50 anos do cambio de tranvías por buses en Vigo cun suborno e con Rajoy e Conde-Pumpido como xuíz e fiscal

A rede de tranvías de Vigo que desapareceu en 1968 estendíase ata Baiona (na imaxe) ou Gondomar Dominio Público Postal comercial de Hauser y Menet

O 16 de maio de 1968, hai agora 50 anos, a Corporación municipal de Vigo, reunida en Pleno e presidida polo alcalde Rafael Portanet, aprobaba a adxudicación á empresa Vitrasa do novo servizo de transporte urbano con autobuses, que implicaría a desaparición, o 31 de decembro daquel mesmo ano, dos históricos tranvías que desde 1914 artellaran a cidade e as vilas próximas. Tras aquela decisión, dez concelleiros daquela corporación recibiron do conselleiro delegado de Vitrasa diversas xoias valoradas en 169.700 pesetas. A Audiencia de Pontevedra, presidida por Mariano Rajoy Sobredo e con Cándido Conde-Pumpido Ferreiro como fiscal, pais respectivamente do actual presidente do Goberno central e de quen foi fiscal xeral do Estado, absolveu en 1970 aos acusados, pero dous anos despois o Tribunal Supremo revogaba aquela decisión e condenábaos por suborno. Recuperamos aquí o que dicía aquela sentenza do Supremo.

O 16 de maio de 1968 o Pleno municipal adxudicaba o transporte urbano a Vitrasa, que regalou a dez concelleiros xoias valoradas en 170.000 pesetas

Moitos anos antes da actual aposta de moitas cidades polos metros lixeiros ou os tranvías, cando a área metropolitana de Vigo contaba cunha das mellores redes do Estado dese sistema de transporte, Portanet, alcalde franquista entre 1964 e 1970, considerou que os trens eléctricos eran algo “anacrónico” e que o “moderno” estaba nos autobuses. Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza condenatoria do Supremo, o 22 de novembro de 1967 o Pleno do Concello aprobou as bases do concurso para adxudicar “o servizo de transporte urbano colectivo mediante autobuses e microbuses dentro do casco urbano da cidade; presentándose en tempo hábil oito proposicións”.

Nese concurso, a propia Corporación municipal reservábase a capacidade de adxudicar puntos que se sumasen á valoración técnica das ofertas, para o que se celebrou un Pleno o 16 de maio de 1968 que acordou adxudicar o servizo a Vitrasa. A estrea dos autobuses pensouse para o outono, “pero o señor Alcalde de Vigo urxiu o acto de inauguración do servizo, polo que houbo de ser anticipado ao 28 de agosto, celebrándose, entre outros actos, un banquete ao que concorreron máis de 300 comensais”, relata a sentenza.

Segundo a sentenza, varios concelleiros “chegaron a consultar co señor Alcalde” a procedencia de aceptar os regalos, “quen sen tomar decisión algunha manifestoulles que na súa opinión o asunto carecía de importancia”

Para esas celebracións, o conselleiro delegado de Vitrasa, Juan Gonzalo Álvarez Arrojo, que seguiría a medrar no sector do transporte por estrada, tiña previsto “regalar uns obxectos conmemorativos de tal efeméride, a cuxa fin se puxo en contacto cos xoieiros Hernández Hermanos, cos que tratou da confección dunhas placas, bandexas ou cousas similares, con elementos figurativos alusivos ao acto”. Pero ante o adianto da estrea do servizo decidido por Portanet o responsable de Vitrasa “decidiu transformar os obxectos alusivos en pequenos obsequios ás señoras das personalidades participantes no acto inaugural, a cuxa fin adquiriu na xoiería Hernández Hermanos nos días 23 e 26 de agosto diversas xoias por valor de 169.700 pesetas, que en parte foron repartidas entre os concelleiros procesados nos días inmediatos á inauguración e xunto coa invitación á súa asistencia”. Segundo continúa o relato dos feitos da sentenza, varios concelleiros “chegaron a consultar co señor Alcalde” a procedencia de aceptar os regalos, “quen sen tomar decisión algunha manifestoulles que na súa opinión o asunto carecía de importancia”. Os regalos, segundo a sentenza, oscilaron entre un colar de perlas cultivadas de 17.500 pesetas ata unha pulseira de ouro de 5.750 pesetas.

Fragmento da nova sobre a vista oral do xuízo por suborno publicada por 'El Pueblo Gallego' Dominio Público El Pueblo Gallego / Galiciana

A Audiencia de Pontevedra, con Mariano Rajoy Sobredo á fronte, non viu o delito que pedía o fiscal, Cándido Conde-Pumpido Ferreiro, pero dous anos máis tarde o Supremo si considerou que houbera suborno

A Audiencia Provincial de Pontevedra, como relatou daquela o xornal El Pueblo Gallego, xulgou o caso nunha vista oral celebrada o 30 de outubro de 1970 co seu daquela presidente, Mariano Rajoy Sobredo, pai de Rajoy Brey, á fronte do tribunal e actuando como fiscal Cándido Conde-Pumpido Ferreiro, pai de quen logo sería fiscal xeral do Estado entre 2004 e 2012. A Audiencia deu por probados os anteriores feitos, pero na sentenza que pronunciou catro días despois, o 3 de novembro, considerou que non eran constitutivos de delito. Entre outras cousas, os acusados argumentaran que recibiran os regalos despois da adxudicación, que máis tarde votaran en contra de pretensións da empresa ou que o importe das xoias non era tan alto en comparación cos ingresos que xa tiñan. A Fiscalía recorreu a súa absolución e dous anos máis tarde, en sentenza do 5 de maio de 1972, o Tribunal Supremo si considerou que se producira un delito de suborno.

Fragmento da sentenza do Tribunal Supremo que condenou por suborno a dez concelleiros de Vigo pola adxudicación dos autobuses a Vitrasa CC-BY-SA Praza Pública

Malia a condena por suborno ligada á adxudicación dos autobuses urbanos, a concesión non sería revogada e, tras gañar un novo concurso en 1994, o transporte urbano segue 50 anos despois en mans de Vitrasa

Para revogar a sentenza previa, o Supremo tivo en conta o tipo de regalos recibidos e que estes se fixeron por seren os agasallados cargos públicos, “pois evidentemente de non ser os procesados concelleiros naquela ocasión do Concello de Vigo nada percibirían”. O Supremo tamén lembraba que non constaba que “persoas distintas dos procesados” percibiran tamén regalos no marco da inauguración do servizo de buses e salientaba “o propio monto dos respectivos regalos, que lonxe de ser iguais, como adoita ser norma cando se trata de puros recordos conmemorativos, están coidadosamente seleccionados cualitativa e cuantitativamente segundo o receptor, o que xa acredita a intención que guiaba ao facelo”.

Os dez condenados polo Supremo, entre os que non estivo o alcalde Portanet, foron suspendidos para ostentar cargo público durante dous anos, multados con cinco mil pesetas cada un e tiveron que entregar as xoias para que fosen poxadas por Facenda. Malia a condena por suborno relacionada coa adxudicación dos autobuses urbanos, a concesión non sería revogada e segue, malia os cambios accionariais sufridos desde aquela e tras gañar un novo concurso en 1994, en mans da mesma empresa, Vitrasa, desde hai agora 50 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.