Un manifesto demanda da Xunta "actuacións concretas ante o Goberno Arxentino" para salvar o Centro Gallego

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires © Google

Hai uns días púxose en marcha un manifesto que demanda da Xunta e do Goberno Español "actuacións concretas diante do Goberno Arxentino" para salvar o Centro Gallego de Bos Aires. O texto, impulsado en Rianxo o pasado 29 de xaneiro (no 132 aniversario do nacemento de Castelao), está asinado polos reitores das tres universidades galegas (Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde), polos presidentes da Real Academia Galega (Víctor Freixanes), do Consello da Cultura Galega (Ramón Villares), do Padroado do Museo do Pobo (Justo Beramendi) ou polo director da Fundación Penzol (Francisco Domínguez Martínez). 

O texto solicita "esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Buenos Aires"

A estes apoios súmanse os de destacados representantes da colectividade galega en Arxentina, como José María Vila Alén (presidente do Centro Galicia de Bos Aires), Diego A. Martínez Duro (presidente da Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina), Lorena Lores Doural (secretaria xeral da Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina), Carlos X. Rodríguez Brandeiro (director do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires), ou Beatriz Lagoa (presidenta do Centro de Betanzos de Bos Aires). Ademais, asinan o manifesto os ex presidentes da RAG Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Méndez Ferrín; ou Manuel Rivas, Luís González Tosar, Suso de Toro, María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Teresa Táboas e Antonio Dieter Moure, ex presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, entre moitos outros e outras.

O texto reclama dos gobernos galego, español e arxentino "vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial..." e solicita "esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Buenos Aires".

Subliña "a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acesa a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai"

O texto salienta "a transcendental importancia que supón o feito de conservar unido todo o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires" e subliña "a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acesa a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai". "A simboloxía do edificio e a función sanitaria, social e cultural do actual Centro Galego ofrece moitas e moi variadas posibilidades para que a Galicia do século XXI siga sendo unha das identidades que conforman a capital porteña", conclúe.

 

Interior do Centro Gallego © CGBA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.