O presidente Feijóo adoita gabar o seu propio executivo fronte a outros como un “goberno previsible”. Porén, a Xunta non é quen de cumprir as súas propias previsións sobre as normas que quere aprobar cada ano, o denominado Plan Anual Normativo. O deste 2017 prevía a aprobación de 11 leis e 69 decretos pero o ano remata con só 5 leis e 35 decretos aprobados, segundo vén de denunciar o PSdeG.
Feijóo adoita salientar que o seu é un “goberno previsible”, pero só aprobou 5 das 11 leis que anunciou para este ano e 35 dos 69 decretos, segundo o balance que vén de realizar o PSdeG
O deputado socialista Juan Díaz Villoslada compareceu este martes en rolda de prensa para denunciar o que denominou “abulia lexislativa” da Xunta. Fronte a ese incumprimento das súas propias previsións por parte do Goberno galego, Villoslada contrapuxo o “rodillo” que o PP vén de aplicar no Parlamento para aprobar a denominada lei de acompañamento dos Orzamentos para 2018, a través da que, cunha tramitación acelerada e con menos debate, modificou outras 20 leis previas, 12 delas impulsadas durante os mandatos do propio Feijóo.
O Goberno galego non fixo público o seu Plan Anual Normativo para este 2017 ata finais de maio, cando xa pasaran preto de cinco meses do ano. Nel comprometíase a aprobar 11 leis, das que agora que remata o ano só están aprobadas cinco, e con matices. Quen aproba as leis é o Parlamento, pero a maioría absoluta do PP non supón ningún impedimento para o Goberno galego. Malia iso, os socialistas teñen en conta só a aprobación do proxecto de lei por parte do Consello da Xunta para a súa remisión ao Parlamento. Tendo en conta ese criterio, sen avaliar se finalmente o Parlamento aprobou xa a lei ou non, este 2017 o Goberno galego remitiu ao Parlamento as leis de espectáculos públicos, benestar animal, portos, orzamentos para 2018 e saúde.
A Xunta non divulgou o seu Plan Anual Normativo para este ano ata finais de maio
O ano remata sen que o Goberno remitise ao Parlamento as súas prometidas leis de administración dixital, patrimonio, patrimonio natural, emprego e farmacia, e sen aprobar os decretos que regulan a Risga ou o transporte público en turismos
Se no caso da lei de saúde a proposta do Goberno galego aínda acaba de entrar agora na Cámara e non será aprobada ata o ano próximo, unha das leis si aprobadas polo Parlamento, a de implantación empresarial coñecida polos seus detractores como lei de depredación, non foi proposta pola Xunta, como se comprometera no seu plan anual, senón que a deixou a iniciativa do grupo parlamentario popular “salvando así os informes preceptivos que se lle requiren ao goberno”, segundo critican os socialistas. O ano remata sen que o Goberno remitise sequera á Cámara as súas prometidas leis de administración dixital, patrimonio, patrimonio natural, emprego e ordenación farmacéutica.
No seguinte nivel normativo, o dos decretos, os socialistas critican que a Xunta prometeu aprobar 69 pero que só cumpriu con 35. Entre os decretos si aprobados, unha ducia deles establecen os correspondentes currículos normativos para acceder aos títulos oficiais de técnicos deportivos en Baloncesto, Atletismo ou Hípica. Pola contra, entre os aínda non aprobados figuran os que deben regular a renda de inclusión social (Risga), o transporte público en vehículos de turismo ou os usos de determinadas franxas costeiras.
O Goberno galego admite que só aprobou "seis leis" das "11 previstas" e gábase de facer públicas as súas previsións malia ser unha obriga imposta por unha lei estatal
Tras a denuncia pública do PSdeG, acompañada dun informe de 16 páxinas no que analiza de xeito pormenorizado cada incumprimento o Goberno galego emitiu unha nota de prensa de tres parágrafos na que admite que non cumpriu co seu propio plan normativo. O Goberno galego di que “este ano a Xunta aprobou en Consello e remitiu ao Parlamento galego seis leis” (atribúese a de implantación empresarial, impulsada polo grupo popular e non polo executivo), fronte ás “11 leis previstas”. Das restantes, o Goberno galego nin sequera di que todas estean en tramitación “avanzada” senón só tres, e nin menciona o grao de aprobación dos decretos previstos. O Goberno galego tamén se gaba de ser o primeiro que aproba e publica un plan coas súas previsións normativas, obviando que é unha obriga imposta por unha lei estatal de 2015.