En Marea mantén a incerteza sobre a remuda de Merlo no Parlamento mentres volve abordar o caso de Quinteiro

Asistentes ao plenario de En Marea, o pasado 17 de marzo CC-BY-SA En Marea

No pleno do Parlamento que remata este mércores o grupo de En Marea tivo 13 representantes, no canto dos 14 obtidos nas eleccións de 2016. A razón foi que ninguén tomou posesión, polo momento, do escano ao que renunciou o pasado 13 de abril o xa ex-deputado Juan Merlo tras admitir que incluíra no seu currículo público na web da Cámara unha titulación de enxeñaría que realmente nunca chegara a rematar. Esta dimisión chegou cando a formación aínda non dera pechado de vez outro conflito interno, o xerado polo altercado coa policía local de Santiago no que se viu implicada a tamén deputada Paula Quinteiro, a quen a coordinadora de En Marea -dirección do partido instrumental- pediu a súa dimisión, pero que é apoiada por unha maioría de membros do grupo parlamentario.

A Cámara galega chegou a incluír na orde do día deste pleno a toma de posesión dun novo membro do grupo de En Marea. Esta asunción da acta non chegou a producirse porque quen fora número 6 na candidatura da formación en 2016, Xoán Hermida, anunciou que renunciaba a tomar posesión se Quinteiro -número 5- dimitía e se producía un corremento de lista. Fixérao por razóns "éticas", afirmara, tras transcender que tivera un incidente con axentes da Policía local de Pontevedra ligado a unha sanción de tráfico. Hermida realizara este anuncio apenas vinte e catro horas antes da dimisión de Merlo, tamén membro da lista por Pontevedra.

Ao non cubrir o escano do que dimitiu Merlo a formación tivo no pleno 13 representantes, un menos que o PSdeG

Cos receos internos das últimas semanas como pano de fondo o grupo parlamentario chegou a esta situación de bloqueo. Se Hermida non renuncia formalmente á acta o Parlamento adxudicaríalla automaticamente este xoves ao vencer o prazo legal para a remuda de Merlo e o pontevedrés, se non é adscrito ao grupo de En Marea, pasaría ao Mixto. Se isto sucedese, a situación transitoria de En Marea como terceira forza pasaría a ser definitiva. Hermida vén ligando a súa renuncia a unha eventual marcha de Quinteiro, pero tamén amosou a súa intención de non prexudicar os intereses parlamentarios de En Marea.

Neste escenario, fontes parlamentarias confirman que dende o grupo de En Marea estivo a procurar que o servizos xurídicos da Cámara dean en atopar unha vía para prolongar os prazos e evitar o automatismo polo que Hermida sería sinalado como deputado aínda que non recolla a súa acta nin tomase posesión dela. Unha posibilidade sería que Hermida -que comparece ante a prensa en Pontevedra este xoves- asuma o cargo provisionalmente. De xeito paralelo a Coordinadora do partido instrumental confirma a convocatoria do Consello das Mareas -máximo órgano entre plenarios- para volver "analizar" o caso de Quinteiro unha vez tratado pola Comisión de Garantías da propia organización.

Sobre a mesa do Consello estará a posibilidade de convocar unha consulta á militancia sobre o escano de Quinteiro

Sobre a mesa dese encontro, fixado para o vindeiro sábado, estará a posibilidade de que o Consello convoque unha consulta sobre a permanencia de Quinteiro no seu escano. Se esa votación chegase a producirse non sería vinculante para a deputada con independencia do seu resultado, toda vez que as actas parlamentarias son persoais e independentes da organización na que milite cada membro da Cámara. Desta posibilidade desmarcouse a maioría do grupo parlamentario e tamén formacións como Podemos, á que Quinteiro pertence, EU ou Anova. Mentres, a coordinadora e o seu voceiro, Luís Villares, veñen reclamando nas últimas semanas que consideran necesaria a dimisión de Quinteiro e amósanse proclives a esta consulta á militancia.

Se Hermida completa o trámite de renuncia á acta parlamentaria o posto de Merlo corresponderíalle a Julia Torregrosa, tamén ligada a Podemos. O seguinte integrante da candidatura de En Marea, o número 8, fora Mariano Abalo.

Villares, intervindo nunha sesión de control ante Antón Sánchez e Carmen Santos © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.