De Mesa gaña 156.000 euros no seu primeiro ano en Red Eléctrica, un 30% máis que na Garda Civil

Fernández de Mesa, presidindo un desfile da Garda Civil na súa etapa como director xeral © Guardia Civil

Arsenio Fernández de Mesa y Díaz del Río acumulou postos ligados ao PP durante máis de tres décadas. É xardineiro do Porto de Ferrol en excedencia dende os anos 80 do século pasado e traballou para unha empresa de pinturas para barcos pero foi, sobre todo, cargo político dos populares. Cunha biografía na que os seus detractores sinalan unha mocidade ligada á ultradereita ferrolá, saltou do escano de concelleiro de Alianza Popular na cidade departamental ao de deputado no Congreso, onde pasou toda a década dos 90 ata que no ano 2000 foi nomeado delegado do Goberno de Aznar en Galicia, cadeira dende a que protagonizou algunhas das intervencións máis lembradas sobre o naufraxio do Prestige.

Tras a derrota electoral de Mariano Rajoy en 2004 De Mesa permaneceu no círculo máis próximo ao líder, con quen mantén unha estreita confianza. O seu rostro era habitual na madrileña rúa de Génova e nos sucesivos actos electorais de Rajoy ata a vitoria electoral de 2011, cando De Mesa foi enviado á dirección xeral da Garda Civil malia non ter formación policial nin militar e entre non poucas críticas de sectores do propio Instituto Armado. Alí permaneceu ata a remuda de Jorge Fernández Díaz como ministo do interior, a finais de 2016, pero en apenas dous meses foi recolocado en Red Eléctrica de España, a empresa semipública -o Estado controla un 20% das accións- na que vén de chegar ao seu primeiro ano, no que percibiu unha remuneración de 156.000 euros.

A remuneración de Fernández de Mesa no consello da eléctrica, ao que chegou dous meses despois de ser remudado como director da Garda Civil, practicamente duplica os soldos de Rajoy ou Feijóo

Red Eléctrica vén de achegar á Comisión Nacional do Mercado de Valores a documentación previa á celebración, o vindeiro marzo, da súa xunta xeral de accionistas, nas que a dirección da compañía exporá uns beneficios de 627,3 millóns de euros. Entre eses documentos figura o informe anual de remuneracións dos membros do seu consello de administración, nos que destacan os 903.000 euros do seu conselleiro delegado, Juan Lasala -un 20% máis que no ano previo-. O informe tamén debulla a remuneración de Fernández de Mesa: 121.000 euros como remuneración fixa aos que se engadiron 16.000 en concepto de dietas e outros 19.000 por pertencer á comisión de auditoría do propio consello.

Este total de 156.000 euros nun ano supón un 30% máis do que ingresou no seu derradeiro exercicio como director xeral da Garda Civil, cando gañou algo menos de 120.000 euros. Os ingresos obtidos por De Mesa nesta compañía eléctrica supoñen, por exemplo, practicamente duplicar o que gañan o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, ou o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que no último ano non chegaron aos 80.000 euros. 

O que fora delegado do Goberno central en Galicia durante a crise do Prestige carecía de experiencia no sector eléctrico, pero a compañía da que é accionista o Estado fichouno polos seus coñecementos de "seguridade integral"

Fernández de Mesa chegou a Red Eléctrica tras decidir posar para a historia da Garda Civil como un xeneral do século XIX -o cadro, aclarara o Ministerio do Interior, non fora sufragado con fondos públicos- e, malia carecer de experienica no sector eléctrico, a compañía semipública non aforrara eloxios cara á súa figura. Resultaba "idóneo" para o posto porque acumula un gran "coñecemento" e "experiencia" en materia de "seguridade integral", factores que a empresa valora como "fundamentais". Segundo Red Eléctrica, esas mesmas cualidades tíñaas tamén o antecesor de Fernández de Mesa no consello, Agustín Conde, ex-deputado do PP que deixou a empresa para ser secretario de Estado de Defensa tras o nomeamento como ministra de María Dolores de Cospedal, dirixente á que é moi próximo.

Poucos meses despois da súa chegada á compañía eléctrica o Goberno de España deu luz verde á incorporación de Fernández de Mesa a outra empresa, neste caso do sector do armamento. Así e todo, o antigo delegado do Goberno en Galicia e ex-máximo responsable da Garda Civil asegurara que pedira permiso da Oficina de Conflito de Intereses porque "tiña unha oferta de traballo" desta armamentística, se ben non chegara a incorporarse a ela. Esta, explicara, fora unha das "moitas ofertas" do sector privado que recibira tras a súa saída do Instituto Armado.

Fernández de Mesa, con Rajoy nun acto do Instituto Armado © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.