O informe da Xunta sobre o Brexit nin menciona que Galicia optase a acoller o laboratorio europeo de bivalvos

Páxinas do informe sobre o Brexit remitido pola Xunta ao Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Un mal soño do que non quede constancia escrita. É o tratamento que semella que vai ter finalmente nos arquivos da Xunta a virtual candidatura galega para acoller o laboratorio de referencia da Unión Europea para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos, cuxas competencias deixarán de ser exercidas no británico Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (Cefas) cando o Reino Unido consume a súa saída da Unión Europea. Como veu informando Praza.gal, os sucesivos anuncios formulados polas autoridades galegas ao respecto nunca se corresponderon cunha candidatura real e foron lanzadas, como adiantou Faro de Vigo, cando o Goberno de España xa sabía que este laboratorio ía ser pechado e as súas funcións, distribuídas entre outros que xa existen, entre eles un de Vigo.

O 21 de febreiro do pasado 2017 o pleno do Parlamento aprobou unha iniciativa do PP para que a Xunta elaborase "un informe sobre os posibles impactos do Brexit na economía galega e nos seus sectores produtivos" e o remitise á Cámara antes da fin do ano que vén de rematar. O Goberno galego cumpriu a encomenda e enviou o traballo ao Pazo do Hórreo o pasado 22 de decembro. O informe, un documento de 33 páxinas ao que tivo acceso este diario, divídese en sete apartados a comezar polos "antecedentes e contexto do Brexit" e a seguir por unha análise xeral da súa eventual influencia nos diferentes sectores da economía galega, así como nos orzamentos da UE, nos fondos que Galicia recibe e na estrutura institucional da Unión. 

En ningún destes apartados, nin tampouco no peche de "conclusións e recomendacións", se sinala que Galicia opta ou optase a acoller o devandito laboratorio de bivalvos, nin se suxire ningunha estratexia concreta para que o Goberno galego se dirixa ao español ou ás institucións comunitarias co obxectivo de que algunha entidade dependente da Xunta tente recoller competencias que perda o Reino Unido. Si se sinala, no entanto, que o Reino Unido é o terceiro mercado ao que se dirixen as exportacións galegas -con especial peso das do grupo Inditex e das de Citroën-, ou se admite que en territorio británico traballa "un número considerable de profesionais cualificados menores de corenta anos" con orixe galega, cuxos intereses poden quedar "altamente lesionados" no caso dun Brexit 'duro'.

O informe, remitido ao Parlamento o pasado decembro, si admite que o Brexit pode supoñer un "duro golpe" para a "política de cohesión" da UE

O informe detense tamén, a partir de datos do IGE, do Goberno central, da Comisión Europea e de informacións publicadas en dous diarios impresos galegos, en aspectos como os orzamentos que poderían perder os programas europeos de investigación e desenvolvemento ou o "duro golpe" que o Brexit "podería implicar á política de cohesión", porque "en gran medida", a dotación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional "historicamente tiña a misión de contentar os británicos, visto o escaso retorno que obtiñan a través da Política Agraria Común e das medidas estruturas agrarias".

O laboratorio de bivalvos non é mencionado nin no apartado de "impacto institucional e revisión normativa" nin tampouco nas tres páxinas e media de conclusións e recomendacións. Nesta última sección o informe reflexiona en termos xerais sobre os puntos nos que "dende o punto de vista da comunidade autónoma de Galicia", debería "incidir" o pacto final entre a UE e o Reino Unido, tales como o "recoñecemento mutuo de cotizacións sociais" e títulos universitarios, a protección de dereitos pesqueiros adquiridos, a garantía de prestacións sanitarias ou a exención de visados para a mobilidade de persoas entre ambos territorios. 

O informe específico que recibiu a Consellería do Mar si apostaba por que Galicia defendese a candidatura que nunca chegou a ser rexistrada, pero que a Xunta defendeu mentres o Goberno de España coñecía que o laboratorio vai pechar

"Con carácter periódico -agrega- a Xunta analizará as consecuencias do Brexit en cada área de actuación" e "porá en práctica ou instará a quen competa á adopción de medidas" para "paliar ditas consecuencias". Neste sentido, anunicia, en 2018 "crearase un foro que permita o seguimento da evolución do Brexit no que participen os interlocutores económicos e sociais" e que "sirva para reflexionar sobre as consecuencias do acordo e o seu posterior desenvolvemento".

Este informe foi remitido ao Parlamento apenas dous días despois de que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, non fose quen de aclarar na propia Cámara, a preguntas de toda a oposición, por que a Xunta teimou en defender unha candidatura que nunca chegar a rexistrarse ou como fora posible que o Goberno de España coñecese a supresión do laboratorio de bivalvos e mesmo votase a prol do seu peche sen informar ao respecto ás autoridades galegas. Todo, mentres outro informe, o elaborado polo catedrático José Manuel Sobrino sobre o impacto do Brexit no sector pesqueiro galego a instancias da propia Consellería do Mar, si se refería á conveniencia de que a Xunta optase formalmente ao laboratorio, o cal nunca sucedeu.

Unha investigadora do Cefas do Reino Unido, que actualmente acolle o laboratorio europeo de bivalvos © Cefas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.