0 Gardados para despois

Román Rodríguez e José Crespo, denunciados por prevaricación na contratación de persoal no Concello de Lalín

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Plataforma Aberta Cidadá de Lalín (APAC) presentou este venres unha denuncia no xulgado número 2 de Lalín por un presunto delito de prevaricación na contratación de persoal por parte do Concello entre o ano 2004 e 2015. A denuncia refírese a un total de 38 contratacións "por afinidades políticas ou persoais" que conterían distintas irregularidades e afecta a todas as persoas que integraron neste tempo as Xuntas de Goberno da localidade, entre elas por suposto o ex-alcalde José Crespo (hoxe líder da oposición e senador) e tamén o actual conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, concelleiro na vila entre 1999 e febreiro de 2015.

A Plataforma Aberta Cidadá de Lalín presentou este venres a denuncia no xulgado da vila pola presunta contratación irregular de 38 persoas "por afinidades políticas ou persoais" dende o ano 2004

A denuncia xudicial, presentada pola concelleira de APAC Lara Rodríguez, acompáñase dun informe do xefe de persoal do Concello de Lalín (con data 2 de outubro de 2017) no que se reflicten "diversos procesos de contratación irregular" e tamén da acta da Xunta de Goberno Local do 12 de decembro de 2012 na que se pode ler un informe do secretario do Concello no que advirte destas irregularidades e, ademais, recomenda que o Concello debería adoptar as medidas necesarias para a provisión regular dos postos. O informe foi daquela aprobado por unanimidade. No informe presentado polo secretario advertíase de que "o traballo de contrato temporal subscrito entre ámbalas dúas partes podería terse celebrado sen contar cos requisitos esixidos pola lexislación aplicable" e sinalaba "a existencia dunha causa lícita para extinguir o contrato".

"O Concello contrataba mediante contratos por obra e servizo ou ben a través de contratos eventuais a traballadores e traballadoras para realizar tarefas que se desenvolvían de forma permanente", denuncia

Na súa denuncia APAC explica que "o Concello contrataba mediante contratos por obra e servizo ou ben a través de contratos eventuais a traballadores e traballadoras para realizar tarefas que se desenvolvían de forma permanente". "Estes contratos prolongábanse un ano tras outro sen que existise ningunha resolución de alcaldía nin acordos da Xunta de Goberno Local sobre a prórroga ou a continuidade de contratación, é dicir, facíanse ano tras ano a dedo", sinala. Son situación "non só irregulares senón tamén ilegais", afirma APAC, que se fixeron "co pleno coñecemento dos/as membros da Xunta de Goberno Local", destaca, o que motiva a denuncia colectiva a todos os seus integrantes.

Finalmente, cualifica o sucedido nestes anos en Lalín de "práctica sistémica e absolutamente arbitraria atendendo exclusivamente a afinidades de tipo político ou persoal, ao realizarse esta contratación con absoluta e consciente omisión dos máis elementais principios que rexen a contratación pública". "Dende APAC consideramos de extrema gravidade esta situación e esiximos responsabilidades ao senador e xefe da oposición José Crespo Iglesias, así como aos/ás demais membros da Xunta de Goberno Local", conclúe a formación. Lalín foi gobernada polo PP (CP, AP ou PP) entre 1983 e 2015. Na actualidade Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia) encabeza un goberno de coalición con PSdeG-PSOE, BNG e APAC.

 

38 contratacións denunciadas

No informe que acompaña a denuncia detállanse as 38 contratación sinaladas como "irregulares" ou "ilegais", 35 como persoal laboral e 3 como persoal interino. Trátase de concatenacións de contratos por obra e servizo e/ou eventuais para persoas cuxa actividade era estrutural dentro do Concello. Tamén de procesos selectivos "nos que non se supera a proba pertinente". Existen casos de contratacións concatenados por obra e servizo "que se prolongaron durante máis de dez anos sen que nin sequera se especificase que obra ou que servizo eran obxecto do contrato" e outros "nos que nin sequera se describía a que servizo se adscribía", sinala APAC na súa denuncia. APAC engade que "en ningún momento desvelaremos o nome de ningún/ha dos traballadores/as, pois queremos deixar claro que non estamos indo contra eles/as, senón contra a mala actuación do Goberno de José Crespo Iglesias".

"Para nós todo isto non é nada novo, non só polos antecedentes, senón porque en todo o noso imaxinario colectivo sempre estiveron e están presentes estas prácticas por parte do anterior Goberno do PP", di

A formación comenta que "para nós todo isto non é nada novo, non só polos antecedentes, senón porque en todo o noso imaxinario colectivo sempre estiveron e están presentes estas prácticas por parte do anterior Goberno do Partido Popular". Lembra, por exemplo, que entre os anos 2004 e 2006 o grupo municipal do PSOE presentou varias denuncias sobre as oposicións convocadas para cubrir trece postos de funcionariado do Concello de Lalín. "Non se cumpriron as regras de transparencia, méritos e capacidades xa que, previamente á realización dos exames, o PSOE fixo públicos os nomes das persoas adxudicatarias das prazas; destas, acertaron as once persoas destinatarias das mesmas, pois as outras dúas estaban entre interrogantes, é dicir, que acertaron as once", comenta.

APAC amósase moi crítica, igualmente, con Comisións Obreiras, que "fixo oídos xordos durante todo ese tempo a pesar de ter representación no Concello", denuncia. "Parece que o feito de que existan contratacións irregulares dende o 2004 non supón nada grave, non é un tema a tratar nin polo que loitar polo sindicato", di. Porén, "unha vez que comeza este novo Goberno no ano 2015 este sindicato parece que por fin realiza o seu labor de defensa dos intereses sociais, económicos e laborais dos traballadores e traballadoras", engade.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Crespo di que a súa xestión de persoal foi "impecable" e ve trala denuncia unha "operación política" de Rafael Cuiña

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Lalín, José Crespo, ex alcalde da localidade, respondeu esta tarde á denuncia xudicial presentada por APAC por un presunto delito de prevaricación na contratación de persoal durante o seu goberno. Crespo cualificou a denuncia de "ruído mediático e balas con pólvora mollada" para tentar "desgastar a súa reputación e imaxe política". O tamén senador popular dixo estar "absolutamente tranquilo" e "a disposición de calquera órgano xudicial" para aclarar as acusacións.

Crespo cualificou a denuncia de "ruído mediático e balas con pólvora mollada" para tentar "desgastar a súa reputación e imaxe política"

Crespo asegura que a xestión de persoal na súa etapa foi "impecable" e estivo marcada pola "normalidade nas relacións laborais". O ex-rexedor ve detrás desta denunuca unh "operación política orquestrada por Rafael Cuiña" e sinala que "suporá un punto de inflexión na forma de abordar a política local e o traballo do PP como oposición". Afirmou ademais o actual goberno municipal "está máis preocupado en remexer o pasado que en resolver os problemas dos lalinenses".

O ex-rexedor atacou tamén á voceira de APAC, Lara Rodríguez

José Crespo atacou tamén á voceira de APAC, Lara Rodríguez, quen presentou a denuncia xudicial contra Crespo e os restantes integrantes da Xunta de Goberno da localidade entre 2004 e 2015, entre eles o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Crespo aformou que Rodríguez é "a Irene Montero de Lalín", que "vai dando leccións de ética política e superioridade moral e logo dedícase a contratar servizos de forma discrecional a persoas da súa contorna".