta, senón tamén porque quedou a 20 escanos de Arrimadas e con pouco máis da metade do seu voto. A aposta do PSC valeu para crecer 80.000 votos que se traducen nun único escano máis, pero non puido facer nada ante o pulo dos seus rivais laranxas.

A aposta do PSC valeu para crecer 80.000 votos que se traducen nun único escano máis

De feito, o transvasamento de voto cara a Ciudadanos foi tan forte que o PSC non puido quedar segundo nalgúns dos lugares que noutros momentos reinaron. Si o fixeron en cidades como L'Hospitalet, Santa Coloma de Gramanet, Cornellà, El Prat ou Gavà.

7- A suma de partidarios dun referendo desgástase

En Catalunya os partidos que apostaron por un referendo sobre a independencia gañaron de forma ampla todas as eleccións desde 2012. Tamén este 21 de decembro, aínda que o bloque desgastouse moito. Dos 83 deputados que sumaron na lexislatura pasada os independentistas xunto a Catalunya Sí que és Pot, no novo Parlament esta alianza será de só 78 deputados, lonxe dos dous terzos de 90 deputados que o Estatut impón para ser reformado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.