A reforma penal de 2015 tornou en 'terrorismo sen armas' accións como as dos CDR cataláns

Imaxe dunha protesta dos CDR na peaxe dunha autoestrada Dominio Público Imaxe difundida polos CDR

Terrorismo sen armas. A detención por rebelión e terrorismo contra unha activista dos Comités de Defensa do Referendo (CDR) nunha investigación secreta da Audiencia Nacional este martes xerou alarma entre partidos soberanistas, xuristas e defensores dos dereitos humanos. O sustento formal da investigación atópase na reforma do Código Penal de 2015 que seguiu ao pacto antiterrorista acordado polo  PP e PSOE.

En concreto, a reforma do artigo do Código Penal aumentou, no seu artigo 573, o catálogo das finalidades terroristas, incluíndo non só os atentados violentos para provocar un estado de terror na poboación, senón ademais "calquera delito grave" co obxectivo de "subverter a orde constitucional", así como "desestabilizar" o funcionamento de institucións políticas ou estruturas económicas ou sociais do Estado ou obrigar aos poderes públicos "a realizar un acto ou a absterse de facelo".

A mudanza aumentou o catálogo das finalidades terroristas, incluíndo "calquera delito" que busque "subverter a orde constitucional" ou "desestabilizar" institucións

Foi tipificado ademais o delito de desordes públicas, o de sedición e o de rebelión como terrorismo en caso de cometerse por unha persoa "amparada" por unha organización terrorista. Desta forma, o terrorista podería non ser unicamente o integrante dunha banda terrorista, senón o autor dos delitos que tivesen as finalidades do citado artigo 573.

Para o avogado de Molins&Parés Marc Molins, a definición de terrorismo no Código Penal é excesivamente ampla. Pero non só iso: "A cuestión non é unicamente de amplitude na definición do delito, senón tamén da forma de aplicación". Neste sentido, o avogado lembra que "todas as normas penais esixen unha aplicación restritiva e adecuada ao principio de proporcionalidade".

"O reto do Estado de Dereito é concretar unha aplicación restritiva e consecuente da lei penal e non desbordar o sentido das normas. Tense que acreditar que os actos investigados constitúen un delito grave causalmente orientado a romper a orde constitucional ou alterar a paz pública. Ningunha outra finalidade, de mera protesta ou de solidariedade, encaixaría co delito de terrorismo. No actual escenario, a hipótese do acto terrorista é, como mínimo, discutible" asevera Molins.

"Por desgraza, en Barcelona, Catalunya e o resto de España gardamos na nosa memoria máis recente e sabemos o que é un acto terrorista. E as protestas dos CDR non o son"

Ademais do problema lexislativo en canto á definición de terrorismo, a letrada do centro Irídia Anaïs Franquesa tamén pon énfase na súa aplicación por parte dos xuíces, neste caso, o maxistrado de reforzo do xulgado de instrución 6 da Audiencia Nacional Diego de Egea. A criterio de Franquesa, a investigación debería basearse, en primeiro lugar, nun exame dos feitos e de se os cortes de estradas e levantamento de barreiras que os CDR impulsaron durante a operación retorno de Semana Santa están amparadas polo dereito á manifestación.

De exceder este límite, engade Franquesa, poderíanse investigar penalmente as accións dos CDR, pero en todo caso por desordes públicas. O dereito á manifestación, entre outros límites, contempla a obrigación de comunicar o percorrido e os responsables das marchas. "O corte de estrada non se produce porque si, senón que entra no dereito democrático da protesta política", abonda a letrada, que afea á Audiencia Nacional a "instrumentalización e desnaturalización do dereito penal para criminalizar a protesta" dos CDR.

Franquesa lembra ademais que "por desgraza, en Barcelona, Catalunya e o resto de España gardamos na nosa memoria máis recente e sabemos o que é un acto terrorista. E as protestas dos CDR non o son". "E evidentemente, tampouco son rebelión, porque cortar unha estrada non é un alzamento público nin violento", engade.

Unha cualificación "desproporcionada" que chegará á comisaria de Dereitos Humanos

Pola súa banda, o Síndic de Greuges, Rafael Ribó, asegurou que atribuír aos CDR delitos como terrorismo e rebelión é unha cualificación "manifestamente desproporcionada e contraria ao principio de legalidade" e anunciou que o porá en coñecemento da nova comisaria europea de Dereitos Humanos, Dunja Mijatovic, e os órganos competentes en dereitos humanos das Nacións Unidas.

Un dos indicios nos que se baseou a detención foi unha nota de audio sobre obxectivos de protestas que non se chegaron a producir

Un dos indicios que, por agora, se coñece contra a detida é un audio que ela mesma difundiu nas redes de mensaxería no que sinalaba presuntos obxectivos estratéxicos das protestas, que non se chegaron a producir. "Se podemos parar o porto, sería brutal, porque deixamos sen abastecemento ás illas Baleares, os chineses cabreríanse, tamén hai moitas mercadorías; por exemplo, a Seat, que leva os coches en barcos, e todo o que é entrada de mercadorías da Península e sur de Europa", sinalou a detida.

No marco da operación, denominada Cadera (palabra que inclúe as iniciais CDR), a Garda Civil rexistrou a vivenda da detida en Viladecans (Barcelona), de nacionalidade española, onde atoparon documentos sobre o acuartelamento do instituto armado en Barcelona, ademais dunha axenda, cartelaría, unha memoria externa, un computador e teléfonos móbiles. Nin rastro de armas letais coas que provocar pánico e terror da poboación como nun acto terrorista ao uso.

Manifestación dos CDR Dominio Público CDR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.