Feijóo repite táctica no conflito da Xustiza en Galicia, que supera os dous meses de folga, acumula uns 20.000 xuízos suspendidos e afronta este venres unha nova xuntanza entre representantes da Xunta e dos traballadores. Primeiro lanzou a poboación parada e mileurista contra o persoal que mantén o paro indefinido e logo aproveitou as mobilizacións de xubilados para lanzarlles tamén os pensionistas. Desta vez, insiste en cargar contra os sindicatos e emprega a súa visita ao Congreso en Madrid para trasladar as reivindicacións do funcionariado para vincular a súa loita con Podemos ou Pablo Iglesias e acusalos de estar sendo "utilizados".
Feijóo cre que "o obxectivo" da viaxe do comité de folga a Madrid "era reunirse con Pablo Iglesias"
Así, o presidente da Xunta asegurou tras o Consello deste xoves que cre que "o obxectivo" da viaxe do comité de folga a Madrid "era reunirse con Pablo Iglesias". Os representantes dos traballadores reuníronse con todos os grupos políticos da comisión de Xustiza e, a través da deputada de En Marea Yolanda Díaz, entregaron ao ministro Catalá unha carta coas súas solicitudes. No entanto, para Feijóo os sindicatos manteñen “relacións cada vez máis claras e mais intensas con determinados grupos políticos”, en referencia a Podemos. No devandito comité de folga están representados desde a CIG ata o CSIF e STAJ, pasando pola USO, a CUT, UGT ou CCOO.
Con ironía, Feijóo acusou os sindicatos de Xustiza de ter como "referente político" a Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, algo que considera "moi sorprendente". “Que vexan todos os galegos que esta folga xa deixa de ser unha reivindicación sindical e empeza a ter relacións con determinados grupos políticos", insistiu o xefe do Executivo galego. Ademais, pediu aos empregados da Xustiza que "vexan como están sendo utilizados", en referencia á postura das centrais sindicais.
“Que vexan todos os galegos que esta folga xa deixa de ser unha reivindicación sindical e empeza a ter relacións con determinados grupos políticos", di Feijóo
Non é a primeira vez que Feijóo emprega unha dura linguaxe contra o comité de folga. Na primeira vez, ao pouco de comezar o paro indefinido, cuestionara os sindicatos ao lembrarlles que hai galegos que non cobran 1.000 euros mensuais e que a estes, e máis aos parados, non lles debían parecer ben as súas reivindicacións. "Hai moitos galegos que non cobran mil euros ao mes; para eses galegos suporía cobrar un mes máis", dixera respecto ás reivindicacións do funcionariado, provocando a súa indignación e malestar.
Logo, e ante as mobilizacións da poboación xubilada que se estaban e están a dar en Galicia e no Estado, decidiu lanzar os pensionistas contra os traballadores en folga. "Hai miles de familias que están pedindo a actualización da súa pensión ao IPC, e hai un conxunto de sindicatos aos que lles parece que un incremento do 13% das súas retribucións é insuficiente", asegurara.
Segundo el mesmo dixera, non era quen de "explicar a un pensionista galego" que non hai "diñeiro para incrementar as súas pensións segundo o IPC, un 1,4% ou un 1,5%" mentres o persoal de Xustiza leva a cabo as súas reclamacións. "Cando un pensionista escoita este tipo de reivindicacións salariais, non pode estar de acordo", insistira.
As novas declaracións de Feijóo chegan agora un día antes de que Xunta e comité de folga volvan reunirse, máis de dúas semanas despois da última xuntanza. O Goberno, segundo o seu presidente, acode con poucas esperanzas e “só para falar dentro do escenario económico marcado na última oferta”, xa que logo, 133 euros máis ao mes para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para auxilio. Os traballadores reclaman, pola contra, 180 euros lineais de incremento para todos os grupos.