O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, rexeita comparecer na comisión de estudo sobre os incendios creada no Parlamento de Galicia, segundo vén de comunicar por carta ao presidente da Cámara. Villanueva, funcionario autonómico de carreira, foi director xeral de Emerxencias da Xunta entre 2009 e 2014 e coa súa negativa súmase á xa expresada hai dez días pola Unidade Militar de Emerxencias.
Santiago Villanueva, que foi director de Emerxencias da Xunta, súmase ao rexeitamento xa expresado pola Unidade Militar de Emerxencias
O argumento que emprega Villanueva para defender a súa negativa a comparecer é similar ao explicitado polo Ministerio de Defensa e ampárase en que a competencia para controlar o seu traballo correspondería ao Congreso dos Deputados e non a unha cámara autonómica. Villanueva remítese aos artigos 66 e 108 da Constitución, pero estes só indican que o Congreso debe controlar o Goberno e que o Goberno debe responder das súas actuacións ante o Congreso, sen impedir que ningún representante do Executivo poida comparecer ante un parlamento autonómico. A súa carta de rexeitamento, ademais, chega ao Parlamento o mesmo día en que si compareceu nesa mesma comisión o fiscal superior de Galicia.
Xunto coa carta na que comunica o seu rexeitamento a comparecer, Villanueva lémbralle ao Parlamento que o seu departamento xa remitiu, “en cumprimento dos principios de colaboración e lealdade institucional”, varios documentos sobre os incendios nos que se reflicten os medios materiais e persoais facilitados polo Estado, as condicións meteorolóxicas existentes e un informe do Catastro sobre a estrutura da propiedade en Galicia.
A ex-conselleira de Facenda Marta Fernández Currás tamén rexeitara comparecer na comisión sobre as caixas amparándose no seu posterior cargo de secretaria de Estado
Coa súa negativa Villanueva segue a senda doutros cargos estatais que tamén rexeitaron comparecer ante a Cámara galega malia que previamente tiveran responsabilidades na administración autonómica nas mesmas materias polas que é solicitada a súa presencia. Foi o que ocorreu coa ex-conselleira de Facenda Marta Fernández Currás, que malia ser unha das figuras responsables da fracasada fusión das caixas de aforros galegas posteriormente rexeitou comparecer na comisión de investigación creada no Parlamento amparándose no seu posterior cargo de secretaria de Estado de Orzamentos.