A Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) asume a supervisión de máis de 3.000 persoas con só dúas ducias de traballadores e sen ninguén á fronte da súa dirección-xerencia desde hai xa tres anos. A entidade vén acumulando sentenzas que evidencian a súa incapacidade para atender de xeito adecuado a todos os seus tutelados, responsabilidade que deita noutras entidades sociais. Porén, a Xunta resta importancia a esa vacante para o funcionamento da fundación e atribúe a demora en cubrila a “cuestións administrativas” que non aclara.
Política Social atribúe a demora a “cuestións administrativas” que non aclara e resta importancia á vacante
Hai agora tres anos, o 2 de marzo de 2015, o padroado da Funga acordou convocar un proceso selectivo para ocupar a vacante da súa praza de dirección-xerencia. O mesmo padroado declarou deserto ese proceso selectivo o 17 de decembro de 2016, decisión que non se publicou no Diario Oficial de Galicia ata o 27 de marzo de 2017, dous anos despois da convocatoria. E tres anos despois esa praza segue baleira.
Hai máis de catro meses, cando este diario publicou unha serie de informacións sobre as eivas na atención que a Funga dá aos seus tutelados, a Consellería de Política Social, da que depende a fundación, respondeu que “neste momento está próxima a cobertura desta praza”. Malia que entre outras cuestións se lle preguntaba se a entidade está a funcionar correctamente sen esa figura, a consellería eludía a cuestión e limitábase a responder que “en todo momento se cubriron as funcións e responsabilidades inherentes a ese cargo”.
A directora xeral de Familia tivo que comparecer no Parlamento, onde admitiu a existencia de “certos riscos” de que persoas tuteladas cometan ou sexan vítimas de delitos e xustificouse: “Estámolo a facer da mellor maneira posible”
O Goberno galego salientaba o normal funcionamento da institución malia que persoas tuteladas cometeron ou foron vítimas de delitos ou obrigadas a exercer a mendicidade, segundo evidencian numerosas sentenzas. Tras as informacións deste diario, a directora xeral de Familia, María Amparo González Méndez, tivo que comparecer no Parlamento de Galicia para dar explicacións á oposición e alí admitiu a existencia de “certos riscos” de que persoas tuteladas cometan ou sexan vítimas de delitos e xustificábase: “Estámolo a facer da mellor maneira posible”.
Agora, aos tres anos da vacante e case cinco meses despois da promesa de “próxima cobertura” da praza, Política Social volve contestar practicamente o mesmo, igualmente por escrito e sen afondar nas explicacións malia as reiteradas peticións deste medio de coñecer polo miúdo a súa versión sobre o funcionamento da Funga e o trato que dá ás persoas que tutela. A consellería di que o proceso selectivo “foi declarado deserto e malia que estaba prevista a súa cobertura para finais do ano pasado, cuestións administrativas fixeron imposible finalmente levalo a efecto”. E engade que “no entanto, en todo momento se están a cubrir as funcións e responsabilidades inherentes a este cargo e se está a traballar para que se poida efectuar a dita cobertura do posto no menor prazo de tempo posible”. Non aclara que “cuestións administrativas” son as que están a atrasar a cobertura da praza nin como está a “cubrir as funcións e responsabilidades inherentes a este cargo”.
Cambio de sede
A Xunta explica o traslado da sede da Funga ao novo edificio de atención á discapacidade, que levaba catro anos rematado pero pechado, porque "moitas das persoas coas que traballa esta fundación presentan algunha discapacidade"
Por outra banda, a Funga vén de trasladar a súa sede dos baixos dun bloque de vivendas situado ao norte da cidade de Santiago ao novo edificio construído no barrio de San Lázaro para albergar o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) orientado á discapacidade, rematado en 2013 pero pechado ata principios deste ano.
A Consellería de Política Social explica que o local no que estaban as oficinas da Funga ata o de agora é “propiedade do IGVS, estando o seu uso cedido á Funga de xeito temporal” ata este mesmo ano, “motivo polo cal era preciso buscar unha nova localización”. A Xunta explica que “a idoneidade das instalacións dun centro como o CEGADI para albergar as dependencias da Fundación radica principalmente en que moitas das persoas coas que traballa esta fundación, ademais de ter a súa capacidade de obrar modificada ou estar incursas nun proceso xudicial de modificación da súa capacidade, presentan algunha discapacidade, estando as instalacións do CEGADI totalmente adaptadas para facilitar o acceso destas persoas”. A consellería salienta que estas novas instalacións “supoñen unha mellora considerable para o propio persoal da fundación”.