0 Gardados para despois

O conflito enquístase na Xustiza: o persoal recorre os servizos mínimos e opta por folga indefinida total

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O conflito entre o persoal da Administración de Xustiza e a Xunta enquístase. Abocado xa á folga indefinida a partir do vindeiro 7 de febreiro, o comité de folga vén de anunciar un recurso aos servizos mínimos que a Consellería de Presidencia comunicou este venres aos traballadores e insistiu nas duras críticas ao vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, ao que acusan de "mentir", "provocar" e "causar un dano moi grande" á cidadanía e aos funcionarios "pola súa irresponsabilidade". 

O comité de folga denuncia ante o TSXG os servizos mínimos e pide que se suspenda a orde ata que haxa resolución xudicial

É un conflito que se mantén desde hai semanas nun sector que demanda melloras que compensen a discriminación que din sufrir, tanto no aspecto salarial e nos seus dereitos laborais, con respecto aos traballadores do resto do Estado ou que non dependen do Goberno galego. E segue coa mesma unidade que ao principio, con todos os sindicatos (SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO) reivindicando e cun apoio moi maioritario a unha folga indefinida total desde o vindeiro mércores. 

Así, os traballadores dos órganos xudiciais galegos -á espera dos resultados definitivos- votaron case por unanimidade levar a cabo unha folga durante toda a xornada desde o día 7 e non por horas (de 9 a 14 horas), tal e como ofrecía a outra opción. Cunha altísima participación, a maioría dos arredor de 2.600 empregados (sobre o 90%) optaron pola medida máis drástica e que, como xa advertiron, creará un grave prexuízo tanto para o persoal como para a cidadanía. 

Unha esmagadora maioría dos funcionarios votou por unha folga indefinida e total, durante toda a xornada, a partir do mércores

Na xornada deste venres, a Xunta informou ao comité de folga duns servizos mínimos que considera como esenciais, e xa que logo ineludibles: actuacións urxentes do Rexistro civil, rexistro de asuntos urxentes, actuacións con prazo, xulgado de garda, xuízos orais de causas con preso e actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller. 

O comité de folga rexeita estes servizos mínimos e xa anunciou que denuncia a orde que os establece ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e pedirá a "suspensión provisional" deles ata que exista resolución xudicial definitiva. Segundo os traballadores, estes servizos mínimos "vulneran a xurisprudencia establecida polo Constitucional". Ademais, consideran “curioso” que no decreto presentado este venres se "manteñan como servizos mínimos esenciais os mesmos que para as tres xornadas de folga precedentes" e que, "no entanto, os servizos mínimos alcancen nalgúns xulgados máis persoal do que realmente existe". 

O persoal de Xustiza denuncia que a Xunta establece servizos mínimos con máis persoal do que hai traballando nalgúns xulgados

Segundo denuncian, "nalgún xulgado onde o cadro de persoal é de catro traballadores, Xunta propón oito persoas de servizos mínimos", e, no caso de Ferrol, na oficina de Rexistro e Reparto “obriga a ir a un auxilio xudicial que nin sequera existe". "No resto dos xulgados auméntanse ata o 100%", denuncian. 

Nun comunicado, o comité de folga denuncia a "actitude prepotente" de Alfonso Rueda, unha acusación que reiteraron os traballadores tras as xuntazas que mantiveron cos grupos da oposición no Parlamento de Galicia. Manuel Díaz, un dos portavoces da plataforma sindical unitaria, cualificou de "impresentables" e "mentira total" as declaracións do vicepresidente na Xunta na que cualificaba a oferta de suba salarial rexeitada polos funcionarios entre 600 e 900 euros anuais. "O que se nos ofrecen son 15 mes mensuais máis a cada funcionario, entre 200 e 300 euros ao ano", aclarou, asegurando que o Goberno cuantifica os incrementos en tres anos sen detallalo. 

Ademais, acusaron a Rueda de terxiversar outros datos e mesmo de incluír Ceuta e Melilla entre o ránking das comunidades autónomas "para que lles saían as contas". "É unha trapallada máis propia dun rapaz que dun conselleiro, que demostra unha irresponsabilidade total e absoluta e que está provocando, con declaracións mentireiras e buscando falar só de cartos cando aquí hai moitos outros puntos nos que estamos discriminados", insisten. 

Os representantes sindicais critican a "actitude prepotente" de Alfonso Rueda e acúsano de terxiversar datos

Desde a oposición, o BNG, a través do seu deputado Luís Bará, trasladou o “total apoio” ás reivindicacións e loita contra o “deterioro, desmantelamento e recortes salariais”, dos últimos anos na Administración de xustiza e criticou a Rueda por "entorpecer" a saída ao conflito. O portavoz de En Marea, Luís Villares, trasladou tamén o "apoio" ás reivindicacións dos traballadores, do mesmo xeito que fixo o PSdeG. O PPdeG, mentres, criticou que os representantes dos funcionarios non convidasen a súa formación ás reunións na Cámara. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.