A coordinadora de En Marea pide a dimisión da deputada implicada nun altercado coa policía

Paula Quinteiro, nunha intervención no Parlamento de Galicia Dominio Público En Marea

O Consello das Mareas, máximo órgano de En Marea como partido instrumental, terá que resolver sobre a petición formal de dimisión á deputada Paula Quinteiro. A coordinadora, dirección ordinaria da organización encabezada polo seu voceiro, Luís Villares, tomou no serán deste xoves a decisión de "trasladar" esa "petición de asunción de responsabilidades políticas" despois de que Quinteiro decidise non dimitir pola súa implicación, apasada fin de semana en Santiago, nun altercado durante unha identificación da Policía Local por suposto vandalismo.

Segundo o atestado policial revelado o pasado martes pola axencia Europa Press e La Voz de Galicia, Quinteiro tentou dificultar a identificación por parte da policía local dun home que a acompañaba, presuntamente implicado na rotura de varios espellos de vehículos estacionados nunha rúa do Ensanche compostelán. A parlamentaria, no entanto, defende que só tentou “mediar” no conflito suscitado pola identificación. Ese, mantivo, foi o motivo que a levou a amosar a súa credencial como membro do Parlamento durante o incidente.

Esa mesma intención de "mediar" foi a aludida por Quinteiro no serán deste mércores tras unha xuntanza dunhas dúas horas do grupo parlamentario de En Marea a respecto da situación. Tras ese encontro a parlamentaria pediu "desculpas" ás persoas que "puidesen sentirse ofendidas" polo acontecido, ao tempo que subliñou nunha declaración aos medios que en ningún momento "avalou" ou participou en actos vandálicos, o cal poderá "quedar probado". En calquera caso, advertiu a tamén integrante de Podemos, trátase dun episodio "persoal" que o PP está a utilizar para "condenar o conxunto do grupo" de En Marea.

Quinteiro pediu "desculpas" tras unha longa xuntanza do grupo parlamentario de En Marea e a coordinadora agradece a súa "boa vontade", se ben considerou necesaria seguir adiante coa "petición de dimisión" como deputada

Unha vez concluída esa xuntanza do grupo parlamentario, na que fontes parlamentarias chegaron a dar por feito que se produciría a dimisión, a coordinadora que se reunía de xeito paralelo -trátase de órganos diferentes- "agradeceu" a "boa vontade" de Quinteiro por "pedir desculpas", se ben continuou a considerar necesaria que deixe a súa acta de deputada. Esa "petición de dimisión" é un asunto que "debe trasladarse aos órganos de dirección do espazo político", sinalan dende a coordinadora, que aclara ademais que "con carácter previo ao Consello", Quinteiro terá a posibilidade de "exercer o seu dereito á defensa" nos órganos internos.

"Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría", di Beiras, quen reflexiona tamén sobre a necesidade de "utilizar a mesma vara de medir para todo o mundo"

Nun sentido semellante un dos membros máis destacados do Consello das Mareas, Xosé Manuel Beiras, manifestaba este xoves o seu apoio á petición de dimisión. No marco dunha entrevista na Radio Galega o histórico dirixente considerou que Quinteiro "deixou de actuar como corresponde a unha persoa que representa á xente máis agredida", que tras o sucedido "o primeiro que tiña que facer foi o que fixo despois, pedir desculpas aos electores, a toda a militancia de En Marea e á Policía municipal, que estaba facendo o que debía facer". "Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría", conclúe Beiras, quen non obstante reflexiona tamén sobre a necesidade de "utilizar a mesma vara de medir para todo o mundo": "hai altos cargos da Xunta incriminados por homicidio" no caso da hepatite e "a Xunta deféndeos ata última hora", exemplifica. En todo caso, reflexiona, "a esquerda ten que dar exemplo e practicar unha ética irreprochable".

No caso de que Paula Quinteiro chegase a deixar o seu escano sería a quenda do seguinte integrante da lista pontevedresa de En Marea nas eleccións galegas de 2016, Xoán Hermida, un dos dirixentes de Marea Pontevedra. Se a organización optase por manter o equilibrio entre homes e mulleres no seo do grupo cabería a posibilidade de que chegase á Cámara a sétima integrante da lista, Julia Torregrosa, ligada a Podemos.

Paula Quinteiro, nunha intervención no Parlamento de Galicia Dominio Público En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.