0 Gardados para despois

Non, os asasinos de menores non saían á rúa en sete anos sen a prisión permanente revisable

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Na poxa electoral aberta entre o Partido Popular e Ciudadanos a respecto do endurecemento de condenas -cos crimes de Diana Quer e do neno almeriense Gabriel como pano de fondo en todas as televisións- vale todo. E iso inclúe utilizar a filtración dunha carta enviada polo autor confeso da morte de Diana Quer, José Enrique Abuín, á súa familia na que prognostica (sen ningunha base) que en sete anos volverá estar na rúa.

Na misiva, un texto manuscrito publicado polo ABC, o único detido pola morte da moza madrileña, asegura aos seus familiares: "Vós tranquilos. Aquí xa me dixo a avogada que me ían pedir homicidio (son de 10 a 15 anos) pero aos sete xa estaría fóra e con tres ou catro de permiso. Tranquilos, vale. Sede fortes e grazas polo apoio".

A carta foi utilizada por dirixentes do PP para defender unha nova modificación do Código Penal que amplíe a prisión permanente revisable -esa especie de cadea perpetua introducida en 2015 na que aos 25 anos de cárcere un tribunal debe avaliar se o preso está reinsertado para decidir sobre a súa liberdade- a casos como o de Diana Quer.

O viceportavoz do partido Pablo Casado citou o  luns eses parágrafos o pasado luns tras a reunión da Executiva do seu partido para meter máis presión ao resto de partidos que se comprometeron a derrogar esa modificación do Código Penal. "Lemos a carta deste desalmado. Que un preso tras cometer esta atrocidade faga cálculos de beneficios penal e do diñeiro que se vai levar nos faladoiros é indignante", asegurou Casado, antes de defender "sen rancor e sen desquite" pero "con moita responsabilidade" o mantemento desa pena.

A carta do asasino confeso de Diana Quer foi utilizada por dirixentes do PP para meter presión aos partidos que apostan por derrogar esta figura punitiva

A xa famosa misiva do autor da morte de Diana Quer foi utilizada -nas vésperas do debate parlamentario sobre a prisión permanente que se celebra este xoves no Congreso- como argumento de autoridade en faladoiros e columnas de opinión polos partidarios da cadea perpetua.

A realidade é que non existe ningún indicio para concluír que Abuín quedaría libre en sete anos, se finalmente é condenado. Tampouco hai elementos para aventurar que será acusado de homicidio cando se celebre o xuízo. O Código Penal español, un dos máis duros de Europa, xa establecía antes da súa última reforma -para introducir a prisión permanente- penas de entre 15 e 25 anos en caso de asasinato. O homicidio castigábase con entre 10 a 15 anos. A diferenza é que o asasinato require levar a cabo o crime con algún destes elementos "aleivosía; por prezo, recompensa ou promesa; asañamento; ou para facilitar a comisión doutro delito ou evitar que se descubra". O xuíz que investiga o caso non descartou o asasinato. Serán os tribunais quen diten a condena ao autor da morte de Diana Quer cando haxa unha sentenza. É seguro que o seu caso non será castigado con prisión permanente revisable, porque na súa actual formulación só rexe para as mortes de menores de 16 anos.

A realidade é que non existe ningún indicio para concluír que Abuín quedaría libre en sete anos, se finalmente é condenado. Tampouco hai elementos para aventurar que será acusado de homicidio cando se celebre o xuízo

No outro crime que monopoliza estes días as grellas das televisións, o do pequeno Gabriel en Almería, si podería aplicarse a cadea perpetua introducida na lexislación española en 2015. Os xuristas consultados por eldiario.es sosteñen que o que se coñece da morte do neno almeriense si encaixaría nos supostos introducidos polo Partido Popular no Código Penal e que a presunta autora do crime, Ana Julia Quezada, podería enfrontarse a esa acusación. 

En caso de ser condenada a prisión permanente revisable, o castigo iría dos 25 aos 35 anos de prisión, e tería que ser un tribunal o que avaliase ao final de todos eses anos se a reclusa está reinsertada para volver á sociedade. Co vello Código Penal en caso de asasinato a escala oscilaría entre os 15 e os 25 anos de prisión. O que non cambiaría é o réxime de permisos: tanto antes da modificación como agora, un condenado por asasinato ou a prisión permanente revisable debería pasar polo menos oito anos entre reixas antes de poder gozar dunha saída. Neste caso sería o xuíz de vixilancia penitenciaria o que decidiría baseándose nos informes dos equipos psicosociais da prisión.

Os condenados por asasinato coa normativa antiga xa debían cumprir cando menos a metade da condena antes de poder optar ao terceiro grao

A regulación da prisión permanente revisable si endurece o acceso ao terceiro grao que permite ao recluído un réxime de semiliberdade -de 16 horas ao día fóra da prisión- como un paso intermedio para refacer a vida fose cando expire a condena. Para que un condenado a prisión permanente poida acceder a el debe pasar antes 18 anos no cárcere. No caso dos condenados por asasinato co código antigo, o recluso debía cumprir polo menos a metade da condena, ademais de pasar unha serie de exames.

Na hemeroteca dos últimos crimes de menores que causaron gran impacto na opinión pública figuran sentenzas exemplarizantes. O asasino de Marta del Castillo, Miguel Carcaño foi condenado a 21 anos e tres meses de cárcere. A Fiscalía pedira para el 52 anos por un delito de asasinato, dous de agresión sexual e outro contra a integridade moral.

No caso da nena Mari Luz, unha nena de cinco anos asasinada en Sevilla en 2008, Santiago del Valle foi sentenciado a 22 anos por asasinato e abusos sexuais co agravante de reincidencia.

En ambos os casos aínda non existía a prisión permanente revisable e as familias das dúas menores organizaron campañas de recollidas de firmas para que se instaurase a cadea perpetua en España, abolida durante a ditadura de Primo de Rivera.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.