A xustiza alemá atranca o plan para axuizar o independentismo catalán por rebelión

Carles Puigdemont, nunha imaxe difundida polo seu equipo mentres estaba en prisión Dominio Público @KRLS

O ditame dun tribunal alemán de Schleswig-Holstein contra a entrega a España de Carles Puigdemont pon en risco toda a causa que a Fiscalía e o Tribunal Supremo abriron para castigar o plan soberanista en Catalunya. A polémica xurídica sobre se a organización do referendo e os feitos que o rodearon podía constituír un delito de rebelión, castigado con ata 25 anos de cárcere, foi resolta ao final por tres maxistrados alemáns, que consideran que o proceso soberanista non se desenvolveu con violencia e decretaron a liberdade de Puigdemont baixo unha fianza de 75.000 euros xa pagada pola Assemblea Nacional Catalana.

A xustiza alemá entra así ao fondo da cuestión. Faino porque o xuíz Pablo Llarena solicitou a extradición de Puigdemont polos delitos de rebelión e malversación. O tribunal rexeitou a extradición polo primeiro deses delitos alegando que a súa lexislación non o contempla. Non se dá, daquela, o principio de dobre incriminación que require calquera extradición.

E van alén ao pronunciarse sobre a posibilidade de identificar a rebelión 'española' co delito de alta traizón do código penal alemán. Para que se produza, razoan os xuíces alemáns, é necesario que se actuase cunha violencia que non existiu na actuación do ex-president. O ditame do tribunal de Schleswig-Holstein, aínda descoñecido na súa literalidade, desbota a apelación á existencia dunha violencia que fixo a Fiscalía na súa querela inicial, que mantivo a Audiencia Nacional despois e á que recorre o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena no seu auto de procesamento.

A decisión alemá fai difícil que a Fiscalía española poida soster a acusación de rebelión contra un grupo de persoas cando está incapacitada para facelo contra quen ostentaba o maior cargo de responsabilidade no Goberno catalán

No caso de que finalmente o tribunal alemán acceda a entregar a Puigdemont polo delito de malversación só podería ser xulgado en España por este. Daríase a circunstancia de que o Tribunal Supremo sentaría no banco aos subordinados do ex-president por un delito castigado con ata 25 anos de cárcere e a Puigdemont por outro que non pasa dos oito anos.

Neste contexto, comeza a resultar dubidoso que a Fiscalía española poida soster a acusación de rebelión contra un grupo de persoas cando está incapacitada para facelo contra quen ostentaba o maior cargo de responsabilidade no Goberno catalán. O propio Llarena afirmou nun dos seus autos que "a depuración das distintas responsabilidades penais debe ser levada de maneira unificada, pois doutro xeito podería romper a continencia da causa e conducir o proceso a respostas contraditorias e diverxentes para os distintos partícipes".

Segundo explicou o tribunal alemán nun comunicado, a sala primeira do penal considera en principio que a imputación do delito de rebelión é "inadmisible", pero cre que si pode ser aceptado o de corrupción, como malversación de fondos públicos, polo que o proceso de extradición segue adiante. A Audiencia non cre que Puigdemont corra risco de persecución política en España, o que anularía completamente a orde de extradición.

A situación do resto de líderes soberanistas encausados

O tribunal terá agora que decidir se procede a extradición por malversación de fondos, á que se vai a opor a defensa de Puigdemont. A última palabra sobre a extradición vaina ter a Fiscalía de Schleswig-Holstein, que xa considerou a decisión dos xuíces alemáns como un revés e anunciou que estudarán se se pode recorrer.

Junqueras, Sànchez, Cuixart, Forn, Turull, Forcadell, Romeva, Bassa e Rull están encarcerados con acusación de rebelión

Segundo fontes xurídicas españolas citadas por eldiario.es, a decisión do tribunal alemán pode condicionar as decisións pendentes doutras xustizas europeas. En Bélxica seguen Lluís Puig, Toni Comin e Meritxell Serret, que o propio xoves quedaron en liberdade sen fianza. En Escocia está Clara Ponsatí e en Suíza, Marta Rovira. Comin, Ponsatí e Rovira son reclamados por rebelión

Ademais, por unha acusación de rebelión e o risco de fuga que iso implica están no cárcere Oriol Junqueras, Jordi Sànchez, Jordi Cuixart e Joaquim Forn. Tamén están en prisión Jordi Turull, Carme Forcadell, Raül Romeva, Dolors Bassa e Josep Rull, acusados todos rebelión -a Rull, Turull, Bassa e Romeva, o Supremo engádelles o delito de malversación-. O Supremo deberá resolver as previsibles peticións de excarceración que as súas defensas defensas expoñan unha vez coñeceron que a acusación por rebelión contra Puigdemont corre serio risco de desaparecer.

Mobilización pola liberdade de Puigdemont en Berlín Dominio Público JxCat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.