"A prisión permanente é unha medida propagandística que non afecta á redución de delitos graves"

Cárcere de Teixeiro © Parroquia de Teixeiro

O Goberno de España lanzou este venres dende a mesa do Consello de Ministros unha proposta para aumentar o catálogo de delitos que poden ser castigados coa chamada prisión permanente revisable, a versión española da cadea perpetua aprobada polo gabinete de Mariano Rajoy en 2015, cando contaba con maioría absoluta no Congreso. A iniciativa é a culminación dunha campaña política lanzada polos populares dende comezos de ano, tras a detención do asasino confeso de Diana Quer e o achado do cadáver da moza madrileña secuestrada na Pobra do Caramiñal en 2016, e que esta mesma semana o PPdeG fixo desembarcar no Parlamento galego, onde acabou situando a toda a oposición na banda de quen apoia a asasinos e terroristas.

O endurecemento e a propia existencia deste tipo de condena é visto como un exercicio de "populismo punitivo e penal" por todas as forzas con representación parlamentaria en Galicia agás o propio PP, pero tamén é observada con gran receo dende amplos sectores no ámbito das leis e a xudicatura. É o caso de Xuízas e Xuíces para a Democracia, cuxo voceiro en Galicia, Xermán Varela, observa na medida "un carácter moi propagandístico" dende a súa aprobación inicial en 2015, pero que agora "resulta aínda máis evidente".

Xermán Varela, voceiro de Xuízas e Xuíces para a Democracia: "Responde á intención de aparentar que se fai algo, de que así se poden reducir os delitos tan graves e a dor que producen, pero é falso" 

A implantación da prisión permanente revisable, lembra Varela en conversa con Praza.gal, chegou apenas unha década despois de que no 2003 "se fixese unha reforma na que se aumentaron os períodos de cumprimento efectivo de penas ata o 40 anos, o cal na maioría dos casos xa é, de facto, unha cadea perpetua". O período de tempo transcorrido entre ambas mudanzas é tan curto que "non deu tempo a verificar a eficacia criminolóxica da medida de 2003", a comprobar se o endurecemento das condenas "provoca algún tipo de efecto na redución de feitos tan terribles". Cabe preguntarse, resalta, se "o PP semella recoñecer que non sabe facer as leis, porque as ten que reformar en períodos moi curtos sen ningún mínimo estudo" sobre as súas consecuencias.

"Responde á intención de dar apariencia de que se está a facer algo cando non se está a facer nada" mediante a difusión da "mensaxe de que o problema de que se cometan delitos tan graves é da lei e que cambiando a lei podemos reducilos e minguar a dor que producen, cando é manifestamente falso", sinala o xuíz. "O exemplo máis evidente son os Estados Unidos, con penas moi duras e taxas de delincuencia moi altas e en aumento". Esta, sinala, é unha boa mostra de que "non hai relación directa entre penas e os delitos máis graves", algo que si sucede "en delitos patrimoniais, menos graves".

"A outra cara da pena de morte"

"É a mesma filosofía que a da pena de morte: eliminar unha persoa da vida social de forma completa e para sempre; cando iso se acepta, ábrese a porta ao seguinte paso"

Alén da controversia política máis inmediata, Varela coida que cómpre deterse no "importante salto cualitativo" que supón a implantación e ampliación da prisión permanente. Resulta adecuada, cita, a definición dos autores que se referiron á "cadea perpetua como a outra cara da pena de morte, porque a súa filosofía é a mesma: considerar unha determinada persoa como un alleo á sociedade" á que hai que "eliminar da vida social de forma completa e para sempre". "Dende o momento en que iso se acepta ábrese a porta ao seguinte paso, que é matalo; e iso é terrible" polo cambio que implica "na relación entre o Estado co cidadán que comete un delito repugnante" e porque, dende a introdución da figura, "séguese estendendo a outros delitos". Así, resalta, "na proposta de reforma xa non falamos só de asasinatos", senón tamén, por exemplo, de determinados tipos de incendio aínda que "non haxa ningún criterio criminolóxico que vincule uns feitos con outros". "Semella que o criterio -lamenta- son os feitos que apareceron nos titulares da prensa durante os últimos meses.

"O modelo implantado polo PP non é o europeo; os nulos investimentos en rehabilitación converten os cárceres en almacéns"

Tamén resulta "falsa e falaz", a xuízo do voceiro en Galicia de Xuízas e Xuíces para a Democracia, a defensa da prisión permanente mediante a invocación do exemplo doutros países europeos, tal e como vén defendendo o PP e na liña do argumentado polos conservadores no propio debate do Parlamento galego. "É falso -explica- porque nalgúns países de Europa existe cadea perpetua, pero o resto de penas son moi inferiores á media española" e ademais, "mesmo cando se fala de cadea perpetua, prevese que será revisada aos 10 ou 15 anos", isto é, "moito antes" dos períodos de revisión que se prevé na prisión permanente española -actualmente, entre 25 e 35 anos-. Por este motivo, "o que nominalmente se chama cadea perpetua" noutros Estados "ten un horizonte de liberdade moito antes" e en calquera caso, agrega, "é falaz" porque "non se ten que facer algo porque se faga noutros países europeos", que "tamén fan cousas mal".

Contorna do cárcere de Teixeiro / IES Teixeiro

Así e todo, advirte Varela, "o modelo implantado polo PP non é o europeo", porque non comeza por solucionar un dos principais "problemas" do sistema penal español, "os nulos investimentos en prisións, que son consideradas como almacéns" sen apenas medios para unha "rehabilitación" das persoas condenadas, que adoita tornar en "ilusoria". "Mellor farían en investir" nos equipos de educación nas prisións, así como "nas unidades policiais de investigación criminal e, se cadra menos en antidisturbios", e tamén nos "programas de saúde mental" nos casos en que a comisión de delitos está ligada a estas doenzas.

Unha condena apenas aplicada

"Exacérbase a sensación de falta de seguridade para xustificar a represión, pero ningunha destas medidas vai evitar que se produzan casos concretos de delitos terribles"

O rexurdimento do debate político da prisión permanente e o seu alargamento chega despois de tres anos nos que as escasas ocasións en que foi imposta en sentenzas xudiciais é para Xermán Varela unha proba máis de que "non é necesaria, en absoluto". Isto sucede porque "as taxas de delincuencia no Estado Español son moi baixas, tanto en delincuencia común como na máis grave", e así o demostra calquera "comparación" coa contorna no que atinxe a, por exemplos, "taxas de asasinatos".

"Pero existe unha manipulación informativa, e non só dos medios de comunicación, que xera a sensación de que este é un problema estendido, repetitivo e perigoso" que cómpre atallar con condenas máis contundentes. "Pero é falso". "Cando o Estado non pode cumprir funcións do Estado de Benestar, ten que exacerbar a sensación de falta de seguridade para xustificar a represión" e "por desgraza, ningunha" destas medidas "vai poder evitar que se produzan algúns casos concretos" de delitos "repugnantes, condenables e terribles".

Xermán Varela, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.