O falecemento o pasado decembro de Carmen Franco, única filla do ditador e de Carmen Polo, puxo en marcha o que se prevé como complexo proceso para a transmisión dunha substanciosa herdanza. A finada exerceu durante décadas como cabeza dunha familia que, segundo investigacións recentes, chegou a acumular un patrimonio duns 500 millóns de euros, así como un importante entramado empresarial. Na herdanza de Carmen Franco hai elementos rechamantes como o Pazo de Meirás ou a coruñesa Casa Cornide, pero tamén un título nobiliario co que quere quedar a súa filla, Carmen Martínez-Bordiú Franco, que vén de iniciar os trámites ao respecto.
O 27 de novembro de 1975, apenas unha semana despois da morte do xeneral golpista, o Boletín Oficial do Estado publicaba o decreto polo que o novo rei concedía a Carmen Franco Polo o título de "Duquesa de Franco, con Grandeza de España". A intención de tal honra era dar "mostra" do "real aprecio" da Coroa cara á filla de Franco, que tamén era marquesa de Villaverde por vía matrimonial, e salientar as "excepcionais circunstancias e merecementos que nela concorren".
O mesmo decreto estipulaba, asemade, que tal "mercé nobiliaria" recaía en Carmen Franco, pero tamén nos seus "fillos e descendentes". Neste sentido, estipulaba que o título estaría "exento de dereitos fiscais na súa creación e na primeira transmisión". Este decreto nunca foi derrogado, polo que o dereito establecido nel segue vixente e Carmen Martínez-Bordiú disponse a exercelo.
Decreto co que Carmen Franco obtivo o título de duquesa de Franco unha semana despois da morte do seu pai en 1975
O procedemento estipulado polo agora rei emérito en 1975 é o que vén de activar Martínez-Bordiú neste 2018. Así o fai oficial este 26 de marzo un anuncio publicado no propio BOE pola División de Dereitos de Graza e outros Dereitos, dependente do Ministerio de Xustiza. Ese anuncio certifica que a neta do ditador "solicitou" ser a sucesora no Ducado de Franco "por falecemento da súa nai, dona Carmen Franco Polo" e abre un prazo de 30 días para que, conforme á actualización realizada en 1988 dun real decreto de 1912, "poidan solicitar o conveniente os que se consideren con dereito ao referido título". Se non existen esas reclamacións, Martínez-Bordiú herdará o ducado sen pagar nada.
Anuncio da transmisión do ducado a Carmen Martínez-Bordiú
Este título é un dos máis rechamantes pero, así e todo, non é a única distinción nobiliaria vixente en España concibida para homenaxear cargos da ditadura ou membros da familia de Franco. Non en van, unha trintena de herdeiros franquistas manteñen os títulos nobiliarios que concedeu directamente o ditador.