Adif fai oficial a súa renuncia a privatizar a seguridade do AVE Galicia-Madrid

Feijóo asina con Blanco o pacto sobre a chegada do AVE en 2015 o 21 de xullo en 2009 © Ministerio de Fomento

As instalacións de seguridade, telecomunicacións e control do tráfico do AVE Galicia-Madrid xa non correrán por conta dunha concesionaria durante 25 anos senón que serán asumidas pola propia Adif, a empresa pública dependente do Ministerio de Fomento. Así o vén de facer oficial Adif coa súa publicación este luns no BOE da súa renuncia, decidida hai tempo pero concretada aínda agora, a varios contratos lanzados en 2011 polo último goberno central do PSOE.

O anterior equipo da empresa pública xa prevía anular unha decisión do último goberno socialista pero desligábao do accidente de Angrois e atribuíao á falta de empresas interesadas

A crise e a redución dos orzamentos fixera que o equipo do daquela ministro socialista José Blanco optase pola colaboración público-privada para non demorar aínda máis varias actuacións do AVE galego como a instalación das vías, ou a electrificación e os sistemas de seguridade. Foi así como, co asentimento da Xunta no marco do Pacto do Obradoiro acordado entre Blanco e Feijóo, Adif deseñou varios contratos de construción e mantemento durante 25 anos de diversas instalacións que sumaban, incluídos os pagamentos futuros previstos, máis de 2.000 millóns de euros. Porén, Adif non atopou empresas interesadas ou que tivesen a capacidade de adiantar os cartos para a execución inicial desas instalacións técnicas. Ante esa situación, a empresa pública xa comezara mesmo a contratar varias desas actuacións con cargo aos seus propios orzamentos, pero é aínda agora cando publica no BOE a súa renuncia a aqueles contratos anteriores.

A intención de renunciar á colaboración público-privada para a xestión do AVE Galcia-Madrid xa fora avanzada hai máis de catro anos polo anterior equipo de Adif, xa co PP á súa fronte. Admitírao a finais de 2013, pouco despois do accidente de Angrois, pero asegurando que esa decisión non tiña que ver co sinistro, malia que no treito Ourense-Santiago no que se produciu xa se detectaran varias eivas de seguridade e ese ía ser un treito cuxo mantemento tamén ía estar incluído na colaboración público-privada. Unhas concesións que causaran malestar entre o persoal de Adif, que consideraba que supuña externalizar e perder parte do control e da supervisión sobre unhas funcións que sempre realizaran eles.

Renuncia de Adif no BOE á colaboración público-privada para a xestión do AVE Galicia-Madrid Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.