0 Gardados para despois

O fracaso da negociación da Xunta co persoal da Xustiza abócao á folga indefinida

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Non hai acordo. O persoal da Administración da Xustiza en Galicia irá á folga indefinida, agás milagre, a partir do vindeiro 7 de febreiro. A reunión convocada para este mércores entre a Xunta e o comité de folga non arranxou o conflito que desde hai semanas impera nun sector que demanda melloras que compensen a discriminación que din sufrir tanto no aspecto salarial e nos seus dereitos laborais con respecto aos traballadores do resto do Estado ou que non dependen do Goberno galego.

O comité de folga acusa a Xunta de presentar unha proposta "empeorada" con respecto a última oferta ao non aplicar as subas salariais até 2019

Quince minutos abondaron para constatar o fracaso da xuntanza na que o comité de folga se reuniron co director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e mais co seu homólogo en Función Pública, José María Barreiro. Segundo os voceiros dos traballadores, a Administración presentoulles "unha proposta pechada" que aínda "empeoraba" as condicións propostas no último contacto, ao propoñerse as subas salariais para 2019 e non para este ano, como se fixera antes. Ante esta oferta, que consideran "impresentable" e un acto de "prepotencia" e "tomadura de pelo", os once representantes do persoal decidiron pecharse na sede da Dirección Xeral de Xustiza, pero foron desaloxados sen incidentes pola policía arredor das seis da tarde. 

Xa que logo, non houbo avance ningún, polo que os xulgados poderían paralizarse en Galicia desde a vindeira semana, un temor que a Xunta intentou minimizar coa orde interna pola prohibía os funcionarios coller días de asuntos propios e gozar de vacacións durante o mes de febreiro e que foi retirada da intranet tras a denuncia presentada polos traballadores. Con todo, como aclara Pablo Valeiras, voceiro da plataforma sindical que agrupa a SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, o veto "continúa de facto" xa que no sistema interno dos funcionarios xa non é posible solicitar xornadas libres. "Outro acto máis de prepotencia cos traballadores", insiste. Desde o Goberno aclárase que só era un documento informativo e que se analizaría cada caso. 

Os membros o comité de folga decidiron pecharse na sede da Dirección Xeral de Xustiza para pedir unha negociación con "mediación real" e foron desaloxados pola policía á tarde

Os traballadores insisten en que a cuestión económica, á que constantemente alude a Xunta, é só un dos cinco puntos que reclaman. Nese sentido, a oferta de incremento retributivo que formula a Xunta neste documento pechado que veñen de presentar é de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios. O mesmo que antes, segundo o comité de folga, pero "empeorado", xa que os seus efectos non sería aplicables ata a partir de xaneiro de 2019 e en tres anualidades. 

O Executivo autonómico defende que a suba de 270 euros ao mes que demandan "é absolutamente inasumible" e aseguran que o resto de de reivindicacións estarían resoltas, algo que negan rotundamente os traballadores. Si admiten achegamentos na consolidación de emprego ou no plan de amortización de 106 prazas que a Xunta aprobou en 2013 e que sería paralizado para recuperar esas prazas, agás algunha excepción, aínda que quedan por saber os tempos. 

"Non nos movemos. Esta actitude da Xunta é un paso máis cara a esa folga indefinida, pero agora con máis ganas"

Vistas as cousas, e arestora, a folga indefinida segue convocada e cada vez máis preto. "Non nos movemos. Esta actitude da Xunta é un paso máis cara a esa folga indefinida, pero agora con máis ganas despois das represalias e ameazas dun Goberno prepotente", remata Valeiras. 

En Marea, PSdeG e BNG apoian as reivindicacións e censuran a "nula capacidade de diálogo" da Xunta

Desde a Xunta, o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, asegura que a oferta da Administración sitúa as retribucións do persoal de Xustiza "por riba da media estatal", algo que negan os traballadores, que lembran que o seu colectivo foi "o único do Estado que sufriu recortes durante catro anos". Ademais, Luís Villares, voceiro de En Marea, instou a Feijóo e ao propio Rueda a "entrar en razón" e atener as súas demandas, mentres que o PSdeG tamén criticou a actitude do Executivo pola súa "nula capacidade de diálogo". O Bloque, pola súa banda, di "apoiar e animar" as reivindicacións e denuncia a "prepotencia" da Administración. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.