O Concello de Mos, incluído o PP, mobilizarase contra Fomento pola demora de anos na mellora da seguridade da A-55

Obras de seguridade viaria paralizadas hai meses na A-55 Dominio Público Google Street View

O 26 de outubro de 2015, cando aínda era ministra de Fomento a pontevedresa Ana Pastor, o secretario de Estado de Infraestructuras, Julio Gómez-Pomar, asistiu en Mos ao inicio dos traballos de mellora da seguridade viaria da perigosa autovía Vigo-O Porriño (A-55). O seu prazo de execución era dun ano e medio, pero dous anos e medio despois as obras, reclamadas desde había tempo, fixeron pouco máis que empezar e levan meses paradas sen que haxa data para o seu remate. Agora, tras sucesivas promesas de reanudación dos traballos, o Goberno local de Mos, do PP, vai sumarse ás mobilizacións contra o Ministerio de Fomento dirixido polo mesmo partido para reclamar axilidade na mellora da seguridade nunha das estradas máis perigosas de todo o Estado malia que é empregada por máis de 60.000 vehículos diarios.

As obras iniciáronse en outubro de 2015 pero están paradas malia a alta sinistralidade que rexistra a entrada a Vigo desde Ourense e Portugal

A A-55, entrada natural á cidade de Vigo desde Ourense e a Meseta, é produto do desdobramento da vella e sinuosa estrada convencional N-120 e foi inaugurada a principios da década dos 90 do século pasado por Josep Borrell como ministro de Fomento socialista e con Emilio Pérez Touriño como secretario de Estado. Ademais de partir en dous o concello de Mos limitando notablemente a calidade de vida dos seus veciños, desde a súa entrada en servizo vén sendo un foco de constantes sinistros que Fomento e a Dirección Xeral de Tráfico só veñen paliando con obras menores, a instalación de radares e a limitación da velocidade en boa parte do seu percorrido a só 60 quilómetros por hora.

Unha desas actuacións paliativas é a que supostamente ten en marcha agora Fomento. Unhas obras de mellora da seguridade que supoñen fundamentalmente a prolongación dos case inexistentes carrís de incorporación e saída da estrada, a mellora do seu pavimento e o reforzo da sinalización. Os traballos licitáronse por 8,2 millóns de euros e cun prazo máximo de 19 meses e foron adxudicados por 5,9 millóns, aplicando criterios que primaban o aforro sobre outras consideracións, á unión temporal de empresas formada por Comsa e Arias Infraestructuras. Os traballos iniciáronse o antedito 26 de outubro de 2016, pero a sinalización de obra que restrinxe aínda máis a circulación pola vía é a día de hoxe o único indicativo visible para o usuario de que se está a traballar nela.

A alcaldesa popular di que as obras paralizadas fan que os accidentes sexan agora "aínda máis numerosos"

A explicación que dá Fomento á lentitude das obras é que os traballos se atoparon con redes de servizos non contempladas no seu propio proxecto construtivo. Un obstáculo que levou a fixar para o pasado marzo o reinicio dos traballos, prazo que non se cumpriu e que agora se fixa en maio, o que levou á alcaldesa, a popular Nidia Arévalo, a anunciar mobilizacións contra Fomento impulsadas polo propio Concello. Este martes Arévalo, acompañada dos portavoces do resto de grupos municipais, anunciou unha concentración para as oito da tarde deste venres contra unha situación de parálise na que, di, agora os accidentes son “aínda máis numerosos”.

A solución definitiva para a A-55 que Fomento parece ter entre os seus plans pasa pola construción en paralelo á mesma do treito final da Autovía das Rías Baixas (A-52) entre O Porriño e Vigo

A solución definitiva para a A-55 que Fomento parece ter entre os seus plans pasa pola construción en paralelo á mesma do treito final da Autovía das Rías Baixas (A-52) entre O Porriño, onde hoxe remata, e Vigo, cun túnel que sirva de alternativa ás curvas actuais. O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, anunciou hai uns días a súa intención de incluír ese treito, que cuantificou en 337 millóns, no seu plan extraordinario de infraestruturas. Porén, nos Presupostos do Estado que se presentaron uns días despois esa actuación só recibe contías para estudos previos mentres que o groso do seu investimento consígnase, nesas contas públicas, a partir de 2020.

Proxecto de novo treito de autovía en túnel entre O Porriño e Vigo para evitar as perigosas curvas da A-55 en Mos

Para tentar desviar parte do tráfico da A-55 Fomento implantou en 2015 unha bonificación da peaxe nun treito da AP-9 pero só para vehículos pesados que non tivo a utilidade agardada

Á espera de que se reactivase a construción desa nova autovía, nos últimos anos puxéronse sobre a mesa outras alternativas á perigosa A-55. Unha delas é a de liberar de peaxe o treito entre Vigo e O Porriño da AP-9 para, malia o lixeiro rodeo que supón para os tráficos que se dirixan cara a Ourense, facelo máis atractivo e que parte dos vehículos o empreguen en lugar da A-55. Nesa liña, Fomento implantou en 2015 unha bonificación da peaxe só dos vehículos pesados que non tivo a utilidade agardada.

Ademais, distintas voces critican que Mos, que xa sofre unha sobrecarga de infraestruturas das que non se beneficia directamente, sexa cortado novamente por unha nova autovía, malia que parte dela discorra en túnel. Un túnel, por outra banda, cuxos estudos en 2004 o Congreso dos Deputados reclamou que se realizasen tendo en conta a futura saída sur ferroviaria de Vigo, para a que tamén haberá que construír un subterráneo. Todos os grupos políticos, a petición do BNG, estaban de acordo daquela na necesidade de planificar conxuntamente esas dúas infraestruturas entre Vigo e Mos e O Porriño para non sobrecargar máis o territorio deses dous últimos municipios.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, nun recente acto do Celta co presidente Feijóo e Ana Pastor, ministra de Fomento cando se iniciaron as obras na A-55 Dominio Público Xunta de Galicia
Representantes políticos e veciñais este martes fronte ao Concello de Mos e ante a A-55 que pasa ás súas portas Dominio Público Concello de Mos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.