O Consello das Mareas, máximo órgano de En Marea como partido instrumental, decidiu este venres pedir a dimisión da deputada autonómica Paula Quinteiro. A coordinadora, dirección ordinaria da organización encabezada polo seu voceiro, Luís Villares, tomara no serán deste xoves a decisión de "trasladar" ao seguinte órgano a "petición de asunción de responsabilidades políticas" despois de que Quinteiro decidise non dimitir pola súa implicación, a pasada fin de semana en Santiago, nun altercado durante unha identificación da Policía Local por suposto vandalismo. Este venres no Consello Villares abstívose tras unha reunión da que se ausentaron os seus críticos.
Desde que os feitos se fixeron públicos, os apoios á deputada foron flutuando. Este venres Villares abstívose despois de que a Coordinadora "trasladase" ao Consello das Mareas a "petición de asunción de responsabilidades políticas".
Segundo o atestado policial revelado o pasado martes pola axencia Europa Press e La Voz de Galicia, Quinteiro tentou dificultar a identificación por parte da policía local dun home que a acompañaba, presuntamente implicado na rotura de varios espellos de vehículos estacionados nunha rúa do Ensanche compostelán. A parlamentaria, no entanto, defende que só tentou “mediar” no conflito suscitado pola identificación. Ese, mantivo, foi o motivo que a levou a amosar a súa credencial como membro do Parlamento durante o incidente. Desde que os feitos se fixeron públicos os apoios á deputada tanto no grupo parlamentario como no resto de órganos de En Marea foron flutuando non só en función da evolución desta polémica senón tamén das loitas soterradas que manteñen as diferentes correntes da organización polo seu control.
Este venres no Consello das Mareas Villares abstívose tras unha reunión da que se ausentaron os seus críticos polo que consideraron ataques excesivos a Quinteiro e despois de que o grupo parlamentario acordase unha saída para a deputada que pasaba pola apertura dun expediente interno. A propia Quinteiro compareceu este venres no Consello das Mareas ao inicio do encontro e ofreceu a súa versión dos feitos para logo ausentarse e recibir posteriormente a decisión adoptada por ese órgano.
Tras Paula Quinteiro, o seguinte integrante da lista pontevedresa de En Marea nas eleccións galegas de 2016 é Xoán Hermida, un dos dirixentes de Marea Pontevedra. Se a organización optase por manter o equilibrio entre homes e mulleres no seo do grupo cabería a posibilidade de que chegase á Cámara a sétima integrante da lista, Julia Torregrosa, ligada a Podemos.