A aparición do corpo sen vida de Diana Quer o pasado 31 de decembro tras o prendemento e interrogatorios ao seu asasino confeso axitou a actualidade no remate do ano e conmocionou a opinión pública na comarca e tamén no resto do Estado, onde o caso tivo un enorme impacto mediático. Nos primeiros días de 2018 diversos cargos do PP aproveitaron este crime para defender a que fora unha das medidas estrelas da lexislatura de Mariano Rajoy con maioría absoluta, a cadea perpetua revisable. O que inicialmente se reduciu a unhas poucas declaracións e frases en redes sociais de cargos intermedios do partido vaise traducir agora na presentación de mocións ao respecto en todos os concellos.
Despois de que o pasado outubro o Congreso dos Deputados evidenciase, coa aprobación dunha iniciativa do PNV, que existe unha maioría parlamentaria contraria á denominada "prisión permanente revisable", os conservadores dispóñense a intensificar o ataque ás forzas políticas que a rexeitan apoiándose no asasinato da moza madrileña desaparecida na Pobra do Caramiñal en agosto de 2016. O albo da operación son as forzas de esquerda e soberanistas, pero tamén Ciudadanos, formación que se abstivo na devandita votación e na que algúns dos seus dirixentes, como a deputada Patricia Reyes, consideran este tipo de encarceramento indefinido como "demagoxia punitiva".
Unha votación do pasado outono confirmou a existencia dunha maioría parlamentaria contraria á prisión permanente revisable e os populares empregan este crime para atacar as forzas políticas que apostan por derrogala
O anuncio de que o PP se dispón a forzar votacións nos plenos municipais para axitar a vixencia da prisión permanente realizouno este martes o coordinador xeral do partido, Fernando Martínez-Maillo. No marco dunha "xuntanza de coordinación" previa á Xunta Directiva da formación, confirmou que "imos presentar a través dos nosos grupos municipais en todos os concellos unha moción de apoio á prisión permanente revisable". "Agardamos que o resto de partidos reflexionen e se manteña en España unha condena necesaria para os casos máis graves, que existe noutros países europeos, que respecta os dereitos humanos e que foi avalada polo Consello de Estado", dixo.
Outro dos cargos do PP que confirmou o anuncio foi Javier Arenas, na actualidade senador e vicesecretario de política autonómica e local do partido. "Presentaremos en todos os concellos unha moción para defender a prisión permanente revisable ante casos de extrema gravidade". "Debe manterse no noso ordenamento xurídico como en moitos países da UE", agregou o veterano dirixente".
Tras este anuncio regresaron tamén as intervencións doutros membros do PP en apoio da medida e unha das máis belixerantes volveu ser Ana Vázquez Blanco, deputada do PP de Ourense no Congreso que xa protagonizara unha polémica intervención hai escasos días ao considerar "oportunismo político" ligar o asasinato de Diana Quer coa violencia machista. Novamente a través de Twitter, Vázquez Blanco acusou a PSOE, Podemos e Ciudadanos de, coa súa aposta "vergoñenta" por derrogar a prisión permanente revisable, permitiren que "monstros" coma o asasino confeso da moza madrileña "saian de prisión". "Aínda estades a tempo de parar esta inxustiza para tantas vítimas", exclamou.
Vergonzoso @Albert_Rivera con @PSOE y @ahorapodemos quieren derogar la #prisionpermanente ...y q monstruos como este y otros salgan de Prisión
— Ana Vázquez Blanco (@anadebande) 09 xaneiro 2018
Todavía estáis a tiempo de parar esta injusticia para tantas víctimas!!#populismopunitivo ? pic.twitter.com/eae0jgC6Go