0 Gardados para despois

Feijóo culpa á oposición de "deteriorar" e "incendiar" a sanidade e a xustiza

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Vostede que presume de galega, de que presume? Está constantemente deteriorando os servizos públicos de Galicia”. “Que quere? Solucionar o problema da Xustiza ou incendiar o problema da Xustiza?”. Con esas frases se dirixiu este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aos portavoces de BNG, Ana Pontón, e En Marea, Luíz Villares, nunha sesión de control ao goberno no Parlamento de Galicia convertida novamente nunha “sesión de control á oposición”, en verbas do portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.

En Marea, PSdeG e BNG acusan ao presidente de estar mais preocupado polas súas aspiracións en Madrid que por Galicia

No día en que comezou a folga do persoal da Xustiza e tres días despois da manifestación en defensa da sanidade pública, eses dous temas foron os elixidos por Villares e Pontón para centrar as súas preguntas a Feijóo na Cámara galega, mentres que Leiceaga puxo o foco na lentitude coa que se está a recuperar o emprego en Galicia. No que coincidiron os tres foi en atribuír a Feijóo un maior interese polas súas aspiracións políticas en Madrid que pola mellora das condicións de vida en Galicia. "Cantos sacrificios máis temos que facer as galegas e galegos para pagarlle a vostede a carreira en Madrid?", díxolle Villares, mentres que Leiceaga asegurou que se os galegos "teñen que escoller entre facer as maletas eles ou que as faga vostede, a sociedade terá clara a súa elección".

En todas as cuestións que se lle puxeron sobre a mesa, Feijóo enumerou unha sucesión de datos favorables á súa tese de que Galicia está mellor con el á fronte da Xunta que con calquera outro, eludindo outras cifras que pola contra empeoraron nos seus anos de goberno e sendo moi concreto á hora de establecer conceptos e prazos temporais: “Hoxe a sanidade pública é mellor que nos últimos anos, hoxe a educación pública en Galicia é mellor que en calquera outro ano, os servizos sociais son mellores que en calquera momento da historia da autonomía e a xustiza ten mellores infraestruturas que en ningún momento”, enumerou Feijóo, nunha sucesión de afirmacións coa que evitou referirse á situación do persoal da xustiza, ao lento incremento de prestacións sociais obrigado pola lei de dependencia ou aos recortes sufridos pola sanidade durante a crise.

A resposta do presidente tanto a Leiceaga como a Villares ou Pontón foi que Galicia vai mellor con el que co goberno bipartito de PSdeG e BNG que deixou a Xunta hai case nove anos

Similar estratexia empregou o presidente cando se lle preguntou polo emprego e optou por salientar cifras de crecemento económico e produción empresarial pero minimizar a principal acusación que lle lanzou Leiceaga, que en todo 2017 só se crearon 6.200 empregos netos, un ritmo ao que a recuperación do emprego tardaría “23 anos máis”. Foi nese punto cando o socialista citou o ex-presidente conservador dos Estados Unidos Ronald Reagan, quen dixo que a recuperación no seu país non chegaría ata que o seu antecesor no cargo perdese o seu emprego, como dixo que pasará co propio Feijóo.

A resposta do presidente tanto a Leiceaga como a Villares ou Pontón foi que Galicia vai mellor con el que co goberno bipartito de PSdeG e BNG que deixou a Xunta hai case nove anos ou que os concellos ou as comunidades autónomas que gobernan socialistas e novas forzas de esquerda. E fronte as acusacións da oposición de estar máis interesado no seu futuro político en Madrid que na xestión de Galicia, Feijóo volveu repetir o que vén dicindo nos últimos anos: “A miña decisión é quedar”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.