O PSdeG denuncia que o alcalde de Abadín leva 10 meses sen convocar plenos e o PP retruca que é moi votado

Antiga Casa do Concello de Abadín CC-BY-SA Agremon

O Concello de Abadín, na Terra Chá, ten algo menos de 2.500 habitantes. Nas últimas eleccións municipais o PP arrasou nas urnas con 1.029 votos, o 68,6% dos emitidos, que lle deron 8 dos 11 postos da corporación municipal que no mandato anterior dominaba aínda máis, con máis do 70% dos sufraxios e nove edís. Os tres restantes postos repártense entre o PSdeG (2) e o BNG (1). Dende ese novo triunfo esmagador o alcalde, José María López Rancaño, só convocou catro plenos. É a denuncia que veñen de formular os edís socialistas para evidenciar o que, ao seu xuízo, é un xeito "autoritario" de dirixir o municipio, acusación que foi retrucada dende o PP lembrando o enorme apoio electoral do partido no municipio.

O PSdeG local vén de optar por reclamar formalmente ante a Valedora do Pobo o que considera "unha constante e reiterada vulneración do dereito á participación política" estipulado na Constitución, pero tamén a eli de administración local de Galicia, "que obriga a celebrar plenos municipais como mínimo cada dous meses". A fórmula bimensual é, precisamente, a fixada no Concello abadinés, onde a regulamentación vixente fixa, lembra o PSdeG, que os plenos ordinarios se celebren "os últimos xoves de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro" ás catro da tarde. No entanto, resaltan, isto non sucede dende marzo de 2017.

O pleno de Abadín non é convocado dende marzo de 2017 malia a lei que obriga a reunilo como mínimo cada dous meses, resalta o PSdeG local

"Rancaño está malgobernando o Concello de xeito totalmente autoritario e impoñendo as súas decisións unilateralmente, deixando os grupos da oposición na indefensión" e impedindo que "tan sequera presentemos mocións ou propostas", resalta o voceiro socialista no Concello, Pablo Díaz, quen lamenta que, en última instancia, o rexedor estea a "desprezar" a "cando menos, o 30% dos veciños, que nos elixiron para representalos". Obvia ademais, resalta, que o propio Tribunal Supremo xa sentenciara nos anos 80 que "a denegación" de celebrar plenos "constitúe unha violación" dos dereitos fundamentais.

O seu grupo, resalta, "xa presentou numerosas reclamacións solicitando a convocatoria do pleno e pedindo explicacións a Rancaño sen obter resposta ningunha", polo que decidiron acudir á Valedora e, ao tempo, apelar publicamente á presidenta provincial do PP, Elena Candia, así como ao delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, e ao propio presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. "Algo terán que dicir", subliña.

Candia, líder do PP en Lugo: "O que temos en Abadín é un alcalde que bate récords históricos de apoio dos veciños, ese é o dato máis importante"

A primeira resposta dende as filas do PP chegou a través de Candia. A tamén alcaldesa de Mondoñedo amosouse convencida de que "os compañeiros de Abadín terán unha explicación" ao respecto, se ben a dirección do partido "non" llela vai pedir. Tal e como recolle Radio Lugo, Candia resolve que o Concello abadinés "ten uns servizos xurídicos" que "velan" polo seu "funcionamento" e, en calquera caso, "o que temos en Abadín é un alcalde que de maneira continuada bate récords en apoio dos veciños e veciñas". "Ese é o dato máis importante que temos que ter en conta; quen mellor avalía o facer e os feitos do alcalde de Abadín son os seus veciños, que comicio tras comicio o sitúan co récords históricos de apoio", resolve a líder popular.

O alcalde de Abadín, López Rancaño, nunha imaxe de arquivo © Concello de Abadín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.