A Xunta privatiza un centro de menores en Ourense tras telo pechado seis anos e gastar 2 millóns en reformalo

Un dos cuartos do centro de menores de Montealegre antes da última reforma Dominio Público Imaxes facilitadas aos contratistas pola Xunta

A historia do centro de menores de Montealegre, en Ourense, remóntase aos anos 80 e frea na primavera do ano 2012. En abril daquel ano a nese momento denominada Consellería de Traballo e Benestar anunciara o peche temporal deste centro, que atendía en réxime de internado menores con problemas de conduta ou sometidos a medidas xudiciais. A explicación oficial para pechar Montealegre era a necesidade de realizar "obras de remodelación e acondicionamento" e inicialmente chegouse a estimar que volvería abrir nuns oito meses. Seis anos despois daquel anuncio a Xunta asegura que prevé reabrir Montealegre "nuns poucos meses". Pero con xestión privada e despois de arranxalo cuns 2 millóns de euros públicos en obras.

A sombra da privatización pairou sobre Montealegre dende o propio peche, cando a vintena de menores internados nese momento foron enviados a outro centro, A Carballeira, tamén situado en Ourense pero dedicado á protección de nenas e nenos en situación de desamparo, non á reeducación de adolescentes con transtornos ou condenas como os que chegaron dende as instalacións pechadas. Así o alertou o persoal ao atopar no Diario Oficial de Galicia do 16 de abril daquel ano, as amortizacións -desaparición- dos seus postos de traballo no caso dos postos temporais e o traslado a outras instalacións, para os fixos. 

A antiga Consellería de Traballo e Benestar pechou o centro de Montealegre por obras en 2012 e inicialmente indicou que reabriría en poucos meses

A daquela conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, evitara aclarar daquela se tiña a intención de privatizar a xestión de Montealegre. "Cando remate a obra decidiremos cal vai ser a xestión", resolvera nunha visita ao Concello ourensán mentres seguía a tratarse o peche como duns poucos meses. En xuño daquel ano a Consellería anunciaba a posta en marcha do proceso para contratar as "obras de acondicionamento e mellora" do centro para "adecuar as instalacións e facelas máis rendibles". Antes, en 2011, xa contratara o proxecto básico da obra por 21.122 euros. Os traballos serían adxudicados tres meses despois -a un mes das eleccións galegas- por 991.431 euros á empresa Corsan-Corviam cun prazo de execución de 6 meses. Non obstante, prolongáronse ata agosto de 2013, segundo figura en documentos oficiais da actual Consellería de Política Social.

Tras o peche e antes da contratación das primeiras obras para facer o centro "máis rendible", a Xunta suprimiu os postos de traballo temporais do centro e trasladou o persoal fixo

Mentres se desenvolvían os traballos, en xuño de 2013, o departamento de Mato foi cuestionado pola "demora" dende a oposición parlamentaria. A resposta non chegou ata setembro dese ano e nela o Goberno informaba o grupo de AGE de que "tendo en conta a complexidade e envergadura das obras acometidas e a especificidade do centro, non se pode concluír que exista unha demora". Só restaban, aseguraba o documento, "pequenas reparacións e comprobacións" para que en poucos días a Consellería realizase "o acto formal de recepción", o que permitiría que Montealegre "siga sendo un centro de menores que responda ás necesidades actuais de atención a este colectivo". Naquel ano e nos seguintes tamén PSdeG e BNG reclamaron, sen éxito, explicación sobre a demora e esixiron a "reapertura" como centro público.

Novas obras en 2014 e 2017 e contrato para privatizar a xestión

Interior do complexo de Montealegre, nunha das imaxes facilitadas pola Xunta aos contratistas das últimas obras

Tras outros dous contratos de eficiencia enerxética e "adecuación" do centro, Política Social disponse a privatizar a súa xestión ata finais de 2020 por ata 3,2 millóns de euros

Aqueles traballos finalizaron, pero o centro non volveu funcionar de inmediato. Cando levaban un ano oficialmente rematados, en setembro de 2014, Traballo e Benestar asinou outro contrato para melloras de eficiencia enerxética no recinto, adxudicado a Abeconsa por 592.318 euros e cun prazo de execución de 3 meses. Estas non foron, así e todo, as últimas obras. En setembro de 2017 Política Social encargou á construtora Extraco mediante procedemento negociado sen publicidade novas actuacións de "adecuación" por importe de 71.454 euros. As obras incluíron dende adaptar dormitorios a "converter en accesible" un dos módulos, "mellorar as condicións de seguridade" das instalacións ou "emendar problemas" como filtracións de auga ou amañar manivelas para abrir e pechar persianas. A empresa recibiu o encargo de rematar en dous meses, a finais do ano pasado.

Unha vez realizados os últimos amaños e cando a factura total das obras se eleva ata os 1,7 millóns de euros, Política Social confirmou o que Mato evitara, a privatización. Así, dende o pasado 26 de febreiro o departamento dirixido dende 2015 por José Manuel Rey Varela tramita un contrato de servizos para entregar a unha empresa privada toda a xestión do centro de Montealegre, incluíndo a súa dirección e todo o persoal -máis de 30 persoas-. A compañía elixida prestará todos os servizos de "acollemento residencial" de ata 24 menores de entre 12 e 17 anos de idade "con graves problemas de conduta" que estean baixo a garda ou tutela da Xunta e sobre os que pese unha orde xudicial para o ingreso. A Xunta prevé contratar o servizo por tres anos -de abril de 2018 a finais de marzo de 2020- e pon sobre a mesa 3,2 millóns de euros para sufragalo, partindo da previsión dun custo por praza ocupada de 184,53 euros ao día.

Protestas sindicais e do Colexio de Educación Social

Manifestación contra o peche do centro de Montealegre, en Ourense no ano 2012 / CIG

Os sindicatos instan a Consellería a frear a privatización e non "regalar o negocio" tras reformar o centro con diñeiro público

O lanzamento deste contrato de privatización da xestión de Montealegre supuxo para o comité de empresa do persoal laboral de Política Social na provincia de Ourense a confirmación dos seus "peores augurios". A representación do persoal, formada polos sindicatos CCOO, CIG, CSIF, UGT e SUMA, lamenta que "como sempre sospeitamos", o Goberno do PP dea en privatizar o centro no canto de atender as súas reiteradas reclamacións de que "Galiza conte cun centro de atención especializada" coma este e que sexa de "xestión pública". Política Social, reclaman, debe "renunciar a formalizar o contrato" e "cumprir o manifestado en numerosas ocasións, que o peche era temporal debido a obras incompatíbeis coa habitabilidade e que, unha vez rematadas, o persoal recolocado noutros centros volvería aos seus postos". Ademais de executar "un ERE encuberto" o Goberno "regala o negocio" tras destinar fondos públicos para a reforma, lamentan nun contexto no que elevan o gastado a preto dos 3 millóns porque, manteñen, producíronse modificacións contractuais tras as adxudicacións.

O Colexio de Educación Social estuda accións legais porque o persoal educativo que prevé o contrato non terá obrigatoriamente "a titulación necesaria e adecuada" para abordar o traballo cos menores internados en Montealegre

Este contrato activou as alarmas tamén no Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, un dos sectores profesionais máis directamente implicados no traballo con menores como os atendidos neste centro. Alén de "sumarse" á crítica á "privatización do centro", o CEESG "chama a atención sobre o persoal educativo que se vai contratar". O prego de condicións do contrato inclúe 17 prazas de educadores ou educadoras, pero non fixa como requisito que estas persoas conten con formación en educación social. Só pide que a empresa se dote de persoal "en posesión dunha titulación universitaria media, superior ou de grao en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social".

Esta "descrición" e os labores especificados para o persoal -"atención directa ás persoas e intervención no proceso socioeducativo"- deixan claro que "a titulación necesaria e adecuada" é a de Educación Social, advirte o colexio, quen lembra que a propia titulación foi instaurada en Galicia nos anos 90 do século pasado "pola necesidade de promover unha formación específica" para realizar estes traballos. "Resulta incoherente e anacrónico" que a Xunta obvie esta circusntancia e poña "en xogo non só os intereses laborais" do sector da educación social, senón tamén "a calidade dos servizos socioeducativos" ás persoas que serán internadas no centro privatizado. É por iso, advirte, que o Colexio está a "estudar tomar accións legais contra esta contratación" mentres, advirte, no seo da Facultade de Educación do Campus de Ourense xa se preparan mobilizacións.

Mato e Rey Varela, titulares de Traballo e Benestar e Política Social durante o peche, obras e privatización do centro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.