O PP acusa a oposición galega de querer "beneficiar" asasinos e terroristas coa derrogación da prisión permanente

Paula Prado (PP), durante a defensa da iniciativa sobre a prisión permanente CC-BY-SA PPdeG

Nos primeiros días de xaneiro, apenas unha semana despois do prendemento do asasino confeso de Diana Quer e do achado do cadáver da moza madrileña que desaparecera na Pobra do Caramiñal en 2016, o PP anunciou unha ofensiva política a prol da prisión permanente revisable en todos os ámbitos nos que ten representación, dos concellos aos parlamentos. Tres meses despois de que, no Congreso, a votación dunha iniciativa do PNV constatase a existencia dunha maioría política contraria a esta figura punitiva, aprobada durante a maioría absoluta dos conservadores, os de Rajoy apoiáronse na conmoción social causada por este crime para facer bandeira partidaria dela. A estratexia desembarcou este mércores no Parlamento galego cun duro debate no que o PPdeG deu en acusar o conxunto da oposición de pretenderen "beneficiar" a asasinos e terroristas mediante esta derrogación.

Prado (PP) defende que a prisión permanente "non é cadea nin é perpetua" e di querer "supoñer" que a esquerda ten "a mesma sensibilidade" que o PP coas vítimas

A encargada de defender a iniciativa -dirixida en última instancia a pedir aos grupos do Congreso que "reconsideren" a súa postura, unha figura practicamente inédita na Cámara galega- foi a deputada Paula Prado, quen asegurou non estar a "utilizar a dor das familias", se ben antes citara con nomes e apelidos a quen "sofren a condena permanente" da "dor da ausencia" das persoas asasinadas en "crimes atroces". A súa proposta, mantén, "non xurdiu á calor dos crimes recentes", aínda que insta os grupos da esquerda, "á vista dos últimos acontecementos", a pensar se "os veciños do violador do estilete se atopaban máis seguros cando este señor saíu" do cárcere.

A prisión permanente revisable, proclama Prado, "nin é cadea nin é perpetua" e o PP axítaa pola "seguridade das nosas fillas, das nosas nais, de nenos e nenas vulnerables ante depredadores sexuais". Ela, di, quere "supoñer" que En Marea, PSdeG e BNG "teñen a mesma sensibilidade" cara ao "clamor das familias" que, queren "ver un pouco aliviada a súa dor vendo dentro da prisión a quen lles quitaron aos seus seren máis queridos". "Esa é a xente á que teñen que escoitar" e non á que "sae os domingos coas pancartas", en referencia á recente manifestación a prol da sanidade pública.

Villares: "Usan o máis burdo populismo punitivo e xogan coa dor das vítimas, é ruín e execrable"

O rexeitamento na bancada esquerda foi unánime. A formulación do PP non só "supón ignorar dende o punto de vista científico e democrático cal é a finalidade das penas de prisión", defendeu Luís Villares no nome de En Marea, senón que ten como "única intención" procurar un "enfrontamento partidario a costa da dor das vítimas". A actitude do PP é "ruín e execrable e queremos condenala", sinalou Villares, quen censura que os conservadores empreguen o "máis burdo populismo punitivo" e "xoguen coa dor das vítimas en beneficio propio para que Ciudadanos non lles coma espazo" electoral.

Luís Villares (En Marea), Patricia Vilán (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG)

Vilán: "A nosa repulsa absoluta a quen sen ningún pudor converte o sufrimento en arma política"

O perfil populista da proposta tamén o observan os outros dous grupos da oposición. Prado, reprochou a socialista Patricia Vilán, puxo en escena unha "maneira ruín" e "mesquiña" de "facer política", unha "indecencia" que ademais é "un despropósito" dende o punto de vista técnico. "O noso máis absoluto respecto ás vítimas e ás súas familias, pero tamén a nosa repulsa máis absoluta a quen sen ningún pudor pretende converter o sufrimento en arma política", sinalou a parlamentaria do PSdeG, quen insta o PP o lembrar os incrementos das condenas incluídas no Código Penal nos últimos anos antes de lanzárense a defender esta "cadea perpetua encuberta".

Rodil: "Usan o Código Penal como arma electoral, son exemplo de populismo punitivo e penal"

Tamén a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, salientou o feito de que os conservadores obvien na súa formulación que o Estado español é "un dos territorios máis seguros do mundo, cunha taxa de criminalidade substancialmente inferior á media europea" pero cun maior volume de "poboación reclusa". "Preocúpanos moito que usen o Código Penal como arma electoral, aproveitando un estado de opinión enormemente sensibilizado por crimes concretos e moi mediatizados". "É lexítimo e comprensible que as familias das vítimas de crimes atroces esixan dureza, pero ao poder político requíresenos máis razón que emoción" e por iso, comparte co resto da oposición, o Bloque tampouco apoia o "populismo punitivo e penal" do PP.

Prado acusou a oposición de "poñerse do lado dos verdugos e non das vítimas"; o presidente do Parlamento retirou as súas palabras e apercibiuna

As consideracións de Villares, Vilán e Rodil derivaron nunha maior dureza de Prado para concluír o debate. "Dicir que estamos utilizando ás familias si é oportunismo", acusou antes de instar a En Marea, PSdeG e BNG a "dicir a quen queren beneficiar" coa derrogación da prisión permanente: "a David Oubel -encarcerado baixo esta figura tras asasinar as súas dúas fillas en Moraña- ou aos terroristas cos que sacan as fotos?". "Vostedes, os da marea de Podemos, a señora [Noa] Presas -deputada do BNG- é a quen estan defendendo coa súa derrogación da prisión permanente revisable".

"A nós -concluíu Prado entre o balbordo xeral- non nos sorprende a postura da marca branca da UPG e das mareas de Podemos, que se poñen ao lado dos verdugos e non das vítimas". Esta última afirmación derivou en protestas unánimes da esquerda e mesmo na intervención do presidente da Cámara, o tamén popular Miguel Santalices, ante quen Prado xustificou a acusación indicando que se refería a "fotografías" e presenza de membros de En Marea e BNG en "manifestacións" nas que tamén participou o líder abertzale Arnaldo Otegi. Ante a ausencia de rectificación Santalices retirou as verbas de Prado, apercibiuna formalmente e advertiu: "aquí ninguén está cos verdugos, quero deixalo claro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.