A Xunta "non cre" que as televisións autonómicas privadas "incumpran" a licenza se non emiten

Feijóo, visto a través de dous monitores de televisión durante o pleno de investidura © Parlamento de Galicia

Unha das últimas decisións do Goberno de Manuel Fraga en funcións foi, o 22 de xullo de 2005, deixar adxudicadas as dúas licenzas de televisión privada autonómica. As empresas beneficiarias foron V Televisión, do Grupo Voz, e Popular TV, ligada á Cadena COPE, que se comprometeron a investir 97 e 2,3 millóns de euros, respectivamente, e xeraren cadanseus 148 e 40 postos de traballo para poñeren en marcha os seus proxectos. Apenas unha semana despois daquela adxudicación tomou posesión o novo Executivo, sustentado pola coalición de PSdeG e BNG, que optou por manter a decisión malia ás protestas doutras compañías que participaran no procedemento. Ningunha desas dúas canles emite na actualidade, pero a Xunta coida que iso non implica "incumprir" as súas licenzas.

Estas concesións, así como as 46 de ámbito local que a Xunta asignaría ao ano seguinte, cadraron coa implantación total da Televisión Dixital Terrestre, pero a demora do seu inicio provocou que coincidisen tamén co estourido da crise económica. Popular TV comezou a emitir no outono de 2009 e pechou en xullo de 2013 sen cumprir en ningún momento o comprometido, cando menos en materia de xeración de emprego. V Televisión botou a andar en 2010 con entorno a medio cento de empregados, segundo indicara o grupo empresarial que a promovía, e deixou de emitir o pasado 1 de xaneiro.

As licenzas outorgounas o Goberno de Fraga en funcións; Popular TV comezou a emitir en 2009 e pechou en 2013 e V Televisión emitiu de 2010 a finais de 2017

O feito de que ningunha das dúas canles estea operativa na actualidade levou o BNG a dirixirse á Xunta para cuestionala polas medidas que prevé adoptar ao respecto. A resposta chegou ao Parlamento esta semana e nela o Goberno galego indica que "non cre que a non emisión de contidos" supoña "un incumprimento das condicións que rexen as concesións de frecuencias de radio e televisión". O Executivo sustenta a súa afirmación nas dúas prórrogas que concedeu nos últimos anos a estas empresas para cumpriren a totalidade das súas obrigas, evitando así rescatar as súas licenzas.

A primeira desta prórrogas chegou incluída na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2015. Esta modificación outorgou ás concesionarias un prazo de dous anos adicionais a contar dende o 1 de xaneiro de 2015 para "materializar os compromisos asumidos" e "acreditar o cumprimento". Se a comezos de 2017 non cumpriran, quedarían sen licenza. No entanto, apenas dous anos despois a Xunta utilizou o mesmo procedemento para aplicar outra prórroga, neste caso de 4 anos e aínda vixente: a marxe para evitar o rescate chega agora ata 2021.

A Xunta explica que as prórrogas que concedeu a estas empresas en 2014 e 2016 a través de senllas reformas legais supón que non emitir non implique incumprimento nin ter que rescatar as concesións

É precisamente a estas dúas reformas legais ás que alude o Goberno para explicar que non considera que o feito de non emitir sexa motivo dabondo para rescatar as concesións. No que atinxe ás televisións locais adxudicadas en 2006, polas que o Bloque tamén pregunta, a Secretaría Xeral de Medios sinala que "algunhas delas dispoñen de autorización de posta en funcionamento e atópanse emitindo". No referido ás 20 licenzas que outorgou o Goberno do PP en 2014 sinala que "os licenciatarios están -dentro do prazo- a cumprimentar os trámites recollidos nas bases do concurso".

O Goberno conclúe o seu escrito respondendo á pregunta final do BNG, a respecto do "futuro" da TDT en Galicia "tendo en conta a situación actual". "Dicir que é difícil, nestes momentos, establecer un prognóstico acertado sobre o futuro das teleivsións, pois o sector da imaxe está a cambiar constantemente como consecuencia dos continuos avances no campo das novas tecnoloxías", conclúe a Xunta.

Unha antiga 'carta de axuste' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.