En Marea, PSdeG e BNG coinciden en salientar que o Executivo de Rajoy non está a investir todo o que vén anunciando
No mesmo día en que se fixo público o detalle das diversas partidas dos orzamentos do estado, e case sen tempo para analizalas, os partidos da oposición saíron xa este martes a criticar as contas propostas polo Goberno central. Á marxe doutros matices particulares, e de que o BNG deixe para este mércores unha valoración máis fonda, todos coinciden en criticar a baixa execución orzamentaria dos últimos anos como feito que fai pouco crible as novas contas que agora se presentan.
Os deputados de En Marea no Congreso dos Deputados puxeron o foco na “conxelación das partidas orzamentarias para Galicia”, co que salientan que “o Goberno de Rajoy perpetúa o recorte do 32% dos orzamentos para Galicia” do pasado ano. En Marea critica que a metade do orzamento vaia destinado ao AVE, unha infraestrutura que xa tiña que estar rematada e que vén acumulando sucesivos incumprimentos de prazos e de execución orzamentaria. O actual voceiro da formación na Cámara Baixa, Miguel Anxo Fernán-Vello, resalta ademais que o proxecto constata "o mal trato" do Goberno central a Lugo.
Desde o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, criticou a perda de posición relativa de Galicia a respecto do resto de comunicades, salientando que as contas públicas prevén para o resto do Estado uns aumentos do investimento do 17% pero para Galicia só do 1%. Caballero tamén lembrou que nos últimos anos o Goberno central deixou de investir en Galicia uns 2.000 millóns de euros que orzamentara pero que non chegou a executar.
Desde o BNG, que deixou a súa valoración das contas para este mércores para analizalas polo miúdo, a súa portavoz, Ana Pontón, anunciou que pedirá a Feijóo explicacións sobre os rozamentos estatais no Pleno do Parlamento de Galicia que se celebrará a próxima semana. En todo caso a pasada semana a deputada Olalla Rodil xa criticara que, á marxe do que reflictan as contas deste ano, a credibilidade do Goberno é limitada polo baixo nivel de execución orzamentaria que, por exemplo, no caso do AVE supuxo “unha perda de 900 millóns de euros” entre os anos 2015 e 2016.