Feijóo esquiva a homeopatía na nova lei de farmacias: “Non me atrevo a confirmar se é un produto sanitario”

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á esquerda, nunha visita a un centro de saúde Dominio Público Xunta de Galicia

O Goberno galego prohibirá a venda de “produtos distintos dos propios da canle farmacéutica” pero non detalla cales o son e argumenta que as autorizacións sanitarias dos homeopáticos son unha competencia estatal

O Goberno galego autorizou na súa reunión deste xoves o inicio da tramitación dunha nova lei autonómica de farmacias, da que o presidente Feijóo salientou que, entre outras medidas, prohibirá de xeito expreso a venda nelas de “produtos distintos dos propios da canle farmacéutica”. O presidente foi preguntado se a norma prohibirá  a venda de produtos de homeopatía, pero ao tempo que dixo non coñecer a textualidade, engadiu que non se atrevía a entrar na “discusión” de se son ou non produtos “sanitarios”. Posteriormente, fontes do Goberno galego indicaron que o presidente se refería a que eses produtos deben contar cunha autorización sanitaria que é competencia estatal e admitiron que a Xunta non quere abrir o debate sobre a utilidade da homeopatía.

O propio presidente Feijóo foi quen salientou no seu anuncio dunha nova lei de ordenación farmacéutica que a norma prohibirá a venda de “produtos distintos da canle farmacéutica”. Preguntóuselle a continuación se iso significa que se prohibirán os produtos homeopáticos, que veñen sendo criticados polas sociedades médicas pola inexistencia de evidencias científicas sobre o seu funcionamento e utilidade. O presidente escusou o seu descoñecemento das prohibicións exactas e textuais da nova lei e remitiu á exposición pública do borrador. Pero a continuación engadiu: “A homeopatía, se é un produto sanitario, entendo que non o pode prohibir. Se a discusión é se é un produto sanitario ou non sanitario, é unha discusión que eu non me atrevo desde esta tribuna a confirmar ou desmentir categoricamente”.

A nova lei prohibe a venda por internet de medicinas que precisen receita e regula a farmacia a domicilio

Fontes do Goberno galego matizaron posteriormente que Feijóo se refería a que, á marxe da súa utilidade, os produtos homeopáticos deben contar cunha autorización sanitaria e que esta é competencia estatal, non autonómica. Porén, outras fontes consultadas sinalan que o Goberno galego non quere abrir o debate sobre a utilidade ou non da homeopatía nin sobre o lugar en que deben venderse os seus produtos. De feito, o borrador da lei divulgado este xoves elude citar a homeopatía. O texto di que “queda prohibido desenvolver nos locais da oficina de farmacia actividades de venda ao público de produtos distintos dos propios do canal farmacéutico, considerando como tales os medicamentos, os produtos sanitarios e os produtos de parafarmacia”, e engade que “cando nunha oficina de farmacia se desenvolvan actividades de óptica, análises clínicas, ortopedia, audioprótese, nutrición ou calquera outra actividade sanitaria expresamente autorizada para o seu exercicio nos locais da oficina de farmacia, a persoa titular ou cotitular deberá estar en posesión do título correspondente para o exercicio de dita actividade e cumprir os demais requirimentos que se determinen”.

A nova norma de ordenación farmacéutica, segundo avanzou este xoves Feijóo, tamén regulará a venda por internet, prohibíndoa para os produtos farmacéuticos que requiran receita médica pero permitíndoa para o resto. Tamén prohibirá a cesión de espazos das farmacias para outras actividades e regulará a farmacia a domicilio, para facilitar a disposición dos medicamentos por parte das persoas con dificultades para achegarse ata as farmacias. A nova norma tamén regulará a posibilidade de traslado de farmacias mediante concurso e eleva de 3 a 15 anos o período mínimo para poder traspasar unha farmacia obtida mediante concurso.

Farmacia nunha vila galega © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.