Unha enquisa augura que Compostela Aberta volvería ser a forza máis votada en Santiago

Noriega, nun encontro con veciñanza dun barrio de Santiago CC-BY-SA Compostela Aberta

Compostela Aberta volvería ser a forza máis votada en Santiago e estaría en condicións de recuncar no goberno da cidade mesmo cun chisco máis de apoio electoral. É o panorama político que augura para a capital de Galicia unha enquisa encomendada pola formación que sustenta o actual Goberno local á consultora EDESGA, que augura para os de Martiño Noriega un apoio electoral do 37,7% dos votos, tres puntos máis que en 2015, o cal lle permitiría manter os actuais 10 edís e mesmo optar a lograr un máis, chegando aos 11.

CA medraría 3 puntos e podería sumar un novo edil; o PP caería uns 5 puntos e perdería un ou dous postos, PSdeG e BNG manteríanse e C's lograría un posto na corporación

Os resultados do inquérito, ao que tivo acceso Praza.gal, estiman un panorama electoral en Compostela relativamente estable ou á alza para todas as formacións agás para unha, o PP, que sería a única das que compoñen a actual corporación municipal que retrocedería con relación ás anteriores municipais. Segundo este estudo demoscópico os conservadores retrocederían uns 5 puntos, ata o 28,2%, o que provocaría que perdesen un ou dous edís, quedando en 7 ou 8. Esta sería a consecuencia máis notable da outra principal novidade que reflicte a enquisa, a entrada de Ciudadanos cun concelleiro.

Para PSdeG e BNG a enquisa realizada por EDESGA para CA prevé lixeiros ascensos en votos e o mesmo resultado en edís. Os socialistas recuncarían con 4 representantes e o 16,6% dos sufraxios -case un 2% máis- e o Bloque volvería lograr 2 tras un avance dunhas tres décimas, ata o 7,2% dos votos.

CA sería a forza máis votada en todas as franxas de idade agás entre maiores de 65 anos

Sempre segundo este inquérito, Compostela Aberta Sería a primeira forza en intención de voto tanto entre os homes como entre as mulleres, así como entre todas as franxas de idade coa única excepción da poboación maior de 65 anos. Así, di a enquisa, o apoio a CA entre menores de 30 anos acadaía o 45,5%, co PP como segunda forza e o 9,2% dos votos. Na poboación de 30 a 44 anos Compostela Aberta lograría o 29,9% dos apoios seguida tamén do PP, co 13,5%, e entre quen teñen de 45 a 64 anos CA sumaría o 25,6% dos sufraxios e a continuación non estaría o PP, senón o PSdeG, co 12,1%. Entre a veciñanza maior de 65 anos, non obstante, o PP sería o máis votado co 21,4% dos apoios, cos socialistas como segunda forza co 15,7% e CA, en terceiro posto co 10,2%.

A estes datos de intención de voto a enquisa de EDESGA engade ademais o de simpatía, isto é, o da forza que máis lle gustaría á poboación que vencese na seguinte contenda electoral, a de 2019. A opción máis elixida é neste caso tamén Compostela Aberta, co 34%. A continuación estaría o PSdeG, co 19,7% e a continuación o PP, co 18,3%. Un 5,4% preferiría que gañase o Bloque e un 4,7% Ciudadanos. Mentres, a un 16,6% resultaríalle indiferente. En intención directa de voto Compostela Aberta roldaría o 26% de apoio e o PP, o 13,6%, cunha bolsa de indecisión ou de persoas que non declaran o seu voto da contorna do 28% da veciñanza enquisada.

Valoración de líderes, goberno municipal e forzas políticas

Martiño Noriega é o líder máis valorado e o goberno local obtén unha valoración media do 5,2

O inquérito encargado por Compostela Aberta ao que tivo acceso este diario inclúe tamén un estudo da avaliación da veciñanza sobre o labor do goberno municipal, das formacións políticas e dos líderes das dúas forzas que volverían ser as máis votadas, CA e PP. A enquisa sitúa o actual alcalde, Martiño Noriega, cun 65,8% de aprobación cidadá, un coñecemento entre a veciñanza do 95% e unha media de 'aprobado', do 5,1. No caso do ex-rexedor e líder do PP local, Agustín Hernández, o seu labor de oposición é aprobado polo 56,1% da poboación da cidade, ten unha notoriedade do 80% e unha puntuación media de 4,6. No que atinxe ao resto de forzas da corporación, aínda sen cartel electoral definido para 2019, a enquisa outorga un 3,8 de valoración tanto ao PSdeG como ao PP, mentres que ao PP dá un 3,7 e a CA, un 5,2.

No referido aos distintos labores do goberno municipal a valoración global é tamén dun 5,2. Por áreas, as de participación cidadá e transparencia son as mellor puntuadas, cun 5,7, seguido de programación cultural e festas (5,5) e transporte urbano, políticas sociais e xestión do turismo (5,4 nos tres casos). A limpeza e xestión de zonas verdes quedaría no 5,3, a xestión económica no 5,2 e o urbanismo, no 4,7.

FICHA TÉCNICA

Poboación censada no Concello de Santiago de Compostela con 18 anos de idade ou máis | 810 enquisas | Entrevistas telefónicas asistidas por ordenador | Mostraxe polietápica con afixación proporcional por distrito/zona de residencia, sexo e idade Marxe de erro do 3,5% para o conxunto da poboación, cun nivel de confianza do 95% e no suposto de p=q Traballo de campo do 5 ao 11 de febreiro de 2018

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.