Bea Gondar, o alcalde condenado por branqueo que logrou secuestrar 'Fariña'

Alfredo Bea Gondar, destacado en vermello, nunha imaxe de arquivo © Muñiz

"Nos oitenta e nos noventa, os contrabandistas das Rías Baixas mesturábanse co partido, ti non viviches aqueles tempos". Tremendo arranque de sinceridade hai que agradecerllo a un alto cargo do Partido Popular que explicaba así, en privado, os anos de amizade de Alberto Núñez Feijóo co capo dei capi do tabaco naquela época, Marcial Dorado, que aínda hoxe cumpre condena por narcotráfico.

Só vivindo aqueles anos trepidantes, nos que presidentes da Xunta e xerifaltes de Alianza Popular e do PP alternaban cos patriarcas do Winston de batea, pode explicarse a figura de José Alfredo Bea Gondar, o alcalde do Grove, condenado por branqueo que logrou unha orde xudicial para sucuestrar Fariña, o libro de Nacho Carretero que debulla as conexións dos clans da droga en Galicia. O tratado vendeu desde hai tres anos 30.000 exemplares, vai pola décima edición e inspira unha serie de Antena 3 que empezará a emitirse nuns meses. Polo momento, Fariña segue nas librarías e este martes situouse no  primeiro posto no ránking de vendas de Amazon, á espera de que o ex-rexedor deposite os 10.000 euros de fianza que impuxo un xuíz de Collado Villalba (Madrid) antes de incautar todos os exemplares.

Fariña segue nas librarías e este martes situouse no  primeiro posto no ránking de vendas de Amazon

O fondo do asunto é unha demanda civil por intromisión no honor -aínda por resolver- que Bea Gondar presentou en decembro de 2016 contra Carretero e a editorial Libros del K.O., aos que pide medio millón de euros de indemnización, por dúas alusións que o xornalista galego fai no libro. A primeira cita o procesamiento do alcalde nun sumario por narcotráfico -no que foi condenado primeiro na Audiencia Nacional e absolto finalmente no Supremo-. A segunda relata moi de pasada a súa mediación nun negocio co cártel de Cali.

Un dos parágrafos que cita a demanda é un pé de páxina de tres liñas que axuda a explicar un alixo de dúas toneladas de cocaína que naufragou en maio de 1991 na costa coruñesa de Cedeira e do que se salvaron 300 quilos. Segundo narrou o narco Manuel Vázquez Vázquez, alias O Piturro, el entregou a carga "a tres fulanos que non eran galegos" e que liscaron nun coche. Na nota ao pé, Carretero explica: "O coche, tal e como descubriría a investigación anos despois, estaba a nome de Alfredo Bea Gondar: alcalde do Grove, afiliado ao PP (outro máis) e procesado en 2001 por un alixo de dúas toneladas de cocaína". Unha vez recibida a demanda, as novas edicións de Fariña cuxo secuestro ordena agora o xuíz incluíron a seguinte frase: "Gondar sería absolto anos máis tarde polo Tribunal Supremo".

A denuncia baséase en dous parágrafos nos que se cita o procesamento do alcalde nun sumario por narcotráfico e a súa mediación nun negocio do cártel de Cali

O segundo parágrafo que motiva a denuncia é este: "Aquel xuño de 1991 Orbaiz Picos ofreceuse ao cártel de Cali para traer 2.000 quilos de cocaína. Fíxoo a través de Alfredo Bea Gondar, alcalde do Grove, por AP en 1983 e 1991 (este último ano gañou con maioría absoluta despois de ser acusado de narcotráfico, aínda que durou dous días no cargo), quen aceptou a proposta e púxose en contacto con Manuel González Crujeiras, O Carallán, ao que xa coñecemos da súa época como colaborador de Sito Miñanco. Dez anos máis tarde, en 2001, foron todos procesados".

A demanda de Bea Gondar reclamaba tamén que se indagase no guión da serie Fariña, que o produtora Bambú estreará en Antena3 durante os próximos meses, para ver se contén alusións ao ex-alcalde do Grove e, de ser así, que se prohibise a rodaxe. Esta petición foi desestimada. 

En Fariña, o libro, Bea Gondar é pouco máis que un secundario entre os clans das Rías Baixas -ocupa dous parágrafos dun total de 365 páxinas- pero en Galicia escribiu durante décadas páxinas e máis páxinas de xornais primeiro na crónica política e despois da de tribunais. Fixo o tránsito de alcalde desde o franquismo, á UCD e despois a Alianza Popular, onde recalou xunto a todos os seus concelleiros unha vez que gañou as eleccións desde unha formación independente.

Resistiu dous anos atrincheirado na casa consistorial sen convocar o pleno para a moción de censura que reclamaba a oposición. Tiveron que sacalo do Concello as forzas especiais e unha resolución do Goberno central

Resistiu durante dous anos atrincheirado na casa consistorial sen convocar o pleno para a moción de censura que lle reclamaba a oposición. Tiveron que sacalo do concello as forzas especiais e unha resolución do Goberno central.

Un venres de xuño de 1991 foi detido na operación contra o narcotráfico relacionada co alixo do naufraxio de Cedeira e iso non lle impediu revalidar o poder o luns seguinte -a pesar de estar xa en prisión provisional- nun tenso pleno no que non lle votou ningún concelleiro. Ao ser o candidato da lista máis votada, foi investido alcalde. A noticia recibiuna no cárcere, así que non chegou a tomar posesión. A corporación esperou as 48 horas de rigor e destituíuno despois alegando ausencia inxustificada (a causa obvia era que o home chamado a xestionar este municipio turístico das Rías Baixas seguía entre reixas).

"Bea Gondar era un populista e non se pode dicir que nada do sucedido aqueles días estrañase demasiado"

Un xornalista que cubriu aquelas sesións defíneas hoxe como "episodios bochornosos da historia negra de Galicia". "Bea Gondar era un populista e non se pode dicir que nada do sucedido aqueles días estrañase demasiado, pero a verdade é que había xente na vila que o seguiu apoiando sempre", asegura este redactor por teléfono a eldiario.es coa condición de preservar a súa identidade.

A Audiencia Nacional condenou a catro anos de cárcere e a unha multa de 600.000 euros a Bea Gondar, pero o Tribunal Supremo anulou anos despois o sumario instruído polo xuíz Baltasar Garzón. Polo medio, un arrepentido deu marcha atrás á declaración na que implicara a Bea Gondar.

A sentenza da AN considerou probado que Bea Gondar participou na operación dunha rede colombiana para "sacar importantes cantidades de diñeiro de España"

Dos cargos de branqueo, con todo, nunca se librou o ex-rexedor do Grove. Foi condenado primeiro a tres anos na Audiencia Nacional que o Supremo ampliou a catro anos e sete meses. Xa pagou a súa pena. A sentenza considerou probado que Bea Gondar participou na operación dunha rede colombiana liderada por David Tuaty para "sacar importantes cantidades de diñeiro de España" en conivencia co director dunha sucursal en Burgos do Banco Espírito Santo portugués.

Naqueles anos de realismo máxico en Galicia podía pasar que un recibise medallas de institucións públicas a pesar de estar condenado por tráfico de drogas. Iso sucedeu nos salóns nobres dun hotel na Illa da Toxa en decembro de 2004. O Concello do Grove, daquela gobernado polo alcalde Miguel Ángel Pérez, do PP, celebraba a "festa da democracia", un recoñecemento a todos os homes e mulleres que pasaran pola corporación. Na repartición de insignias de ouro e prata xunto ao resto de edís alí estaba na fila Bea Gondar, para escarnio das nais antidroga.

Bea Gondar foi condecorado olo Concello do Grove en 2004 malia as súas condenas relacionadas co narcotráfico

Hoxe o ex-alcalde tenta pasar por un venerable xubilado que trasladou a súa residencia a Collado Villalba (no noroeste de Madrid) e que vive cunha pensión de 600 euros ao mes. O seu avogado asegurou este martes a eldiario.es que valora pedir unha rebaixa da fianza de 10.000 euros para facela máis acorde aos ingresos do exregidor, pero que en todo caso tentará reunir o diñeiro.

El mesmo compareceu a tarde do luns desde a súa residencia madrileña no programa Más Vale Tarde que dirixe Mamen Mendízabal. A conexión en directo deixou unha sentenza súa memorable. Bea Gondar, o político ao que o Tribunal Supremo condenou por axudar a branquear diñeiro ás bandas colombianas, advertiu que non lle parece "ético dicir mentiras para gañar diñeiro". Recoñeceu non ler o libro de Carretero e tras asumir que fora condenado por branquear diñeiro negou que este procedese da droga. De paso, comprometeuse a depositar os 10.000 euros que esixe o auto xudicial para secuestrar o libro.

O ex-alcalde recoñece que non leu 'Fariña' e asegura que non lle parece "ético dicir mentiras para gañar diñeiro"

As medidas cautelares poñe en risco a mesma supervivencia dos editorial Libros do K.O., que imprimira xa 10.000 exemplares na décima edición de Fariña para aproveitar o tirón de cando se emita a serie. Tanto a editorial como o autor aseguran que respectan as decisións xudiciais pero confésanse sorprendidos e preocupados. O xuízo sobre a demanda de protección do honor interposta polo ex-alcalde do Grove celebrarase nos próximos meses. Bea Gondar reclama por eses dous parágrafos medio millón de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.