Feijóo, ausente na arenga de Rajoy para "rearmar" o PP

Rajoy, durante a súa intervención ante a Xunta Directiva do PP en Madrid © PP

Alberto Núñez Feijóo é, como presidente dunha autonomía, membro do Comité Executivo e tamén da Xunta Directiva do PP, órgano ante o que Mariano Rajoy formulou este luns a súa arenga para procurar o "rearme programático" do partido e tentar recuperar a iniciativa tras a dura derrota electoral en Catalunya e os posteriores azos mediáticos e doutros poderes encamiñados cara a Ciudadanos. Despois de que senllas enquisas de Metroscopia e GAD3 para El País e ABC, respectivamente, situasen os de Albert Rivera á fronte da intención de voto cara a unhas hipotéticas eleccións xerais, Rajoy puxo en dúbida a demoscopia e trazou ante a plana maior do partido os seus plans para "dar a batalla". Pero alí non estaba o presidente da Xunta.

Os intermitentes ruxerruxes que sitúan a Feijóo na esfera política estatal, cuxo silenciamento alentou o propio Rajoy tras a maioría absoluta do PPdeG en setembro de 2016 -a única do Estado, como o propio Feijóo vén reiterando-, regresaron tras os comicios en Catalunya. Nos últimos días diversas análises de cabeceiras madrileñas volveron apuntar ao presidente galego como candidato a entrar no Goberno de España ou na dirección central do partido para dotar de impulso á formación cara ás eleccións municipais de 2019 -que tamén serán europeas e mais autonómicas nas comunidades 'de vía lenta'- coa carreira sucesoria como pano de fondo.

Volve o cadro de expectativas para o titular da Xunta en clave estatal, o mesmo que ficou escachado en 2013 pola publicación das fotos con Dorado

Volve, daquela, o cadro de expectativas para o titular da Xunta en clave estatal que xa se producira a comezos de 2013 tras a súa segunda vitoria en Galicia. O cadro que ficou escachado coa publicación en El País das fotografías vacacionais de Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado a comezos dos anos 90, cando o presidente da Xunta dirixía o Servizo Galego de Saúde como número dous de José Manuel Romay Beccaría. Regresa nun momento no que a cerna da preocupación na cúpula do PPdeG volve ser diferente que na dirección madrileña; as eleccións galegas fican tan lonxe como as xerais -en ausencia de adiantos, ambas corresponden en 2020-, pero o partido ten en Galicia maioría absoluta. Por iso o desacougo non é parlamentario senón municipal, cos concellos das mareas e as deputacións do PSdeG como principal obxectivo da batalla.

Mentres a dirección estatal do PP ultimaba o discurso no que Rajoy instou a "dar a batalla", a cúpula galega engraxaba a maquinaria cara ás municipais

Así, mentres a pasada fin de semana a dirección estatal do PP pulía o discurso pronunciado por Rajoy este luns, a cúpula galega engraxaba as únicas pezas que lle renxeron nos últimos anos, as que o levaron a unha inédita perda de poder municipal en 2015. Afínanse, entre outras, a estratexia da comunicación en todas as frontes, a mesma que un dos dirixentes menos suxeitos aos argumentarios, o voceiro Pedro Puy, admitiu recentemente que pode fallar. E, na mesma liña, mentres este luns Rajoy proclamaba a súa disposición a seguir adiante -"eu vou dar a batalla, espero que vós tamén-, Feijóo mudou a foto na madrileña rúa de Génova por un plácido discurso de presentación do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que interviña como convidado nun almorzo informativo en Santiago, e despois recibiu en San Caetano ao embaixador de Malaisia en España.

Rueda reitera que o sitio de Feijóo está "en Galicia" e a oposición acolle este novo episodio entre a crítica e a retranca

Nesa intervención o xefe do Goberno galego eloxiou o papel do ourensán Santalices como "director" dos debates parlamentarios entre alusións implícitas a Catalunya e destaques sobre o "respecto á legalidade na Cámara galega, que ademais "destaca" como "a máis eficiente de España pola súa maior produción lexislativa ao menor custo". Pouco despois; como informa Gonzalo Cortizo para eldiario.es, Rajoy aproveitaba a súa intervención partidaria para lanzar unha advertencia ao soberanismo catalán en calidade de presidente do Goberno de España. "No suposto de que dende Bruxelas se elixise a alguén presidente, ese alguén ten que tomar posesión fisicamente. Se non o fai, o artigo 155 seguirá en vigor", dixo en referencia a Carles Puigdemont ante un auditorio no que tampouco estaba Xabier García Albiol.

Ante este cadro xeral, os outros dous principais dirixentes do PPdeG que este luns tiveron que responder preguntas da prensa, recuperaron tamén o guión de anos pasados ao seren cuestionados polo suposto interese en que Feijóo acabe en Madrid. O seu sitio "está en Galicia", afirmou o vicepresidente, Alfonso Rueda, quen interpreta os ruxerruxes como "alta consideración" ao bo traballo que "se está facendo en Galicia" e que "xa nos recoñeceron tres veces". Como Rueda, tamén Puy chama a relativizar os inquéritos, o suposto avance de Ciudadanos e a eventual marcha de Feijóo. El, afirma o voceiro parlamentario, non vai alimentar "comentarios da corte".

Pola banda da oposición galega este novo episodio de cábalas sobre o futuro estatal de Feijóo foi recibido a medio camiño entre a crítica e a retranca. "Xa me está tardando que o leven", ironizou o voceiro de En Marea, Luís Villares, a cuxo xuízo esa marcha "suporía unha grande mellora para o Goberno do noso país". Pola súa banda o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a Feijóo a que "deixe de mirar cara a Madrid" e "centre a súa axenda nos problemas e necesidades do país". 

Tras a súa ausencia deste luns, Feijóo si estará este martes en Madrid. Alí reunirase cos ministros de Facenda, Sanidade e Agricultura e participará nun foro sobre turismo.

Feijóo, no acto no que presentou a Santalices © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.